2.7. Cruceiro de Pirís
Lugar: Vozarrei
Parroquia: Lagoa
Esta expresión relixiosa, de dominio privado, está situada ao carón do viario que conduce ao Santuario do San Cosme de Galgao (Abadín). Pertence a varias familias do barrio de Vozarrei, a saber, Celso Franco López, Ricardo Franco e Belarmino Franco Cornide, descendentes dos cregos da "Casa de Piris" de Corbelle. Posúe unha orientación Sw -Ne.
Coordenadas U.T.M. X: 626.340 Y: 4.799.130
No seu conxunto amosa unha serie de elementos artísticos que, nunha orde ascendente, están dispostos do seguinte xeito:
Unha plataforma, formada por tres chanzos de cachotería, que posibilita que o cruceiro se incline dunha maneira perigosa debido a situación na que se encontra. Esta serve de

soporte a unha base monolítica con dous tramos: o inferior, paralelepípedo; e o superior, cunha moldura en caveto ou nacela invertida, e os bordos superiores redondeados; a base remata nun pequeño filete. Na base lense os seguintes epígrafes:
Cara Sw: "EL OBISPO DE MONDOÑEDO CONCEDE 40 DÍAS DE INDULGENCIA AL QUE RECE UN PADRENUESTRO"
Cara Nw: "ANO: 1898"
Por riba da base, o cruceiro prolóngase nun fuste monolítico, de sección cuadrangular nos seus extremos e oitavado no resto. A cara Sw., está ornamentada co relevo dos símbolos da paixón na seguinte orde descendente: tres cravos, un martelo, unhas tenaces, unha espada e unha escaleira de once banzos. A parte superior das súas caras están ornadas cunha "swástica". O fuste actúa de apoio a un capitel de forma troncopiramidal invertida, decorado con volutas nos vértices superiores das arestas e cabezas de anxos nas súas caras. Como remate, unha cruz latina de sección cuadrangular nos extremos do brazo horizontal e oitavado no resto; así mesmo, mostra un tipo de cruz florenzada nos extremos do brazo horizontal e da cabeceira. O anverso, baixo unha cartela anepigráfica, mostra unha imaxe cristolóxica cos seguintes trazos: unha coroa de espiñas na cabeza, inclinada ao lado dereito; os brazos están estendidos, formando unha V pouco acusada ao longo da cruz, mais separados dela ao igual que a cabeza, o lombro e as pernas; as súas mans aparecen abertas; o perizoma está anoado ao lado dereito e as pernas, lixeiramente flexionadas, amosan o pé dereito sobre o esquerdo e ambos os dous sobre unha caveira. Dúas tallas pequenas, posiblemente de San Xoán e da Virxe, franquean a imaxe de Cristo. O reverso, mostra unha advocación mariana da Piedade, vestida cunha túnica e manto, e sentada sobre un trono formado por dous discos ovalados. A Piedade mostra no seu colo o corpo inerte de Xesús a quen lle colle o brazo dereito coa súa man destra; ademaís, a cabeza de Cristo está caída para atrás e o seu brazo esquerdo cae sobre a túnica.
Algúns devotos, que pasaban por ese lugar, que conduce ao Santuario do San Cosme, adoitaban deixar algunhas moedas neste cruceiro.
2.8. Cruceiro da Igrexa de Vián
Lugar: Os Ferreiros
Parroquia: Vián.
Esta manifestación popular, de dominio público, está emprazada no adro da igrexa parroquial. Ten unha orientación Sw - Ne.
Coordenadas X: 631.850 Y: 4.797.020.
Dende unha óptica artística distinguimos unha serie de partes diferenciadas, colocadas nunha orde ascendente da seguinte maneira:

Unha plataforma, formada por tres chanzos de cachotería, que actúa como sostén dunha base monolítica, que mostra un primeiro tramo, de forma paralelepípeda; e un segundo, troncopiramidal cos bordos superiores redondeados. Na cara Nw., lese a seguinte lenda:
/"ANO DE 1895 SE / HIZO ESTA OBRA / POR JOSE RIBAS / BAZQUEZ DE VIÁN"/
Sobre a base érguese un fuste monolítico, de sección cuadrangular nos extremos e oitavado no resto. A cara Sur., está ornada co relevo dos símbos da paixón na seguinte orde descendente: tres cravos, un martelo, unhas tenaces, unha espada e unha escaleira de dez banzos. Na parte superior das catro caras hai un rebaixe circular, que leva inscrito unha roseta de seis follas. O fuste úsase como sostén dun capitel de forma troncopiramidal invertida, decorado con volutas nos vértices superiores das arestas e cabezas de anxos nas súas caras; este amosaba algunha voluta deteriorada e outras desaparecidas. O cume do cruceiro remata nunha cruz latina, de sección cuadrangular nos seus extremos mais coas áreas oitavadas no resto; ademaís, mostra unha cruz de tipo florenzada nos extremos do brazo horizontal e na cabeceira. O anverso presenta, baixo unha cartela anepigráfica, unha talla cristolóxica coas seguintes peculiaridades: unha coroa de espiñas na cabeza, inclinada ao lado dereito; os brazos están estendidos, formando unha lixeira V, ao longo da cruz mais separados dela ao igual que a cabeza, o lombo e as pernas; as mans aparecen abertas; o perizoma está anoado ao lado dereito; e as pernas, lixeiramente flexionadas, amosan o pé dereito sobre o esquerdo e ambos os dous sobre unha caveira. O reverso mostra unha imaxe mariana coas mans cruzadas sobre a cintura e vestida cunha túnica e manto.
Ata comezos da década dos noventa, este cruceiro estivo no antiguo cemiterio, situado no barrio de Bouzas, preto da desaparecida "capela da Trindade". Denantes, era coñecido como "cruceiro do Porto".