Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Domingo VI de Pascua

Cabada Castro, Manuel - domingo, 25 de mayo de 2025
A Igrexa pasou por non poucas dificultades internas (non só persecucións) no seu nacemento e desenvolvemento. A mensaxe cristiá era tan nova e liberadora que aínda agora -moitos séculos despois- non nos resulta doado comprender ben a súa mensaxe e sobre todo levala de maneira consecuente á práctica.

A primeira Lectura é unha boa mostra das dificultades e resistencias que existían. Non era doado liberarse de costumes e prácticas, ritos, prescricións e outras normas herdadas do Antigo Testamento para se entregar con alegría e agradecemento á "boa nova", á "alegre nova".

"Nova" no seu dobre sentido, de noticia ata agora descoñecida e tamén no de non ter que ver con cousas "vellas". Na "boa nova" o que prima é practicar a fraternidade, o amor e a liberdade que se derivan da mensaxe de Xesús de sermos irmáns del e fillos dun mesmo Pai Deus. A nosa salvación é así un don gratuíto de Deus, que non se acada co simple practicar ritos baleiros.

Dadas -como digo- as resistencias e inercias antigas, a Igrexa precisou chegar inicialmente a compromisos concretos (entre os cristiáns de orixe pagá e os de orixe xudía), aínda que sen renunciar ó contido fundamental da mensaxe de Xesús. É o que dá a entender aquela decisión que se adoptou e da que se nos di, non sen nela se reflectir un novo aire ou estilo de proximidade ou amizade entre Deus e a humanidade, o seguinte:

"Decidimos, o Espírito Santo e mais nós, non vos impoñer máis cargas cás precisas". E enuméranse a continuación unhas cargas concretas, mínimas en todo caso. Este feito en si mesmo non deixa de ser curioso: acostumados como estaban os cristiáns de orixe xudía a aturar cargas e ritos relixiosos, case semella que os seus lombos non se sentían a gusto sen soportar algo da antiga carga.

En calquera caso, as Lecturas déixannos claro que o específico do cristianismo vai por camiños novos. As palabras que Xoán nos pon no evanxeo en boca de Xesús pertencen ó discurso (se o podemos chamar así) de despedida de Xesús. Respírase nel un aire de familia, de intimidade, de confianza, de paz, que constitúen o que podemos chamar a verdadeira atmosfera cristiá. Aquí non hai nada de imposicións alleas, de ameazas, de medos ou cousas semellantes. Ó revés. Deus faise en Xesús un máis entre nós. Alí, nesta primeira igrexa nacente dos apóstolos e discípulos de Xesús, están con eles o Pai, o Fillo, o Espírito Santo. Todo é unha fonda relación de mutua amizade.

odo é horizontalidade e proximidade. "Non vos angustiedes, nin teñades medo". Porque a "paz" é o don que Xesús nos dá: "Déixovos a paz. Douvos a miña paz". Esa mesma paz á que o que preside a eucaristía se refire inmediatamente antes de dármonos mutuamente a paz. Cando na celebración da eucaristía realizamos este xesto de dármonos a paz, non nos damos mutuamente a "nosa" paz particular, senón a de Xesús, a que El nos deu, a que nos está a dar sempre para ofrecérmola pola nosa parte ós demais.

Deste xeito os cristiáns podemos gozar da felicidade de termos sempre a Deus en casa. Se nos temos achegado ó interior desta igrexa é precisamente para renovármonos e fortalecérmonos mutuamente nesta fe nun Deus que se fixo amigo e familiar onde queira que nos atopemos.

Resulta sorprendente este case incríbel termos a Deus en casa, tal como nolo pon Xoán en boca de Xesús neste seu memorábel discurso: "Se alguén me ama, gardará a miña palabra, e meu Pai amarao, e viremos onda el, e faremos vida con el". É dicir, Deus Pai e o seu Fillo Xesús fan vida connosco se o amamos. De maneira que o templo ou os templos de Deus somos nós mesmos: edificios feitos de ósos e membros humanos; non de pedra, cemento ou ladrillo. Para dicilo dalgunha maneira, Deus, o Deus trinitario (Pai, Fillo e Espírito) ten o seu domicilio, a súa residencia, no interior de calquera persoa -home, muller, neno ou nena etc.- que o queren ou aman en calquera lugar do mundo. Dunha maneira moito máis fonda e real que cando nós dicimos que vivimos en tal ou cal edificio ou andar da Coruña. Cómpre que de cando en vez pensemos nestas cousas, pois son moi consoladoras.

O que aquí comento atopa un complemento esclarecedor no texto da Apocalipse da Segunda Lectura. Fálase alí da Xerusalén celestial como dunha gran cidade. Mais o que a Xoán lle chama a atención é o seguinte: "Nela non vin santuario ningún, porque o seu santuario é o Señor Deus, que todo o sostén, e mailo Año". Algún comentarista da Apocalipse dinos con algo de graza que a nós non nos estrañaría que se nos dixese que nesa cidade non hai "bancos ou supermercados", mais dísenos que ¡"non hai templos"!

En fin. Temos que tomar boa nota de que nin na terra nin no ceo hai templo ou santuario algún no que habite o Deus anunciado por Xesús (o aquí chamado Año da Apocalipse) a non ser nós mesmos e toda persoa de boa vontade, ascendidos á dignidade de irmáns de Xesús e fillos adoptivos de Deus. A grandeza de Deus desborda calquera templo no que o queiramos apreixar. De modo que neste Deus estamos todos e cada un dos que o amamos, ou -se preferides- Deus está "facendo vida" en cantos o queremos. Xa o gran pai da Igrexa Santo Agostiño dicía que Deus era "máis íntimo a nós que a nosa propia intimidade". Deus está, pois, en todo, e todo está en Deus.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES