Ascensióm do Señor
Cabada Castro, Manuel - domingo, 01 de junio de 2025
A festa da Ascensión do Señor abrangue mensaxes fondas e sublimes. No Cristo do que se nos di que "ascende" ó ceo vén construírse a ponte airosa, ben asentada e segura, entre ceo e terra, entre divindade e humanidade. Con Xesús, irmán noso e fillo de Deus, a humanidade acada a salvación definitiva.
Nela estamos incluídos nós xunto coas xeracións pasadas, presentes e vindeiras. Naturalmente as palabras "ceo" e "terra" hai que entendelas de maneira simbólica, non física ou astronómica. Ben sabemos que o ceo de Deus está en todo lugar e de maneira especial en cada unha das persoas que o queren. Todos e cada un de nós somos así "templos" de Deus. Dicir, polo tanto, como fai Lucas, que el ascendeu ós ceos quere dicir que el, trala súa vida, morte e resurrección, acadou a plenitude da súa unión con Deus Pai. Cómpre non entender literalmente o relato de Lucas coma se o ceo fose un lugar que estivese algo ou moito máis arriba das nubes que nos traen a chuvia. É só unha maneira de expresar o grandioso destino de Xesús e de todos nós.
Ascensión do Señor significa que, dado que Xesús é o Fillo de Deus encarnado ou humanizado, terra e humanidade estarán sempre presentes ante o mesmo Deus por toda unha eternidade. Pois Xesús, o Fillo de Deus, é e será tamén para sempre un de nós, o "Emmanuel", é dicir, o "Deus connosco". Por iso, en certo modo, poderiamos tamén chamármonos a nós mesmos "nós con Deus", igual que Xesús é "Deus connosco". Así como nel humanidade e divindade están e estarán sempre estreitamente unidas, tamén nós por medio da humanidade e divindade de Xesús estaremos sempre con Deus.
A Ascensión amósanos así cal é tamén o noso "camiño", un camiño "ascendente". Xesús dixera de si mesmo que el non só é a Verdade e a Vida, senón tamén o "Camiño". Un camiño que todos estamos chamados a percorrer. Nunha peregrinaxe na que non nos fallarán as forzas do seu Espírito: "Heivos mandar o don prometido por meu Pai". É unha peregrinaxe, unha "ascensión", ademais, que non realizamos en solitario. Os que cremos en Cristo non cremos nel de maneira individual, desligados dos demais. Xuntos formamos un pobo ou, tal como di Paulo, un corpo con diversos membros. El vai sempre diante nosa dirixíndonos, animándonos e dándonos forzas.
Na carta ós Efesios fálanos efectivamente hoxe Paulo de que Cristo resucitado e ascendido ós ceos é a "cabeza" da Igrexa. Deus Pai −dinos el− é quen o someteu todo a el e quen "o puxo por riba de todo como cabeza da Igrexa, que é o seu corpo". E nós somos membros deste corpo misterioso que nel ten a "cabeza" que o dirixe e estimula. Coida el así de tódolos membros do seu corpo místico. Unha cabeza sen o seu corpo sería unha cabeza inerte, sen vida. E o corpo, separado dela, sería tamén un corpo a punto de se corromper e desaparecer. Por iso a plenitude de Xesús como cabeza do seu corpo só pode ser tal se como cabeza ten un corpo unido a ela. Ascensión significa, polo tanto, que, se el como cabeza do seu corpo místico xa ascendeu, esa ascensión non será plena ou perfecta mentres non realicemos tamén nós a mesma "ascensión".
Somos así chamados e convidados a realizarmos un esforzo común, ben unidos á nosa cabeza, cara a unha meta grandiosa e fermosa, que ninguén no fondo pode deixar de apetecer. Porque quen non quere vivir sempre? Quen non busca a verdade total?. Quen non quere acertar co camiño que o leve a unha meta de felicidade sen termo?
Tales desexos son, por outra banda, comúns a todos. Por iso, así como a cabeza ten que estar unida ó resto do corpo para que haxa vida e se poida falar dun corpo ou dunha persoa viva, así é tamén o corpo un conxunto unido de membros e de órganos diversos. Cada unha das partes do corpo depende das outras. Do mesmo xeito formamos tamén entre todos ese fermoso corpo, o corpo místico de Cristo, cabeza nosa, que nos salva e dá vida.
Ascensión do Señor quere dicir tamén, xa que logo, que só podemos "ascender" se nos mantemos unidos non só coa nosa cabeza senón tamén con tódolos membros deste misterioso corpo de Cristo. E a seren membros do corpo místico de Cristo estamos chamados todos, de calquera cultura, relixión, lingua ou clase social que sexamos. Coa Ascensión de Xesús, que vén sendo o cumio da súa Resurrección, estamos pois chamados a agradecer a grandeza de Deus Pai e dos seus proxectos sobre nós.
Paulo fálanos na súa carta de que deberiamos abrir os ollos para intentarmos comprender "o vigor da potencia e da forza" de Deus Pai en relación connosco. ¿Como se nos amosa tal "vigor"? Explícanolo el dicindo que Deus Pai exerceu o seu vigor e a súa forza "resucitando Cristo de entre os mortos e sentándoo á súa dereita nos ceos, por riba de todo principado e potestade, de toda virtude e dominación e por riba de todo título de honra recoñecido neste mundo e tamén no vindeiro". De modo que, se toda Eucaristía é agradecemento, hoxe debería selo de maneira especial por el ternos concedido na Ascensión do seu Fillo o gratuíto don da nosa propia futura ascensión onda El polos méritos do seu fillo, Xesús Cristo, que se fixo irmán noso.

Cabada Castro, Manuel