Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A natureza pásase de sabia

Rivas Delgado, Antonio - lunes, 26 de mayo de 2025
Hai desgrazas colectivas e hai desgrazas individuais. A natureza adoita causar máis ben as colectivas por medio de inundacións, temporais, terremotos e, aínda que son máis ben baixo a man do home, incendios. Porén, de cando en cando, a natureza pásase un pouco de sabia e causa unha dor individual. Como a acaecida hai uns días na aldea de Quintá, no concello de Rodeiro, en Pontevedra, cando a unha señora, un raio, unha chispa lle fulminou ó momento 22 vacas. A natureza pásase de sabia Aínda que para moitos semelle que tal desgraza non se pode comparar cunha colectiva, hai que ter en conta que, para esa familia, era todo o seu sustento, practicamente todo o que tiñan. Para o labrego é un infortunio que lle morra tan só un animal, hai que imaxinar entón o alcance de 22 vacas, que tampouco son ovellas, ou coellos, ou marráns; que son vacas.
O suceso sábese que se debeu a que tales vacas ían do monte para a casa por unha carreira encharcada e de todos é sabido que a auga atrae esas descargas eléctricas impresionantes. E non é o primeiro caso que se dá en Galicia. No ano 2002 outra chispa matou a 17 vacas en Curtis, na provincia da Coruña. E outra máis fulminou a 11 vacas nunha corte da Baña, tamén da Coruña, alá polo mes de xuño de 1994.
Ós poucos días tamén se soubo da solidariedade dos veciños ofrecendo cartos ou vacas para esa familia que o perdera todo. Ben certo é que, ante as desgrazas, dunha maneira ou doutra, case sempre nos sentimos solidarios. E no mundo labrego creo que aínda máis, porque sabemos o que custa ter só que sexa algo.
Como anécdota e para explicar mellor o que significa unha descarga eléctrica procedente das tormentas, direi que, sendo eu rapaz, un día que andabamos unha veciña e máis eu no monte coas vacas polo Caneiro, tamén apareceu un forte temporal e un lóstrego caeu tan cerca de nós que, á veciña, que levaba un paraugas cerrado debaixo dun brazo, mandoulle a este a non sei cantos metros de distancia e, ante o estralo e o resplandor da chispa, unha das miñas vacas, a Cireixa, pegou tal salto que pensei que daría unha pirueta, unha pinchacarneira. Aquel día foi cando caín na conta do que supuñan os alustros. E segundo me gustan os tronos, e gozo cos tronos como facía miña nai, desde aquel día téñolle un respecto enorme ós relustros, ós relampos, ás chispas. Que respecto nin que carallo vinte e nove; máis que respecto, medo. Como para non terllo, ante os exemplos desas desgrazas labregas.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES