Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - miércoles, 28 de mayo de 2025
O mellor lugar de xuntanza

Deixo caer catro pingas de orballo sobre a auga morna do Arnoia ó seu paso pola burga de Baños de Molgas. A memoria convértese en recordo e a lembranza eternízase nunha folla cuadriculada. Tempos nos que, baixo o cano da auga quente, puñamos caldeiros para que, ó enchelos, levarllos correndo de beber ás vacas. Non sempre chegaban á casa coa auga, non xa quente, senón morna. O encontro con amigos e veciños facía que o tempo voase e a auga arrefriase. Pingas de Orballo
Para evitar moitas veces eses atrasos, esas demoras, o que se facía era (antes de coller a auga, de encher os caldeiros) realizar unha parada e case fonda no mazadoiro da burga. O de case fonda débese a que non se conseguía despegar as nádegas dese mazadoiro, no que todo transcorría en plan social, político, filosófico, cultural, económico, deportivo, televisivo... O mazadoiro da burga creo que foi o mellor confesionario católico e ateo existente en toda a vila de Baños de Molgas. E en toda a vida de calquera dos seus veciños. O mellor lugar de xuntanza de toda a bisbarra.
Logo de poñer o mundo e o que non fose mundo co de arriba para abaixo, era o momento, si, de encher os caldeiros coa auga quente e subir xa polo lugar a fume de carozo. Como se abriran as entrañas, as asaduras no mazadoiro quedaba tan só o típico saúdo ou despedida con quen te atopases. Motivo polo que aínda se podía presumir de chegar á corte coa auga algo quente para mesturarlla con fría (e cunha latiña de sardiñas chea de fariña) para que as vacas a bebesen a gusto.
Deixei caer catro pingas de orballo sobre os recordos.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES