'Fremosas. Cantigas de amigo e de amor' de Barahúnda non é un disco, é un libro que a través dun código QR nos conduce á música do álbum. Unha obra de divulgación para que o público non especializado descubra este legado, esta herdanza cultural de todos os humanos, este tesouro (en palabras de José).
O libro contén varias partes ben definidas: "Instrucións de uso", onde se presenta o chamado artefacto musical, literario e divulgativo. "As nosas cantigas de amigo e de amor" por Helena de Alfonso e José Lara Gruñero que continúan escribindo en "Fremosas, o álbum" e "Álbum musical" no que presentan o traballo en xeral e posteriormente cantiga a cantiga cos datos de cada unha delas, a letra e a música co pentagrama, intérpretes que interveñen, a biografía do autor e tamén a relación especial do dúo con cada unha delas. "O que conta o meu canto" de Helena de Carlos fainos partícipes de como se namora da música do medievo ao tempo que nos fala dela, da súa vida e do papel fundamental que nesta ten a música (incluso compoñéndoa dende pequena para as bonecas), da enfermidade que a limita, da súa familia, do contacto coa música tradicional de península Ibérica e a música celta. "As cordas infinitas" de José Lara Gruñeiro. Neste texto remítenos a el, ao seu autodidactismo e como despois de pasar por músicas moi diferentes (jazz, rock ata o folk e as músicas do mundo) remata nestas cantigas ata a produción e gravación.
Un texto de Aurora Marco: "Con nós, Barahúnda" onde a especialista en literatura presenta cada un dos discos anteriores. Convén observar os títulos: Al sol de la hierba en 2002 que supón unha recuperación e revitalización da música de raíz ibérica e tamén a inclusión de poemas de autores máis ou menos actuais que eles musican. Como unha premonición xa aquí aparece unha cantiga de amor do século XIII "Cando eu vexo as ondas" e a de amigo de don Dinís "Ai flores, ai flores do verde pino." Una hora en la ventana contén cantigas de amigo ao lado de jarchas, música sefasdí, cancións orixinais e poemas musicados de diferentes poetas; neste traballo nótase a presenza da voz feminina segundo a profesora Marco. Múdanse os tempos correspóndese co seu traslado a Galicia, cunha produción case na súa totalidade en galego (cantigas medievais, poemas de Manuel Antonio, canción de Castelao e tamén algunha creación propia. Onde vai o mar, de novo poetas galegos e cantigas, Lorca en galego e propias na súa totalidade. En relación a este traballo a autora do texto explica que hai emoción estética e compromiso coas causas xustas (mulleres, Sahara, refuxiados...). Fremosas, o seu quinto traballo, está centrado nas cantigas galego portuguesas medievais. Doce temas con predominio das cantigas de amigo e un delas de amor. Un disco autoeditado e autoproducido, con todo o proceso nas súas mans.
Unha serie de artigos de diferentes creadores: "As cantigas de amigo dos Barahúnda" de Domingos Morais, remítenos ao territorio da oralidade e remata neses textos das cantigas escritos para ser recitados, cantados e por veces danzados como se pode ver nas iluminacións do cancioneiro da Ajuda. "O decoro" de José Luis Do Pico Orjais fala da honestidade de construír un cantar, de aplicar a lei do decoro para facer máis grandes os textos doutros, dos que poden separalos séculos, como sucede neste caso. Facelo en achegas non definitivas, das que pode haber propostas musicais distintas e todas válidas. "O latexado" de Txema Mawenya. Nel explica como Barahúnda lle ofrece un espazo para desenvolver novas técnicas da percusión tradicional, novos aromas. "Arte" por José Luis Sanz García - Ochoa. O músico e fotógrafo clarifica como o artista sente a necesidade de expresarse e compartir o froito. Aí está a plenitude e tamén a vulnerabilidade e a maxia cando conecta cos demais. Un salto ao vacío cheo de dúbidas. "Coloquios e circunloquios con Paio Gomes Chariño" de Xesús Santos que fai un percorrido por aqueles feitos relacionados con Paio Gomes Charinho e a súa relación con Rianxo. Desta maneira coñecemos o interese de Castelao e Manuel Antonio por erguer un monumento (de Asorey) a este autor e encher de prestixio a súa vila. Mágoa, desta maneira aínda sería máis literaria e artística.
Helena e José fannos partícipes da súa investigación. Divulgan mediante a teoría e a práctica. Traballan o contexto, a letra e a música, compoñendo, cantando e tocando.
Neste proxecto completan ese empeño de Helena por poñerlle música a cantigas medievais que non a tiñan e así devolvelas á vida, espertalas dese soño no que viven no libro pechado. Eles son creadores de fermosura e confesan que pretenden devolverlle ao mundo parte da beleza que se lle quita. De certo que o conseguen!