Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A xenerosidade na nosa contribución... Ten premio! (6)

Gómez Vilabella, Xosé M. - viernes, 30 de mayo de 2025
Ditosos vós cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa: Alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa no Ceo; do mesmo xeito perseguiron ós profetas anteriores a vós.

As persecucións sempre foron semente de cristiáns; aí temos, por poñer un exemplo, o caso da China onde os cristiáns están aumentando de día en día, mentres Europa se materializa, tamén de día en día. ¡Deus se apiade de nós!

¡Señor, perdón; e de perdoado súbeme ao Ceo, para loarte e bendicirte con todos aqueles que me ensinaron a ser cristián!
-.-

SEÑOR, PERDÓN...
POLOS DE OMISIÓN, TAMÉN POR ESES!
-.-

A xenerosidade na nosa contribución... Ten premio! (6)
Señor, ti ben sabes que puiden ser confesor, nada menos que en Herbón, pois ocasión tiven, pero..., quedeime en pecador! Dobremente pecador: Polo que fixen mal, podendo facelo ben; e tamén, polo ben que deixei de facer nas ocasións que Ti, Señor, me fuches dando nos meus noventa anos.
Aquilo dos franciscanos de Herbón... Coido que xa o teño referido: Naqueles triduos dos anos 40, un frade dos de Herbón foi predicar ao meu Montecubeiro, e..., ¡tomounos o catecismo! Soberbia á parte, dos nenos seica fun o que mellor lle soubo a doutrina, tanto do dereito coma do revés. Entón, aquel frade, moi xeneroso, díxolle a meu pai: -Déixeme levar comigo ao seu fillo, que de balde en Herbón, a frade chegará! Pero meu pai, non sei se por respectar a miña condición de morgado, ou porque na súa crenza estimaba que, se deixaran casar aos clérigos, e lles substituían as sotanas por clergymáns, eles deixarían de chamarlles "sobriños" aos fillos propios, alegou que..., ¡que pensaba casalo na casa, para a casa! Con iso, vocación frustrada: ¡No sitio dun confesor, un pecador!
Por estas circunstancias, Señor, non levo alzacuellos; ¡nin o levo, nin o merezo! O meu sambenito debera ser unha pluma de bancario, ¡instrumento xudaico, que en definitiva iso fun, coa atenuante de que algo tiña que facer..., para comer!
Comezarei o meu exame deténdome na gravidade dos males que, podendo, non temos evitado, sexa porque, de cegos coas vaidades mundanas, non fomos capaces de ve-las súas consecuencias, ou pola covardía de non tomarnos as molestias que esixían as fórmulas correspondentes. ¡Señor, en ambos casos, peccáta mea, omisión culpable!
Como dixo Manuel Sánchez-Palacios, "Sancristán que vende cera e non ten cerería, de onde é a súa peccáta mea se non é da sancristía?". Pois iso: Facer o mal é propio do diabro, séxase, da miña herdanza, pero, facer o ben? ¡O ben non é noso, somos delegados, administradores duns talentos que nos encomendou o Señor, así que compre traballalos, multiplicalos! ¿Como se multiplican? Para comezar, predicando co exemplo, sendo exemplares, levemos ou non "alzacuellos", pois algo de administradores temos, todos, incúmbenos a todos.
Paren de lerme, por favor llelo pido, e vaian a Mateo 25, 14-15. 19-21, onde atoparán a parábola do criado fiel, fiel e cumpridor: "Xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito. Pasa a gozar da festa do teu amo". ¡Mecachis! ¡Así que había que utilizar e administrar aqueles talentos? ¡Claro; eran prestados! Non o digo eu, que o dixo o propio Xesús; e ademais, nunha parábola, para que entendésemos a súa lección!
En parábolas tamén falaba meu avó, pero con un matiz, que el contaba os contos verdes en metáforas grises; así resultaba que só entendían os pícaros, ¡maiormente os que xa fixeran a mili! Con Xesús foi ao revés, que o entendían os bos, os chamados ás obras de misericordia, os inocentes.
-.-

Talento, de que clase? O noso dicionario dá tres ou catro acepcións, e todas son positivas. Daquela non podo alegar que o meu sexa/ fose escaso dadas as miñas circunstancias familiares: ¡pobres, pero, honrados!
Meu pai, ¡meu mestre!, era daqueles de "a ferrado", así que non teño atenuantes de orfandade. ¿O resto da familia? ¡Todos a xogo, sen excepción! Entón, se algo omitín, ou en algo non estiven acertado, peccáta mea, mea culpa, absoluta!
V/ . Ne recordéris peccáta mea, Dómine.
R/ . Dum véneris iudicáre sǽculum per ignem.

Nas omisións tamén podemos ter, como dicimos dos actos delituosos, atenuantes e agravantes. O baremo delas está arquivado na nosa conciencia, se a temos cultivada, pois pulila tamén é responsabilidade persoal. ¿Cultivar a conciencia? ¡Non hai horto máis difícil de sachar, maiormente para aquel que se críe rodeado de folgazáns! ¿Unha picaña? Témola en J. Krishnamurti, que nos deixou dito: "A función da educación está en axudarte (¡en axudarte!) desde a nenez; non en imitar aos outros, senón en ser ti mesmo todo o tempo". Ti mesmo, si, pero cadora mellor, máis puído, cepillando acotío na conciencia..., para librarnos do po do camiño, das contaminacións ambientais!

Auto educación. Educación ad intra. Configurarnos a nosoutros mesmos.

Na autoeducación, con ela, o home fórmase, partindo da heteroeducación, conforme á súa vontade autónoma, de desenrolo interior; o individuo mesmo é quen busca a información, e despois de analizada incorpóraa ao seu cúmulo de coñecementos.

O fin educativo é a formación de persoas libres, conscientes e responsables de si mesmos, capaces da súa propia determinación; o seu cultivo está na formación da conciencia moral, séxase, na capacidade de discernir entre o ben e o mal.

¡Que importancia ten, e que pouco valoramos a nosa auto educación! É un dos fallos, unha carencia das máis xenéricas, maiormente nesa idade, tan decisiva, sen retorno fácil, na de adquirir a personalidade, na de soltarse do andador paterno. Ben dicía, e ben aconsellaba, o Padre José Kentenich: "Procuremos ter dominio sobre nosoutros mesmos; e para iso observemos, localicemos, onde está a nosa fortaleza, pero tamén as nosas debilidades. Se nos coñecésemos (a fondo, quería dicir) non tiraríamos tan facilmente pedras ao próximo..., porque nel tamén hai unha mestura (formativa)!".

Iso é o que somos, unha mestura, un cóctel, complexo e mal axitado, pero sempre estamos a tempo de neutralizar os ingredientes perniciosos. ¿Sempre? ¡Case sempre, pero máis vale tarde que nunca!

Vemos a realidade ao noso xeito, aínda que non sempre con acerto, séxase, con visión clara e exacta; por iso compre afondar na percepción dos coñecementos, botarlle máis tempo á reflexión, e non darnos por satisfeitos coa primeira, superficial, impresión que nos formemos da magnitude e do alcance das circunstancias concorrentes. Pero fagamos todo isto, estas depuracións mentais, co farol dos evanxeos aceso, á luz e coas recomendacións profundas, certas, divinas, da palabra e dos feitos don Gran Mestre, que é o noso conselleiro Único, Perfecto, Inmutable, válido para tódalas situacións, para tódalas culturas e para tódolos séculos.

Non se trata, pois, de opoñer rebeldía fronte á cultura que nos rodee, que nos asedie, senón de atemperar as nosas cualificacións, aprendendo a libar o néctar, a parte boa, á vez que nos desentendemos dos erros, dos conceptos malignos, negativos, que nos vaia traendo, inoculando, o mundo circundante. Se imos á tenda, ao almacén, escollemos, ¿non si? Pois no mercado das ideas, outro tanto, que para algo nos ten que valer o noso criterio. Ao respecto sobra explicar que criterio é o xuízo ou discernimento que ten unha persoa, que nos prové dunha actitude persoal para tomar decisións sobre nosoutros mesmos ou sobre outras persoas, cousas ou situacións. ¡O noso criterio constitúenos en xuíces de nós mesmos, así que, outra responsabilidade, na que tampouco caben omisións!

Vemos, acotío, nas opinións que nos ofrecen os mass media, que nunha boa parte dos coloquios non se di máis que conto, labia, razoamentos ocos, e incluso inconexos; con iso e con todo, teñen audiencia, seguidores e votantes; pero o oínte que teña afán de sabedoría propia, selectiva, meditará, reflexionará, absténdose de tragar, enteiras, esas pílulas de tanta actualidade.

De propósito: Cando se xeneralizou a fabricación dos instrumentos de medición foi unha praga a picaresca da súa utilización, pirlos (pilóns) falsos, marcacións, etc., ata o punto de que as autoridades de entón viron necesario crear un control dos mesmos, xeralmente provincial, que denominaron Fiel Contraste de Pesas y Medidas. Aqueles técnicos, así autorizados, estampaban o seu cuño, a marteladas, para evidenciar que o instrumento era legal.

Outra anécdota: O metro orixinal, de platino iridiado, que se conserva no Museo de Pesas e Medidas de París, foi idea do noso veciño ástur, Agustín de Pedralbes, que, no ano 1798, propuxo que se medise o cuadrante do meridiano terrestre comprendido entre Dunquerque e Barcelona. Actualmente o "metro" patrón relaciónase coa velocidade da luz.

Outro caso do noso país foron os ferrados do cereal, que eran máis grandes os daqueles mosteiros que cobraban rendas e foros. Todo isto pasou onte mesmo, e corrixiuse, pero, hoxe, ¿quen controla as trolas que nos contan, e non só as dos fabricantes? Certo é que temos, que hai, diversidade de controis para produtos, pero as ideas seguen, terán que seguir sendo, persoais; a censura delas está, debe estar, no propio criterio do oínte..., ¡se é que nos esforzamos nisto da auto educación!

Neste furacán da globalización das comunicacións, ¡tamén das comunicacións!, un certo paraugas témolo, obtémolo, buscando datos básicos que nos permitan racionalizar as nosas decisións, as propias accións; así poderemos elixir, decidir, partindo de feitos constatados, comprobados, tal que, usando índices numéricos fiables. Con datos na man non será tan azaroso comprobar unha situación, basear plans de futuro, medir avances e/ou retrocesos, determinar prioridades, solicitar ou prever medios e remedios, prantexarnos as consecuencias probables das opcións posibles, etc., etc., pero isto é factible, adoita selo, no material, pois no espiritual temos que volver, sempre, á inspiración evanxélica, válida, como deixo dito, para cada época e para tódalas circunstancias.

Tamén haberá que ter en conta que ese diluvio de datos que agora nos atorda fainos máis voadizos, máis tornadizos, que unha folla de papel. Son os gobernos os entes que mellor poden controlar a suma de situacións persoais, cos seus medios, cos seus aparatos, con esas técnicas de medición de tendencias, así que, pola contra, a persoa individual, a personalidade, esfúmase, cadora máis.

A todo isto, a virtude? Na tradición ética occidental a virtude é considerada como condición indispensable do ser humano. ¡Menos mal, pero, con reservas, pois nesta sociedade materializada o que se busca, o que parece primar, é, ante todo, o éxito, o éxito a calquera prezo! ¡Pois non, non debe ser así, que a moeda da virtude é aurífera, o mellor que temos, o mellor que podemos conseguir no campo persoal, así que non vale desbaratala facéndoa moeda de cambio! Teñamos presente que a virtude, esa selectividade moral, é a única solución, o único que permite ao home perfeccionarse individualmente.

Abundado, e concluíndo, no tema, non perdamos de vista, tampouco, aquela aserción de John Stuart Mill de que o desexo de felicidade é o fin (que deben ter) das nosas accións, pois, sen ese desexo, non é posible nin sequera acadar a virtude. ¡Cantos pensadores teñen matinado nestas preocupacións, e con iso e con todo, nós, os da presente xeración, trasnoitando!

¿En definitiva, é difícil a auto educación? Desde que sabemos ler, desde que nos deixaron ler os Evanxeos, non, en absoluto, pois o Mestre deixounos explicadas todo tipo de leccións, para todo tipo de situacións. Antes do Vaticano II a clerecía, que viña asustada desde aquilo de Lutero, tíñalles pánico ás interpretacións erróneas, pero os da miña xeración tivemos a sorte de que aquela apertura nos collese en idade propiciatoria, así que..., ¡evanxeos, fonte limpa; lelos e aproveitalos, que xa tivemos ressourcement, e tamén aggiornamento! ¿Que nos falta aos católicos? ¡Predicadores, que diso é do que estamos máis escasos; entre que hai poucos, e o pouco caso que lles facemos...!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES