Non deixan cousa con cousa
A ultradereita gana forza en Europa. Ler esta noticia xusto ó rematar o libro "El día del lobo", de Antonio Soler, é como ver as fauces do lobo abertas e á espera de que se pechen. Porque como cheguen, seguro que non deixan cousa con cousa.
"Hai que sementar o terror, hai que dar a sensación de dominio eliminando sen escrúpulos nin vacilación a todos os que non pensen coma nós. Nada de covardías". Palabras do xeneral Mola.
"Os nosos valentes lexionarios e regulares demostráronlle ós roxos o que significa ser homes de verdade. E de paso tamén ás súas mulleres. Isto está totalmente xustificado porque estas comunistas e anarquistas practican o amor libre. Agora polo menos saberán o que son homes e non milicianos maricóns. Non se librarán por moito que bramen e patexen". Queipo de Llano polos micrófonos de Unión Radio Sevilla.
O mesmo Queipo de Llano deixou outras xoias:
"Ide preparando sepulturas" (E paseos. E cunetas. E paredóns. E fusilamentos).
"Eu autorízovos a matar como a un can a calquera que se atreva a exercer coacción ante vós". E como di o autor do libro: "Coacción podía significar calquera xesto, palabra, omisión ou carencia de entusiasmo á hora de exaltar os valores da Nova España".
Creo que con todo iso está dito e reflectido o Golpe de Estado do 36 e a súa posterior posguerra. Aínda en plena década final dos anos 60 díxome meu pai antes de cruzarnos cunha parella da garda civil: "E dálle os bos días". Foi a forma de dicirmo: o medo nesas palabras. Dun home que, para máis aquel, loitara do lado deles. A simple mudez a un saúdo podía carrear graves consecuencias. Ou simplemente que os mirases de esguello, por exemplo.