Karl Popper: Algúns puntos de reflexión (I)
Rubal, Pedro - viernes, 30 de mayo de 2025
Karl Popper naceu en Viena no 1.902 e foi profesor na Universidade de Nova Zelandia. E, aínda que non era membro do Circulo de Viena, abordou problemas lóxicos e epistemolóxicos, opoñéndose ao PSICOLOXISMO e ao INDUCTIVISMO. O destacable no seu traballo é a "teoría neopositivista" da verificación, introducindo a teses da "falsabilidade": As proposicións científicas deben ser "falsables", e, se non o son, hai que rexeitalas como non científicas, por moita probabilidade que teñan, xa que existen hipóteses sumamente probables que non explican nada. Con base nisto, someteu a crítica as teorías de Platón, de Hegel e de Marx. Pero... vamos por pasos!.
Na súa obra "El mito del marco común", como subtitula, os seus traballos encamiñounos á "defensa da ciencia e da racionalidade", e a súa actitude quíxoa manifestar nos seguintes dos versos, traducidos ao galego:
QUIZAIS ESTEA EU EQUIVOCADO E TI NO CERTO,
QUIZAIS CUN ESFORZO Á VERDADE NOS ACERQUEMOS.
Trata, segundo el mesmo afirma, de resumir nestes dous versos unha parte do básico dos seus artigos morais de fe. E a isto chámalle "racionalismo crítico"; pero parece que algún dos seus críticos considerouno dogmático. Aquí refírese á fe na paz, na humanidade, (na tolerancia), na modestia, en aprender dos nosos erros e nas posibilidades de análises crítico. E escribe (traduzo ao galego) "o noso deber non é profetizar o mal, senón máis ben loitar por un mundo mellor" (p. 16, o.c.). Todo un programa!.
O profesor Walter F. Bodmer, especializado na xenética humana, británico, nado en Alemaña, foi un dos primeiros en suxerir a idea do Xenoma Humano, e dixo que o progreso científico é unha bendición mixta. K. Popper trata na súa obra este progreso; pero introduce aquí algo interesante: os obstáculos sociais a el, sobre todo de matiz IDEOLÓXICO. E isto lévoo a distinguir entre REVOLUCIÓNS CIENTÍFICAS e REVOLUCIÓNS IDEOLÓXICAS (estas, rara vez defendibles racionalmente). Considera o progreso na ciencia como o recurso que utiliza a especie humana para adaptarse ao medio, para invadir novos nichos ecolóxicos e para inventalos. E permítanme aquí preguntar se Chomsky, cando nos di que a ciencia ten algo malo, imaxinaría o descontrol deste progreso científico.
Esta adaptación estúdaa Popper desde tres perspectivas, que corresponden a tres niveis: xenético, aprendizaxe da adaptación da conduta e o descubrimento da adaptación, e científico. Nestes niveis, "o mecanismo de adaptación é fundamentalmente o mesmo" (p.19, o.c.), aínda que neles a INSTRUCIÓN provén da estrutura, que, en canto herdada, está exposta a presións.
E no nivel científico, unha nova teoría pode resolver algún problema, mais adoita crear outros NOVOS.
Argumenta Popper que o progreso na ciencia é REVOLUCIONARIO, porque, para que unha teoría nova constitúa un descubrimento ou un paso adiante, é mester que entre en conflito coa súa predecesora, xa que unha teoría, por revolucionaria que sexa, sempre debe ser capaz de explicar plenamente o éxito da súa predecesora. Por iso, as revolucións científicas son racionais (non así as políticas...!), en canto é posible decidir racionalmente se unha nova teoría é mellor que a súa predecesora, e en que o é.
Pero, por suposto, o progreso da ciencia tampouco está libre de obstáculos de orden económico e ideolóxico. Impera aquí, ás veces, a intolerancia, e os científicos tamén caen en modas, como todo intelectual, ideolóxica e intelectualmente. A ideoloxía asalta calquera teoría, credo ou visión científica do mundo, se resulta atractiva e de interese para a xente, sen excluír os mesmos científicos. A revolución darwinista, por exemplo, é ideolóxica e científica: ideolóxica, en canto cambiou a visión que o home tiña do seu lugar no universo, e é científica, en canto substituíu outra teoría biolóxica. Esta revolución, como a de Copérnico, chocou cun dogma relixioso.
No capítulo que dedica a "o mito do marco", considera Popper que a amplitude coa que se defende o irracionalismo no noso tempo constitúe un dos aspectos máis perturbadores, que leva ao relativismo esa doutrina intelectual que se supón determinante do marco no que somos capaces de pensar. E no enuncio do mito do marco, di: "É imposible toda discusión racional ou frutuosa ao menos que os participantes compartan un marco común de supostos básicos ou que, como mínimo, se haxan posto de acordo sobre dito marco en vistas á discusión", traducido ao galego, p. 46.o.c. Pero, decisivamente, este mito critícoo Popper, afirmando que non é un principio lóxico, senón un enunciado falso e perverso, porque se son moitos os que cren nel socavan a unidade da humanidade, incrementando a posibilidade da violencia e da guerra. NON OBSTANTE, RECOÑECE QUE EXISTE NO MITO UN NÚCLEO DE VERDADE. E, aínda así, recoñece que a conversación pode resultar máis frutuosa coa diversidade de marcos, e "unha das primeiras tarefas da razón humana consiste en facernos comprensible o universo no que vivimos" (p. 51, o.c.).
Para este mesmo filósofo, o método correcto de discusión crítica comeza con esta pregunta: Cales son as CONSECUENCIAS da nosa teses ou da nosa teoría?. ¿Son todas aceptables?. Hai que partir de que todos os intelectuais teñen o deber de traballar a favor da substitución da función eliminatoria da violencia mediante a función eliminatoria da crítica racional, xa que "a razón crítica é a única alternativa á violencia que se descubriu ata agora" (p.76, o. c.). Pero talvez conveña ter en conta que Popper non comparte a opinión de Mannheim de que entre o científico social e natural, entre sociedade e natureza, hai unha diferenza esencial no concernente a obxectividade: Os científicos naturais non teñen unha mentalidade máis obxectiva que os sociais, é dicir, non son máis críticos. Cre este filósofo que o problema está no impacto da linguaxe dos estudantes universitarios, posto que "nas chamadas ciencias sociais e en filosofía, a dexeneración do verbalismo "impactante", pero máis ou menos goro, chegou máis aló que nas ciencias naturais" (p.79, o.c.). E engade, a modo de complemento, o seguinte: "Se os especialistas impoñen a súa lei, iso equivalerá ao final da ciencia" (p.80.o.c.).
Creo que tampouco está de máis traer aquí a anotación dalgunhas outras ideas nesta liña do parágrafo inmediatamente anterior. É o caso de Raymond Aron que considerou "os escritos da Escola de Frankfort como opio dos intelectuais", e o mesmo Horkheimer parece que non tivo o interese en pronunciarse acerca do problema do obxectivo ideal de acadar unha "sociedade futura como comunidade de homes libres" (p.86, o.c.). E, segundo Bacon, a observación pura é boa, pero na especulación e na teoría está a fonte de moitos dos erros, porque levan a interpretar mal ás nosas observacións das leis da natureza. "Antes de Einstein, a afirmación da autoridade da ciencia formaba parte da relixión da ciencia" (p. 96, o.c.). Popper, na p. 97, teses 1, dinos que "todo coñecemento científico é hipotético ou conxectural", e que "sería un erro pensar que os científicos son máis obxectivos que o resto da xente". Na miña modestísima opinión, penso que a desmitificación da ciencia non comporta restarlle, en absoluto, ningún dos valores que a avalan en todos os ámbitos da nosa vida; pero a sabedoría debe xustificar a crítica, a prudencia, as disertacións e a cautela, decidir a medida das aplicacións. Espero poder seguir.

Rubal, Pedro