Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Karl Popper: Algúns puntos de reflexión (IV)

Rubal, Pedro - viernes, 11 de julio de 2025
Permítanme incorporar aquí nesta Parte IV conceptos expostos nas anteriores, partindo doutras obras de Karl Popper, que, seguramente, os clarifican para algúns lectores, incluso co apoio de novas achegas conceptuais. A este respecto, considero, cunha actitude modesta, importante a súa obra escrita en alemán co titulo de "Logik der Forschung", escrita en 1.934, e logo publicada (non traducida!) ao inglés, nestes termos, "The Logic of Scientific Discovery", que en español é traducida como "Lógica de la investigacion científica". Nela mantén que a ciencia debe seguir unha metodoloxía fundamentada na "falsación".

E argumenta que a VERIFICACIÓN da ciencia non se acada multiplicando os experimentos que se fagan, que nada nos proban en termos de seguridade, xa que basta un só para demostrar que é falsa. Por conseguinte, oponse á indución; pero é que, ademais, dinos que a ciencia nunca pode confirmar unha hipóteses, pero, en cambio, si pode refutala definitivamente. Como?. Facilmente: Dedúcese unha consecuencia observable da mesma e móstrase que esa consecuencia non se compre, mediante un razoamento con base no modo tollens, que evito a súa exposición para non complicar. E, en todo caso, o razoamento é válido e contrasta coa invalidez da confirmación da hipóteses. Isto leva a Popper a soster que as teorías científicas son "falsables".

Outra cuestión importante del, que aborda na "Filosofía de la ciencia", é o problema dos límites entre a ciencia e a metafísica, e isto levo a buscar un "criterio de demarcación" entre elas, co propósito de distinguir as proposicións científicas das que non o son, aínda que este criterio non serve para decidir sobre a veracidade e a falsidade dunha afirmación, senón se esta pertence ou non a ciencia ou a metafísica. É sabido que para Popper unha proposición só é científica se é REFUTABLE.

Hai que resaltar tamén que nunca intentou aclarar significados antes de formular teorías, e preguntouse que propiedade distinta do coñecemento científico fixo posible o avance no noso coñecemento da natureza, e, a pesar de que moitos filósofos buscan a resposta na INDUCIÓN, el rexeita este método, para así superar a polémica entre o empirismo e o racionalismo, sostendo que as teorías anteceden aos feitos. Non obstante, estas hai que refutalas para diferenciar as pertinentes das que non o son, atendendo o resultado da "falsación". E enténdese o "criterio de demarcación" como a posibilidade que ten unha proposición de ser refutada ou "falsada". Así a teoría da relatividade e a mecánica cuántica quedan dentro da ciencia, e fora, o marxismo e o psicoanálises.

Pero creo que a importancia do pensamento político de Popper, que só apunto nos apartados anteriores, esixe un pouco máis, xa que politicamente afirma que nas sociedades industriais predominou o socialismo e logo o comunismo, y cando isto non ocorría pola crítica que espertaba a teoría marxista, os marxistas inventaban unhas explicacións ad hoc para demostrar que os resultados inesperados eran consistentes coa teoría. Certamente, este filósofo foi considerado como un teórico do liberalismo, un indiscutible defensor das "sociedades abertas". Así se explica que o comunismo e o nacionalsocialismo foran considerados como totalitarios. El, con rigor, acaba aplicando á política as súas teorías sobre a ciencia, evitando o recurso improcedente ao ideolóxico.

Tampouco esqueceu a historia, que o levou a ocuparse da crises do pensamento occidental. Curiosamente o seu optimismo respecto á natureza humana, desencadeou a crítica aos totalitarismos cunha certa benevolencia, alegando os compromisos dos teóricos coa mellora da condición humana, aínda que fracasaran debido a que se serven de teorías utópicas e metodoloxicamente erróneas. E apoia a súa a interpretación da historia do pensamento político en dúas visións do mundo: Unha reaccionaria, con principios e estruturas propias dunha sociedade cerrada, tal é o caso de Platón, Aristóteles e Hegel. A outra visión é de matiz racionalista e crítico, na que sitúa a Pericles, Sócrates e Demócrito, sobre todo porque están de parte da limitación do coñecemento humano. Incluso publica un breve tratado, titulado "Miseria del historicismo", no que se burla da obra de Proudhon, "Filosofía da miseria", acentuando a crítica do método "holístico", pola súa dificultade para analizar ningunha realidade con el, e polo que respecta ao emprego das utopías e a aplicación de grandes plans totais, que impiden un verdadeiro control científico, levando a o fracaso. Pero ademais sostén que as doutrinas coadas como científicas non diferencian as tendencias das leis universais, que son inexorables, é dicir, non se poden evitar.

Para terminar, podemos articular todo o que deixamos exposto sobre o pensamento de Popper, no marco que establece para ver a realidade, que reflicte na súa doutrina dos tres mundos, nun relatorio que corresponde ao ano 1.967. Nel divide o mundo en tres categorías: Mundo 1, dos obxectos inanimados, os físicos, visibles ou non. Mundo 2, o dos procesos mentais, conscientes ou non, como sensacións de dor, pracer, pensamento... Mundo 3, o do coñecemento obxectivo, onde se analizan os procesos do Mundo 2, que desprega as consideracións subxectivas sobre o Mundo 1, mediante observacións, experiencias, etc. Así pois, producidas as relacións entre o dous Mundos, 1 e 2, entra en acción o Mundo 3, mediante o coñecemento, que pode producir alteracións neles, como ocorre coas teorías científicas.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES