Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Reflexións do meu amigo Balbino acerca de...

Curros Neira, Jesús - martes, 27 de mayo de 2025
A liorta de Eurovisión

Anda estes días o país algo revolto. Aínda non se coñecen oficialmente as causas do gran apagamento do 28 de abril; non sabemos se unha conxura contra o goberno nacional provocou o caos ferroviario do 5 de maio, ou como é posible que caia en boa parte da Península a telefonía fixa e internet provocando que deixasen de funcionar o 061 e o 112... Pero ningún destes problemas ocupa agora á nosa clase política. O tema estrela tras o sábado 17 de maio -por certo, o mesmo día da festa das Letras Galegas- é por que quedou España tan mal no festival de Eurovisión, quen manexa ese estúpido televoto que só nos deu dez miserentos puntos, e que fai unha israelí cantando neste magno evento. E como este é o gran motivo de preocupación no Congreso e nos faladoiros das televisións patrias, o meu bo amigo Balbino non quixo deixar pasar a oportunidade de poñer aquí o seu graniño de area.
Cóntame Balbino que el garda entrañables recordos deste festival. A pesar de que non é ningún ancián, el lembra perfectamente a noite na que España obtivo o seu segundo triunfo no certame. E a cousa non deixa de ser importante porque Balbino non sabe onde se atopaba nin o que estaba a facer cando os americanos chegaron á Lúa, nin viu ningún dos goles que marcou o rei Pelé no mundial de México 70, pero lembra coma se fose onte aquela noite inesquecible en que Salomé, interpretando iso de "desde que llegaste ya no vivo llorando, ¡eh!, vivo cantando ¡eh!, vivo soñando", obtivo o éxito definitivo nos campos de Europa... Aínda que, se dicimos toda a verdade, o certo é que esa batalla deuse en terras da Península e a vitoria houbo que compartila con tres países máis. Pero trátase dun triunfo e iso é o que conta.
Dende aquela mítica noite de marzo de 1969 foron moitas as cancións e os momentos históricos que deixounos Eurovisión: os segundos postos de Karina, Mocedades ou Betty Missiego, e esa marabilla de tema que é "Eres tú", probablemente a mellor canción enviada por TVE a este concurso.
É rechamante que os maiores logros que conseguiu España no Eurofestival fosen cando o país aínda se atopaba baixo o signo da ditadura franquista. Porque Balbino comenta asombrado que, dende aqueles afastados días, a nosa participación no evento foi de mal a peor. E para acabar de amolalo todo, durante o últimos vinte anos os representantes españois practicamente non saíron das últimas posicións, coa memorable excepción de Chanel.
Mais agora, tras o paso polo escenario de Basilea da sevillana Melody -xa saben, a mesma que tivo un éxito apoteósico hai tempo coa cancionciña dos gorilas-, o goberno de Madrid resístese a aceptar o resultado e tomando tódalas armas ao seu alcance, reaccionou con xustísima ira. Só unha conspiración xudeo-masónica pode explicar que, unha vez máis, quedásemos no antepenúltimo posto con só dez puntos concedidos polo público de todo o continente (e algún que outro anexo, como Australia).
Pero Balbino, que non se corta un pelo nin se morde a lingua, ten a súa propia opinión, que paso a expoñer:
Di o meu amigo que se un ano tes un tropezo, é cousa de mala sorte. Pero se arrastras vinte anos de malos resultados se cadra a culpa é túa, ou o que vén ser o mesmo, dos que seleccionan cancións que non lle gustan a case ninguén e que, en xeral, son bastante mediocres. Non cre o meu amigo que exista ningunha conspiración, como o demostra o feito de que fai tres anos case gañamos con Chanel. Pero o significativo é que este bo resultado se obtivo grazas a unha canción composta en Miami por autores americanos que adoitan traballar para Jennifer López, que era para quen estaba pensada "SloMo". É dicir, que o noso maior logro en vinte anos foi grazas a unha intérprete e a uns músicos estranxeiros. Dá a impresión de que o problema está nos nosos artistas ou, en todo caso, nos que se presentan á escolla para este festival. E a Balbino non lle estraña que sexa así, pois un triunfo aquí non garante que vaias iniciar unha carreira exitosa -son moitos os gañadores do festival dos que non volveuse saber nada, polo menos fóra do seu país- pero, en cambio, un fracaso pode supoñer o fin dunha carreira prometedora. Así as cousas a Balbino ocórrenselle dúas solucións: ou pedimoslle a Loreen, a cantante sueca que gañou xa en dúas ocasións o certame, que se nacionalice española ou, no caso de que isto non funcione, sempre podemos ofrecer a Taylor Swift ou a Beyoncé que participen no noso nome. Seguro que se van vestidas cuns very typical spanish traxes de flamenca ninguén darase conta do engano.
Curros Neira, Jesús
Curros Neira, Jesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES