Auga de carabaña
O outro día atopeime cunha das mostras máis importantes para saber o auténtico significado dunha guerra,

máis en concreto, a nosa, a Guerra Civil e coa súa correspondente posguerra. O atraso que supón, a miseria que leva consigo. Foi lendo o libro "O río do Esquecemento", de Alba Paz Framil, e no que se contan as memorias dunha nena, da autora, neses anos, ou sexa, finais da década de 1930 e principios da seguinte.
Todo o que acontecía aí, pasoume practicamente o mesmo na década de 1960 e, pódese dicir, principios de 1970, É dicir, con 30 anos de diferenza, nada ou case nada mellorou. A miseria era a mesma e o medo era o mesmo, ou peor. E digo medo político, medo ó réxime. Acabei lendo ese libro como un retrato meu, da miña infancia.
Porén, deixando atrás tanta miseria e tanto medo, atopeime, na páxina 224, cun nome que me fixo sorrir. O nome dunha auga. Auga de Carabaña. Que, segundo a autora, é auga salgada con moi mal sabor. Cientificamente, seica é auga sulfatada sódica, lixeiramente clorurada, de sabor amargo e cheiro a ovo podrecido debido á presenza de xofre. Ou sexa, como a auga da burga de Baños de Molgas. A autora di que lla daban ós nenos para purgalos.
Nos anos 80, e non era xa neno, vivía nunha pensión en Madrid e tiña un acne descomunal. A patroa da pensión, unha señoriña xa moi maior, díxome que tomase auga de Carabaña, que viña nunhas botellas pequenas. Fíxenlle caso e tomei creo que moitas. O seu sabor era o descrito, pero a todo se acostuma un. Tamén me acostumei á auga da burga molguesa. Iso si, a de Carabaña non me solucionou o do acne. Pero foi ver o nome no libro, sorrir e recordar.
Por arriba ou por abaixo?
Asubío polo baixiño un tema de Simone Mendes mentres espero a que me poñan, a que me sirvan o café. Pícame o calo. O ceo quedaba gris, en tramos, negro porque ameazaba chuvia, treboada, tormenta. Pregunta: É importante saber se se está por arriba ou por abaixo? Depende. Depende do asunto, da situación, das circunstancias. En moitos casos, o que está por abaixo leva as de perder... socialmente, politicamente, deportivamente, culturalmente, etc. Noutros casos -creo que en menos-, goza con tal acción, con tal situación.

Se lle damos a volta á tortilla, o que está por enriba, adoita pasalo ben, impoñéndose, mandando, esixindo, mesmo abusando. E hai un terceiro caso que dá igual a postura, a posición, o lugar, a dirección e as figuras do Kamasutra. Neste terceiro caso... a vivir, que é pouco tempo!
Cantaruxo, tamén polo baixiño, un tema de Mariza e deixo que o sabor do café me encha de ansiedade as entrañas. Devezo por saber xa que pasa fóra: se chove, se quente, se hai sol, se cae pedra... O tempo climático, estes días, anda revolto. Como ese corpo que non sabe se se pon por arriba ou por abaixo, como esa persoa que dubida entre unha postura ou a outra. Nestes casos, o mellor é sempre tirar cara á adiante. Aínda que un se esnafre. "Co grande que es, se volteas, pégaste un hostión de campionato", me dixeron unha vez na que comentei que ata facendo o pino se estaba ben.
Escoito un tema de Abe Rábade mentres deixo de mergullarme na situación ou posición de estar por arriba ou por abaixo. A importancia da mesma, o dito: depende.