Filosofía da saudade
Agís Villaverde, Marcelino - martes, 03 de junio de 2025
Coincidindo co 110 aniversario do nacemento de Ramón Piñeiro, un dos intelectuais que soñou un futuro democrático para Galicia durante o franquismo, presentamos en Santiago a edición anotada pola profesora Rocío Carolo Tosar da súa obra "Filosofía da saudade" publicada polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades da Xunta de Galicia.
A dimensión política de Piñeiro foi bastante ben estudada en traballos académicos como a tese de Miguel Barros, logo publicada como libro en Galaxia co título "Ramón Piñeiro e revisión do nacionalismo" (2011). E con anterioridade polo profesor Xosé Ramón Rodríguez Polo estudara con extraordinaria destreza o asunto no seu libro "Ramón Piñeiro e a estratexia do galeguismo" (Xerais 2009).
Faltaba unha achega que recollese a dimensión netamente filosófica de Piñeiro, representada de maneira maxistral na colección de ensaios que compoñen a súa "Filosofía da Saudade", e deste asunto ocupouse a Dra. Rocío Carolo nunha tese titulada "Ramón Piñeiro, filósofo da saudade".
Tiven a sorte de coñecer a Ramón Piñeiro antes de comezar a estudar Filosofía na USC, grazas a mediación de Xaime Isla Couto. Visiteino en 1980 para facerlle unha entrevista sobre a figura de Rosalía de Castro na cultura galega, que publicamos en "Nisca", revista xuvenil de vida efémera. Xa como estudante universitario visiteino moitas veces e pasei horas enteiras escoitando o seu maxisterio.
Preocupábame, e así llo dixen, a conexión entre aqueles filósofos que estudaba na Facultade (Sócrates, Platón, Aristóteles, Descartes ou Kant) e a cultura galega. ¿Que tiña quer ver connosco todo aquel pensamento tan requintado? Piñeiro explicoume coa mellor pedagoxía que a filosofía, a verdadeira filosofía, é patrimonio común da humanidade porque se ocupa de debullar problemas universais.
Mais axiña engadía, calquera que faga filosofía en Galicia vaina facer desde a súa propia realidade e circunstancia. Por riba, en Galicia temos un pensamento diferencial e propio que nos une á tradición filosófica dos países lusófonos: a filosofía da saudade. Adiantada poeticamente nos versos de Rosalía e a que o propio Piñeiro deulle carta de natureza en Galicia.
Na breve Introdución que Rocío escribiu para a "Filosofía da saudade" de Piñeiro, agasállanos cunha rigorosa explicación das coordenadas desta filosofía. Agardamos a monografía que a profesora Carolo Tosar nos debe, froito da primeira tese doutoral na que ela estudou ao Piñeiro filósofo. Un home sen o que Galicia sería doutra maneira.
Marcelino Agís Villaverde, Catedrático de Filosofía.

Agís Villaverde, Marcelino
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora