Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A xenerosidade na nosa contribución... Ten premio! (8)

Gómez Vilabella, Xosé M. - viernes, 06 de junio de 2025
¡Vinte séculos, e aínda estamos así! Sinceramente, pouco fixemos pola expansión do cristianismo, en tanto tempo, e co que avanzaron os medios de comunicación de masas. A estas horas, se fósemos cumpridores do mandato divino, non deberían quedar infieis, e tampouco ignorantes, da Boa Nova. ¿Onde, como, e cando fallamos?
Certo é, tamén, que temos ao diabro na oposición, empuxando firme para tirarnos ao abismo, para apartarnos do Ceo, do que el mesmo foi expulsado, por traidor. Na súa ousadía incluso tentou a Deus feito home, pero Xesús, á vez que o devolvía aos abismos, deixounos a lección de como hai que tratalo: "Xesús respondeulle: -Tamén está escrito: 'Non tentarás ó Señor, ó teu Deus'. Mateo, 4:7 ¡Non volveu ata o Calvario, onde a levou cadrada, pois alí do mal resultou un ben: a nosa salvación, a definitiva!
Na loita entre o ben e o mal temos que elixir campo, e non sempre o facemos, que aí está a nosa debilidade: ¡poñámonos de parte do gañador, que é Deus, que sempre o será, polos séculos dos séculos! Se así o viñésemos facendo, todo o orbe estaría santificado, pero, ao fallar na execución das Leis Divinas, o triunfo avanza, ¡como non podía ser menos!, pero, amodo, e non con bos modos.
¿Que o diabro aínda conserva un poder tentador? ¡Iso é simplemente porque non o arredamos coa espada fulminante, coa da humildade e coa oración; en definitiva, coa exemplaridade!
-.-

¿Exemplaridade? Este pecador, este servidor, este comodón, coñeceu dous casos de exemplaridade magnífica e frutífera, dignos de mención, entre outros por suposto. Ambos en África:
. O arcebispo de Tánxer, Monseñor Francisco Aldegunde Dorrego, nado o 12 de marzo do ano 1896, en Chamoso (Lugo).
As simpatías que tivo entre os musulmáns de Marrocos logo estou por dicir que igualaban, se non superaban, ás que lle tiñamos os cristiáns. Aquel home predicaba co exemplo, tanto ou máis que coa palabra: sinxelo, afable, comunicativo... Que eu saiba, non foi canonizado, pero, meréceo!
A xenerosidade na nosa contribución... Ten premio! (8)
. Outro caso notable foron aqueles franciscanos de Sidi Ifni: Fray José e mailo Padre Santiago. ¡Canto me pesa non terlles feito unha foto cando os vía rodeados de cativos musulmáns, bicándolles o seu cordón franciscano! Aquilo foi un milagre, un milagre edificante: Non tiveron que dicir, "Deixade que se nos acheguen os nenos..." Non houbo musulmán que llelo impedise, polo ben que facían e pola simpatía que se lles tiña nas dúas relixións.
Anécdota cruel: Os franciscanos foron expulsados de Ifni, coa anuencia do Nuncio, única e exclusivamente por obedecer ao bispo de Canarias, Pildaín: non lle deron a comuñón á cuñada dun militar de altísima gradación..., ¡porque ía comungar escotada e pintarraxada!
(Isto foi antes do Vaticano II)

-.-
A exemplaridade apostólica

Xa que somos apóstolos, sucesores dos Apóstolos, continuadores da súa obra, e todo iso por mandato divino, sería bo que fixésemos un curso de cristiandade, imitando, aprendendo deles; non si?
"Recibiréde-la forza do Espírito Santo, que virá sobre vós, e seréde-las miñas testemuñas en Xerusalén, en toda a Xudea e Samaría, e ata os confíns da terra".
Ah; pero nós non tivemos Pentecostés! E logo, o Bautismo non foi unha admisión no cristianismo? ¡Estamos admitidos na herdanza; daquela somos administradores dela!
«Cando veña Él, o Espírito da verdade, ensinaravos toda a verdade» (Juan 16:13)
¡A iso imos, ata onde sexamos capaces!
Non temos que inventar nada, como fixeron os falsos profetas desas pseudo relixións que por aí andan esparramadas, cheas de absurdos e de contradicións, e non obstante, cridas e cumpridas por moita xente. A doutrina cristiá é perfecta, perfectamente demostrada, co cuño irrebatible da resurrección de Cristo, e todo iso testemuñado polos Apóstolos de mil maneiras, incluso co sacrificio das propias vidas na defensa da verdade absoluta. Daquela, ¿por que non avanzamos máis á présa? Pois..., pola miña culpa, e comigo, a desta caterva de pasotas, tan dados que somos á comodidade, ao desagradecemento.
¿Cabe mellor regalo có de bautizarnos? Nese caso, ¡sexamos agradecidos, compartámolo; sexamos testemuñas, catequicemos!
“Ti, Señor, que coñeces os corazóns de todos, amosa cal destes dous escolliches para ocupar neste servizo do apostolado o lugar que Xudas deixou para ir ó sitio que lle correspondía”. Feitos 1, 26. Eu, servidor, non me chamo Matías, pero si Xosé María, así que..., se non hai outros mellores, preséntome voluntario, para predicar...; se non é cos feitos, de pobres que son, a ver se de palabra, en galego, que igual soa como Galilea! Para comezar, invocarei ao profeta Xoel, aquel que dixo: “... todo o que invoque o nome do Señor será salvo”. ¡Aí o tedes: Eu tamén quero salvarme, e para iso, no que de min dependa, ensinareilles o Camiño, o verdadeiro, aos meus lectores, se é que algún teño, ou me queda!
Non teño afillados, que ninguén se fiou do meu bautizo, pero aínda estou a tempo; podo comezar acordándome de Pedro, que dixo: “Arrepentídevos e cambiade, que cada un de vós se faga bautizar no nome de Xesús para o perdón dos seus pecados, e recibiréde-lo don do Espírito Santo. Porque a promesa é para vós e mais para os vosos fillos e para tódolos que están lonxe, tantos como queira chamar o Señor noso Deus”.
Tódolos crentes vivían unidos, e tiñan todo en común. ¡Daquela volvamos ás andadas, pidamos os votos para Xesús de Nazaret, pois ese Salvador é o único que non falla: é católico, é universal! E se nos ameazan os inimigos, chamemos tamén a Pedro para que nos defenda, que lles dirá aos tales, como fixo aquel día en Xerusalén: “Xulgade por vós mesmos se está ben diante de Deus obedecervos a vós antes cá a El, porque non podemos deixar de falar do que temos visto e sentido”.
¡Que sublimes as vivencias daqueles crentes iniciais; non poderíamos imitalos, nós; sequera imitalos? “A comunidade dos crentes tiña un só corazón e unha soa alma, e ninguén consideraba como seu o que posuía, senón que tódalas cousas eran comúns”. Feitos 4, 32. Hai, e houbo, adoradores de ídolos que tamén predicaron a fraternidade, pero a cristiá vennos do Mestre, do propio Fillo de Deus, o único que foi capaz de multiplica-lo pan, o único que se quedou con nós, baixo a forma do pan eucarístico. Con estas verdades, sabidas e demostradas, ¿como somos tan egoístas con este pan? ¿E se Deus, de castigo polo noso egoísmo, nos nega a entrada no banquete celestial? ¡Non quero nin pensalo! Certo é que nos redimiu, pero algo de egoísmo quedounos... ¡Claro; deixóunolo para que fagamos méritos, para que participemos na loita, para que poñamos algo da nosa parte, para que lle demostremos que estamos dispostos á penitencia; xa nolo dixo no Noso Pai, invitándonos á humildade: ... perdoa as nosas ofensas, como tamén nosoutros..., etc.!
-.-

“Entón Ananías, poñéndose en camiño, entrou na casa, e impoñéndolle as mans, díxolle: -Irmán Saulo, quen me manda é o Señor Xesús, que se che apareceu cando viñas polo camiño, para que recóbre-la vista e te enchas do Espírito Santo”.
¡Señor, Señor, cantos Ananías, cantos cregos puxeches no meu camiño para que me predicasen, para que me abrisen os ollos, pero a min..., un cegarato impenitente, custoume ve-la luz evanxélica! Agora que vou vello, déixame acelerar, sequera sexa para recuperar algo do tempo perdido, que vexan en min, polo menos, un pecador arrepentido! Modestia á parte, algo xa fixen, que lle puxen ao meu fillo, Pedro Paulo..., séxase, acollino á súa protección ¿Foi un sopro de Deus? ¡Coido que si!
“Daquela, a igrexa tiña paz en toda a Xudea, Galilea e mais Samaria. Crecía coma un edificio, progresaba na fidelidade ó Señor, e coa asistencia do Espírito Santo ía aumentando en número”. ¿Daquela, por que houbo eclipses, freadas posteriores? ¡Xa o veño dicindo: Porque o diabro non se durmiu, e os cristiáns, si! Agora que está tan de moda acelerar, aceleremos, tamén, na comunicación doutrinal!
“Bernabé foi a Tarso en busca de Saulo e, cando o atopou, levouno para Antioquía. Durante un ano enteiro estiveron xuntos naquela Igrexa, adoutrinando a moita xente. Foi en Antioquía onde por primeira vez ós discípulos lles chamaron “cristiáns”. ¡Vaia, ho, para ter froito, para recoller, hai que sementar! ¿Tomamos nota?
"Por aquel tempo o rei Herodes botou man dalgúns membros da Igrexa para os maltratar. Mando matar con espada a Santiago, irmán de Xoán, e, vendo que iso lles agradaba ós xudeus, mandou prender tamén a Pedro, etc." Hoxe en día sentímonos heroes se nos prenden por calquera burrada política, pero, ¿por defende-la fe cristiá, por defende-las verdades da nosa Salvación? ¡Hai que meditar nisto, analizar esta covardía, tanto que ten de acomodaticia, séxase..., pasotismo! A xenerosidade na nosa contribución... Ten premio! (8)
Os maquiavelos dos partidos políticos captan, e pagan, manipuladores do pensamento para que lles fagan guións pedagóxicos cos que catequizar aos votantes... ¡Arre, demo, que cousa; e nós, os cristiáns, que temos a verdade absoluta nos evanxeos, predicada de balde nas igrexas, domingo a domingo, perdemos o tempo ollando para as mozas..." que van guapas e frescas..."! (Romance de Riello: Pa misa diba un galán - caminito de la iglesia / no diba por ir a misa -ni pa estar atento a ella, / que diba por ver las damas - las que van guapas y frescas!".

¡Cantas veces terei feito de galán de Omaña! (Mellor que non o saiba a miña muller..., por se acaso!)
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES