Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Á beira do camiño: Pobo agradecido

martes, 18 de agosto de 2009
Falo de Galiza. Da nosa Terra. Do noso Pobo. Dunha verba (“pobo”) que está a ser mal utilizada. Incluso, demasiadas veces, chega a ser manipulada. Para algúns odiada ou polo menos con cheiro a fobia. Sobre todo desde o absorbente e mesmo manipulador centralismo. Cómpre recuperala! Como outras moitas do noso fermoso idioma galego. Para recordar, velaí unha simple definición de calquera dicionario, medianamente elaborado. Pobo é “unha colectividade humana, unida por unha tradición, lingua, cultura e historia común”. Outras acepcións: Nación, Xente corrente. Aldea, pobo pequeno” Así de clara. Que ben soan as verbas xente/corrente, pobo/pequeno. Teñen olor, color e mesmo sabor a Evanxeo.

O Pobo galego entra, con todos os dereitos e deberes, na definición que tamén abarca o termo nación, pero non é ese o tema deste día... O que si é, e quero reafirmalo, con consciencia e en conciencia, que este bo, sinxelo e ben asentado pobo galego posúe unha fermosa e rica cultura e tradición cristiá. E non só cre nelas senón que as vive a fondo e ademais as celebra con solemnidade, fidelidade e mesmo con moita alegría e felicidade!

Abonda con lembrar a cantidade de festas (as de sempre e as postas de moda, hoxe en día) e as organizadas para honrar e agradecer a entidades, grupos e persoas individuais que fixeron algo normal “ben feito” ou tamén algo extraordinario polo (a favor) do seu Pobo. Foron (e seguen a ser) moitos os bos e xenerosos, a Deus grazas.

As vilas de Mondoñedo e Vilalba veñen de honrar e homenaxear (a semana pasada) ao arcebispo de Madrid, Monseñor Rouco Varela, con motivo das súas Vodas de Ouro de crego, que quixo compartir cos seus veciños. Feito que aplaudimos! Estou a favor destes actos comunitarios e populares. Mostran cariño e agradecemento. Son signo de vida. E a vida hai que celebrala...para agradecela!

Tamén, por todo o ámbito galego,veñen sendo normais as homenaxes aos curas polo seu labor espiritual e humano e, sobre todo, pola súa entrega xenerosa cara as persoas máis necesitadas. Sobre todo no rural. Foron dos poucos que se quedaron para acompañalos á hora da desfeita. Saber recoñecer isto indica sensibilidade por parte dos galegos e galegas. Sexan ou non cristiáns. Polo que a min toca (xa que tamén vivín iso en primeira persoa) agradezo estes feitos no meu nome e no dos meus compañeiros. Na nosa diocese de Lugo veñen de se celebrar moitas e sonadas homenaxes a cregos nestes últimos tempos. Clara manifestación da grandeza e valores humanos das persoas do “noso maltratado pobo galego”, abondoso en detalles ao través da súa historia.
Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES