Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Karl Popper: Algúns puntos de reflexión (II)

Rubal, Pedro - viernes, 13 de junio de 2025
Comezo este apartado (II) facendo referencia as teorías científicas contrastables e non contrastables. K. Popper dinos que "só é contrastable unha teoría que afirme ou implique que certos acontecementos "concibibles" non ocorrerán. A "contrastación" consiste en tratar de acontecementos que a teoría nos di que non poden ocorrer" (p. 98, o. c.). E contrastar, aquí, é intentar que ocorran eses acontecementos; se non se logra, a teoría é contrastable.

A ciencia, segundo Bacon, comeza coa observación, e dinos Popper que esta afirmación forma parte do que el chama relixión baconiana, que, con sentido crítico, aínda se repite AD NAUSEAM na introdución dalgún dos mellores libros, e substitúea por esta: "A ciencia, poderíamos dicir tenteando, comeza con teorías, prexuízos, supersticións e mitos" (p. 99, o.c.). É dicir, comeza con problemas. En realidade, parece que se trata dunha expectativa, consciente, ou non. Reparemos, pois, que este noso filósofo nega rotundamente a función da observación neste caso, e insiste en que sempre empezamos creando (e decepcionando de) determinadas expectativas.

No apartado (I) xa apuntaba que Popper non estaba de acordo co método indutivo da ciencia. Agora ofrecemos o resumo do que el pensa acerca do método científico, que consta de tres pasos:

"1.- Tropezamos cun problema. 2.- Tratamos de resolvelo propoñendo unha teoría. 3.- Aprendemos dos nosos erros, sobre todo das nosas solucións tentativas, discusión que tende a conducir a NOVOS PROBLEMAS". (p. 104, o. c.). E estas palabras, problemas-teorías-crítica, integran, na súa opinión, o procedemento da ciencia racional. Imaxínense dando unha conferencia sobre o método científico, coa seguinte afirmación de comezo: "De modo que agora debo dicir que non creo que haxa algo así como un método indutivo ou un procedemento indutivo" (p. 107, o.c,). Non lles parece desconcertante?. Ofrézolles estes puntos de Popper como reflexión, por se resultan adecuados para xustificar os desconcertos de Chomsky, que xa tratei de relacionar, en colaboración anterior, con algún punto do pensamento de Gadamer, e tamén lles indicaba esta obra de Popper que estou utilizando. Pero queda aínda moita lea que desenmarañar.

Por outra parte, Popper dinos que unha sociedade aberta, é dicir, baseada só na idea da tolerancia das opinións discrepantes, esquecendo o seu respecto, e unha democracia, que define como unha forma de goberno dedicada á protección dunha sociedade aberta, non pode florecer se a ciencia se volve posesión exclusiva dun conxunto cerrado onde andan especialistas. Aquí cabe facer alusión ás responsabilidades humanas e sociais dos científicos, tendo moi en conta aquilo que dixo Lord Acton: "para quen o poder tende a corromper, o poder absoluto corrompe absolutamente". Con todo isto, e co perigo da guerra nuclear, encóntrase o noso filósofo. Que nos di...?, porque os científicos están aquí implicados.

Aínda que non desestima o perigo da guerra nuclear, cre que "debemos de tratar de obter os mellores resultados posibles dunha situación moi incómoda. Parece moi probable que durante moito tempo teñamos que vivir a sombra da bomba, e o único que a maioría de nosoutros pode facer, polo que alcanzo a ver, é aceptar a situación" (p.110, o.c.9. Parece que non deberíamos poñernos histéricos, que este perigo é responsabilidade de todos nosoutros. Pero... non son os científicos os que poñen un poder tan devastador nas nosas mans?. Claro..., non se pode poñer a ciencia nas mans dos especialistas, e, non obstante, dinos o seguinte: "Eu penso que serviría para nada que millóns de cidadáns comezaran a sentir que teñen que facer algo respecto da bomba atómica e que, de non facer algo para impedir a guerra nuclear, serían irresponsables e faltarían ao seu deber como cidadáns" (p-111. o. c.).

Aquí, segundo creo, a responsabilidade que está en xogo é a dos científicos, sen prexuízo da que poda corresponder aos cidadáns. Comprenderán os lectores que se Popper deixa todo isto sen profundar máis nesta temática, eu non me considero máis capacitado que para darlles a miña modesta opinión: Os científicos, como coñecedores dos posibles efectos indesexables do resultado das súas investigacións, deberían arbitrar os medios adecuados para establecer un control eficaz, e non contribuír, como pasou coa primeira bomba atómica, a utilizalos perversamente; aínda que despois sentíronse afectados, evidenciando o sentimento da súa irresponsabilidade.

Vexamos agora a ciencia desde outro aspecto, a HISTORIA. Popper escribe: "Os historiadores e filósofos da historia que insisten no abismo entre historia e ciencias naturais teñen unha idea radicalmente equivocada das ciencias naturais" (p. 140. o. c.). Non obstante, houbo grandes científicos que se expresaron en ton humanístico, e incluso, como este mesmo filósofo, hai científicos que cren que o punto de vista de carácter profesional da ciencia natural é erróneo. Unha certa tendencia cre que nestas últimas aplícase a observación e a indución, que Popper rexeita, como se indicou máis arriba. E os que ven grandes diferenzas tamén se apoian en que ven no inicio das naturais a observación e o avance á teoría pola indución.

Popper oponse ao pragmatismo -que considera as teorías como meros instrumentos-, definíndoas como "pasos na nosa pescuda da verdade ou, para ser ao mesmo tempo máis explícito e máis modesto, na nosa procura de solucións cada vez mellores á problemas cada vez máis profundos", (onde "cada vez mellores" significa, como xa veremos, "máis próximos á verdade"), p. 153, o. c. E sostén que os métodos das ciencias sociais teñen moito en común cos das naturais: "a ciencia sempre empeza con problemas e termina con problemas" (p. 154, o.c.), porque "o progreso da ciencia, no esencial, estriba na evolución dos seus problemas" (ibidem). Cabe preguntar como pode xa haber problemas ao empezar. É que se comeza cos coñecementos "precientíficos", cos mitos e as perspectivas "precientíficas", ven a dicirnos o filósofo, quen comprende a teoría como un intento de resolver un determinado problema.

Sigo ofrecéndolles, noutro apartado, estas ideas de Popper que, calquera que sexa a opinión que a vostedes lles merezan, pode ser interesante a apertura ao coñecemento de aspectos máis ou menos ocultos nesta temática, sobre todo no noso tempo no que impera a "tecnociencia".
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES