Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - miércoles, 04 de junio de 2025
Baixo un sol case de xustiza

Sento despois de botarlle peito ó asunto. Desde as dúas e media do mediodía, que foi cando marchei. Baixo un sol de... de xustiza poida que non, pero case case. Ou de xustiza si, no momento de meterme no coche. Un coche ó sol é abondo criminal. Como para suar. Non son dos que súo moito.
Cheguei á aldea sobre unha media hora máis tarde... co mesmo sol, máis ou menos. Pingas de Orballo Quiteime de roupa nova ou roupa posta para vestir a vella, a usada unha e máis veces, a que está para fochicar na finca. Nun amén collín o sachiño e púxenme co asunto. Como o sol seguía de case xustiza, saqueime de camisa para botarlle peito ó asunto.
Empecei a cavar ou sachar as patacas. A parte de arriba da finca xa as tiña bastante grandes, o que me fixo exclamar de que tivera que resolver ese asunto xa o sábado pasado. Como xa non había volta atrás, seguín. Empecei a cavar ou sachar coa intención de facer só esa parte. Porque a parte de abaixo aínda eran algo pequenas (sementáraas por quendas e pasara tempo dunhas a outras a causa da climatoloxía, das chuvias). Temendo que dentro de dous días non puidese e que medrasen nun alustro como as de arriba, foi polo que decidín seguir botándolle peito ó asunto.
E fun, e deille, e sen descansar seguinlle dando. Xa se me metera na cabeza que tiña que rematar para poder quedar un pouco na Valenzá e non ir dereito para a casa, é dicir, quedar de can.
Cando rematei había que sulfatalas. A intención era só tamén as de arriba. Acabei sulfatándoas todas. Así mataba dous paxaros dun tiro. E todo o asunto resolvérao en menos de dúas horas. Baixo un sol de case xustiza. Un heroe labrego! E escravo. Pero heroe.

Polas caldeiras do tempo

Fun correndo a un sitio. Acelerei para ir a outro. Mirei alí. Busquei alá. Parei e sentei entre os dous. Esperei. E notei o silencio preñado de melancolía. A melancolía pariu momentos nos que a felicidade ía e viña por todas as cores do arco da vella. E sentín a calma que chega tras a treboada. A treboada, desgraza; mentres que a calma... a calma, sosega, serena, acouga. E reparei nese instante que acaece inmediatamente despois do berro. O berro rebentara logo de que a quietude, a placidez deixou de ser asimétrica.
Na algarabía bailei unha mazurca para espantar os medos e, ó mesmo tempo, espallar os pensamentos. Esparexinos, cisqueinos, estreinos por cada recanto do meu lameiro; ese no que a herba crece e os desexos se regan. Lameiro de herba verde. Lameiro de herba seca. Vida que vai e ben polas caldeiras do tempo... as que regan o lameiro, o meu lameiro.
Tras o medo, asomou a valentía, a bravura, a afouteza, a velocidade das ansias, a explosión da luz e os impulsos afectivos. Todo ten o seu principio. Todo ten a súa fin. E en cada flor do toxo houbo un instante supremo, sublime, culminante, extraordinario. En cada cor do arco da vella houbo unha feliz espera. Tamén un ouleo longo, profundo baixo a lúa vella.
Logo de correr, de ir e vir, de esperar, de berrar, de bailar, de segar, de espallar, de regar, do medo, da explosión, dos impulsos... todo quedou en silencio. E no silencio residiu, habitou, morou o baleiro.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES