A motoserra silencia as orquestras
Pinto Antón, J.A. - viernes, 30 de mayo de 2025
Foi aló por 1975 cando Xosé Antonio Abreu creou o Sistema de Orquestras de Venezuela, arrincando da rúa e da violencia a centos de miles de nenos e rapazas. Así descubrimos que a música actuaba como salvavidas para sectores da poboación alleos á educación, exiliados da cultura. Hoxe soa con forza, e soa ben, a figura emblemática do venezolán Gustavo Dudamel, director de orquestra.
A música que constrúe beleza, tamén salva. Axuda, disciplina, ensina solidariedade. A gran música medra a carón doutros que fan música. Que ensaian. Que se esforzan moito moitísimo antes dos aplausos. Esa música fainos mellores, moitísimo mellores. A vida é inconcibible sen respirar música.
Nas barrios duros de Caracas ou de Bos Aires, a música clásica, un instrumento musical, cambiou mellorando a vida miles de nenos, de rapazas cun clarinete, un vioín, unha trompa. Tamén na Arxentina do estridente Milei, tiñan creado o seu Sistema de Orquestras. Todo un revolucionario instrumento de cambio social: o Programa Nacional de Orquestras Andrés Chazarreta, que acolle a máis de 2.000 rapaces en 70 orquestras sinfónicas. Trátase, tratábase dun programa público e gratuíto dependente do ministerio de Cultura. Pero esas dúas palabras, público e gratuíto son pura anatema para a crueldade anarcocapitalista e ultraliberal do señor da motoserra.
Andan as xentes tan atordadas polo estrondo da motoserra que ata aplauden ao que corta dereitos e cercena toda melodía que soe a xustiza social. Ao fin, toda arte sensibiliza. Toda manifestación de cultura vacina contra a barbarie das motoserras. Por iso o programa Chazarreta de música está a ser desmantelado. A cultura que abre asombrosamente os ollos, que esperta e obriga a vivir críticamente éche un perigo. Estorba. Pouco se pode esperar de quen armado coa brutalidade e a ignorancia da motoserra vive obsesionado por destruír a educación pública. Todo o público. Representa a unhas élites desapiadadas cun medo ancestral á educación do pobo. Escola, libros, universidade, bibliotecas públicas, orquestras son sospeitosos habituais. A bárbara motoserra non se detén diante de nada. Xa postos, está a tronzar o Instituto Nacional de Teatro e o Instituto Nacional de Cine.
As artes, a cultura, a música, educan. Amoblan a memoria. Abren os ollos. Para os novos bárbaros son cousas que hai que borrar, cortar, destruír. Queimar os libros como antesala de anular persoas.
Suponse que cando cese o ruído da motoserra, co combustible dos votos democráticos, a xente volverá a pensar. A escoitar música. A admirar o traballo dunha orquestra formada por xente nova dos barrios máis duros. Agora, hai moito ruído apagando a música. A brutalidade e o estrondo da motoserra condena ao silencio ás orquestras.

Pinto Antón, J.A.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora