Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A xenerosidade na nosa contribución... Ten premio! (7)

Gómez Vilabella, Xosé M. - martes, 03 de junio de 2025
En Galicia, a Deus gracias, -a Deus, e de paso, aos teólogos-tradutores-, temos a Biblia de Sept, unha xoia, tanto teoloxicamente como no seu rigor literario; ¡é para sentirnos felices! A xenerosidade na nosa contribución... Ten premio! (7)
A 50 anos do último Concilio é digno e xusto recoñecerlle ese favor que nos fixo aos segrares de corresponsabilizarnos un pouco, polo menos un pouco, no apostolado da Igrexa. Así se recolle no documento Lumen Gentium, núm. 31: "Por laicos enténdese a tódolos cristiáns, agás os membros do orde sagrado e do estado relixioso recoñecido na Igrexa. Son (¡somos!) pois os cristiáns incorporados polo bautismo, que forman (formamos) o Pobo de Deus e que participamos das funcións de Cristo, Sacerdote, Profeta e Rei: Eles realizan (realizamos), segundo a súa condición, a misión de todo o pobo cristián na Igrexa e no mundo". ¡Por fin, recoñecéronos como membros da familia, e non simples invitados!
¿Que aínda queda algo sen facer? ¡Moito, segundo o vaian requirindo as circunstancias, para aplicar o II, ¿ou un Terceiro?, aos tempos cambiantes, evolucionados, pero teñamos paciencia, pois temos un bo Papa..., se lle deixan selo! Por de pronto, pidámoslle ao Espírito que nos perfeccione a título individual, pois algunhas cousas hai que limalas de abaixo arriba, comezando polo puímento dos segrares!
-.-

Pasotismo, pasotas = laissez faire, laissez passer, le monde va de lui-même = Deixen facer, deixen pasar.
Os árabes, ¡en definitiva, parentes!, tamén o aceptan: Séntate na porta da túa casa e verás pasar o cadáver do teu inimigo!
¡Estámosche bos se non nos enfrontamos ao mal, ao mal vivir, que é igual a vivir mal; así que, ou loitar, ou enterra-los talentos! Liberdade, si, pero, libertinaxe, saltearse os mandamentos? Se Deus nos di que amemos ao próximo coma a nosoutros mesmos, non debemos permitirlle malos tratos, séxase, desviarse naquilo que nós mesmos debemos e temos que evitar. ¿Como; a fungueirazos? ¡Non tal, que para algo temos a intelixencia, e coa intelixencia, a elocuencia! Que non se repita aquela convención, aquela recriminación de Unamuno: “Vencereis pero no convencereis!”. ¡Esa é a boa receita: predicar, predicar para convencer, e non para vencer!
A predicación ten que comezar na infancia, coa infancia; facer apostolado desde a caneta, que así axudámoslle ao Redentor a redimir. Ou para que nos deu, para que nos prestou, os talentos? Cando “pasamos”, cando perdemos a motivación no que facemos, do que facemos, daquela volvémonos grises, mediocres. ¿Como se sabe, como se calibra, como se mide? Actuando sen présas e sen agresividade; por algo se di que o malo do ignorante é que ignora o que ignora; nesta ignorancia, para non caer en accións irreversibles, vaiamos amodo, suai suai, como din os mouros. Tampouco hai que confundir iso de “darlle tempo ao tempo” co pasotismo, coa pasividade.
Houbo unha psicóloga, Marina Martín-Artajo, que referíndose á prudencia deu este consello: “Unhas veces o pasotismo pídenos, esíxenos, intervención, e outras, sosego, cariño e coidados”. ¿Con que se mide isto? ¡Coa prudencia! A mesma especialista danos unhas indicacións para centrar o concepto, para distinguilo:
. Anerxia, que é a falta de resposta alérxica fronte a un estímulo ou antíxeno.
.Abulia, falta total de motivación, desinterese, infra-esixencia, funcionamento unicamente desde o principio do pracer.
. Estado de ánimo deprimido, con desilusión e desesperanza.
. Fatiga fisiolóxica, por culpa de esforzos físicos e mentais, tales como saídas nocturnas, exames, deportes, etc.
. Tamén pode tratarse dunha forma de rebeldía encuberta, (que ao parecer aínda está de moda).
Anécdota referente ao pasotismo: Daquela da guerra había un sancristán na miña parroquia (Alfonso da Cordeira) que, ¡xa entón, antes de inventarse o vocábulo!, recomendaba: “Auga que non vas beber..., déixaa correr!”. Daba ese consello, pero el ben que medía o alcance das circunstancias pois cando o puxeron de camisa azul, ¡para perseguir aos rojos, aos ateos!, o primeiro que fixo foi coller a escopeta e presentarse na forxa do ferreiro, para pedirlle que lle torcese un pouco o canón daquela arma, para que ao apuntarlles aos perseguidos o seu tiro saíse desviado..., que así participaba pero non mataba!
-.-

As sucesivas metamorfoses

Témolas no corpo, pero a alma tampouco é estática; ¡evoluciona, facémola evolucionar, nun sentido ou noutro!
¿Como eran os corpos do Adán e da Eva antes da súa caída, antes da súa traizón? Por pura lóxica tiñan que ser anxélicos; non sei se con alas, pero anxélicos, si. A podremia veulles despois, ao cambiar de bando, ao cambiar de amo.
Imos ganando fortaleza, aínda que con achaques frecuentes, ata un momento en que eses achaques poñen o punto final: ¡chega un intre en que a alma se cansa de tanta corrupción, e daquela emigra co desexo de volver ao Paraíso!
Para os corpos fomos elaborando tratamentos e medicamentos, pero a alma témola un tanto descoidada, pasando por alto, ¡tantas veces!, que é necesaria a nosa cooperación ás gracias que nos veñen de Cristo a través da súa Igrexa; grazas que viñeron para todos, incluso para os que nunca oíron pronunciar o seu Santo Nome, que tamén os salva o mesmo Cristo, pero os que recibimos os “talentos” temos unha responsabilidade meirande. ¿No reparto, que; non parece lóxico que Deus deixe fillos sen herdanza, ou si? ¡Iso é imposible, pero aqueles que foron mellores na terra tamén é lóxico que Arriba teñan mellora, que sexan gratificados!
Imos medrando no físico, pero, no espiritual? Aquí hai que recoñecer, hai que matizar, que non tódolos nenos pasan á fase adulta nun ambiente propicio. Os máis arroupados terán menos frío, perfeccionaranse máis facilmente, pero iso conleva a obriga de compartir a capa, como fixo San Martiño, de ensinar aos que tiveron peores oportunidades.

Outra anécdota: Cando ingresei no Banco pronto detectei que os Xefes trataban de escondernos coñecementos que eran básicos para a nosa función. ¿Por que o fan? Lle preguntei a un dos xefes, que fora profesor meu na academia das oposicións. Resposta: -¡Tamén ti o farás, que se trata dun arma defensiva..., para que os novatos non lles pasedes diante! Daquela non se me ocorreu, pero se fose hoxe replicaríalle, facéndome portavoz dos evanxelistas: “Ide, e facede discípulos a tódalas nacións...” ¡O egoísmo, que frea o apostolado, e con iso estámonos freando a nós mesmos!
-.-
Partir e compartir:

O Mestre, en Juan 14,6, ben que nos avisou: “Eu son o camiño, a verdade e a vida: ninguén chega onda o Pai máis que por min”. Daquela, torpeza é ir por mal camiño, pero desviar ao próximo, mostrarlle rutas equivocadas, a sabendas, iso é satánico!
-.-

A orella de Malco...
A xenerosidade na nosa contribución... Ten premio! (7) Juan, 18 -11 "Pero Xesús díxolle a Pedro: Mete a espada na vaíña; ¿ou acaso non hei bebe-lo cáliz que me deu o Pai?"
Xa non son tempos de defende-la relixión coa espada, senón coa lingua, cos feitos, cos exemplos. Hoxe, "Estamos chamados a vivir de misericordia porque a nosoutros en primeiro lugar aplicóusenos misericordia" (cf. Papa Francisco, Misericordiae Vultus, n.9).
Pero ter misericordia non exime de predicar, de transmiti-las verdades evanxélicas. Deus Fillo, igual có Pai, e co seu Espírito Santo, queren evanxelistas, e non pasotas. Cargar coa cruz, si, pero evitar, no posible, cruces innecesarias que sexan consecuencia do noso pasotismo.
Que dixo, que nos dixo, Xesús, que nos ordenou no seu testamento post mortem? (Mateo 28, 20). "... ensinándolles a gardar canto vos mandei. Asegúrovos que estarei sempre convosco ata a fin do mundo". O mundo non se acabou cos apóstolos, pois aquí estamos os seus sucesores, tanto os clérigos coma os laicos, así que esta orde é un auténtico apoderamento, un apoderamento irrevogable, no que participamos todos, todos aqueles que tivemos a sorte de coñecer a Cristo a través dos seus Evanxeos.
Para que o entendesen aqueles cernís, aqueles brutiños do seu entorno, Xesús faloulles, explicoulles, con parábolas sinxelas, de seu intelixibles; ¡pois así temos que facer nós cando damos con interlocutores cernís, abaixarnos ás explicacións sinxelas, pero sinceras, e por ende, convincentes.
Acabo de lerlle ao teólogo Manuel Cabada Castro: "... o que verdadeiramente importa é que cada quen poña ó servizo dos demais os dons que Deus lle deu. Porque -como ben sabemos- Deus non precisa dos nosos servizos. El é en si mesmo absolutamente autosuficiente. Precísannos, en cambio, cantos, máis preto ou máis lonxe de nós, teñen algunha relación connosco. Unha vez máis, a medida ou a tradución máis correcta e máis exacta do noso suposto amor a Deus é o amor que teñamos ós nosos irmáns." ¡Cabal, xusto, amigo Cabada!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES