Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Acta do Xurado da XXIX Edición dos Premios Lois Peña Novo (2025)

González Martínez, Xosé - viernes, 23 de mayo de 2025
Sendo as 12:30 horas do día 22 de maio de 2025 reúnense en Redondela os membros do xurado da XXIX EDICIÓN DOS PREMIOS PEÑA NOVO, D. GREGORIO FERREIRO FENTE, asesor técnico docente da Secretaría Xeral da Lingua que actúa de presidente; como vogais Dª. EVA MARÍA MARTÍNEZ ADEGA, profesora Ensino Medio de Lingua e Literatura galegas; D. OBDULIO IGLESIAS OTERO, oficial Policia local concello de Redondela; Dª. BEATRIZ VARELA MOLARES, técnica de educación do concello de Santiago de Compostela; D. XURXO MARTÍNEZ GONZÁLEZ, responsable Servizo Normalización Lingüística concello Redondela, actuando de secretaria do xurado Dª. CARME PÉREZ VAQUERO, secretaria do colectivo Galeguizar Galicia. Despois de deliberaren sobre as propostas presentadas acordan conceder os premios nesta edición a:

ASESORÍA XURÍDICA DA DEPUTACIÓN DE LUGO: Iniciativa insólita e valente que está a impulsar unha galeguización integral na práctica xurídica dunha institución pública, unha aposta decidida pola lingua propia que se está a converter nun referente para outras administracións públicas, colexios profesionais e asociacións de letrados. Composta por sete profesionais do dereito -homes e mulleres- esta asesoría utiliza exclusivamente o galego en todos os procedementos xudiciais tramitados desde a Deputación Provincial de Lugo, así como na representación xurídica dos concellos da provincia. Un compromiso que se traduce nun cambio radical nos usos lingüísticos dos xulgados de Lugo chegando mesmo ao TSXG, onde se resolven os procedementos en última instancia. O xurado destaca o carácter innovador desta aposta que racha coa tradición desgaleguizadora do ámbito xurídico abrindo camiños para outras administracións e acreditando a súa capacidade para artellar un exercicio xurídico rigoroso, moderno e plenamente normalizado. Un exemplo claro de como a vontade e o compromiso poden provocar unha mudanza estrutural nun dos sectores máis resistentes á galeguización.

Dª. ESTHER ESTÉVEZ CASADO, xornalista e comunicadora galega que desenvolve o seu labor na área de información da TVG en recoñecemento ao seu firme compromiso coa promoción e normalización da lingua galega, destacando como presentadora do espazo “Dígocho eu”, un proxecto innovador, de formato breve, que combina pedagoxía e creatividade para achegar a lingua galega ás novas xeracións dun xeito atractivo e actual e que se emite regularmente acadando unha enorme repercusión nas redes sociais -TikTok, YouTube, Instagram, etc.- converténdose nun referente comunicativo. Con miles de seguidores e visualizacións, ten contribuído de maneira exemplar a facer do galego unha lingua de prestixio, moderna e útil, rompendo estereotipos e animando ao seu uso cotián en amplos sectores sociais. O xurado valora especialmente a súa capacidade para conectar coa xuventude, trasladando contidos lingüísticos de forma lúdica e accesible, promovendo un sentimento de orgullo e pertenza arredor da lingua galega. O seu labor constitúe un modelo de compromiso co idioma así como unha ferramenta fundamental para a revitalización do galego no ámbito dixital e audiovisual.

D. MIGUEL ANXO SEIXAS SEOANE, doutor en Historia da Arte Moderna e Contemporánea e un dos máis destacados investigadores da intelectualidade galega. O seu traballo académico e divulgativo salienta especialmente pola profunda dedicación á figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, símbolo esencial da identidade nacional galega. A súa traxectoria investigadora culminou no ano 2017 coa defensa da súa tese doutoral "Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao. Biografía dun construtor da nación", considerada a biografía máis completa e rigorosa publicada ata o momento sobre o insigne galeguista. Unha obra que constitúe unha achega fundamental á comprensión da vida, obra e pensamento de Castelao, situando a Seixas Seoane como referencia ineludible nos estudos sobre o nacionalismo galego. Desde 1984 forma parte da Fundación Castelao, entidade que actualmente preside, impulsando a súa revitalización e reforzando o seu papel como axente dinamizador da memoria colectiva e da cultura galegas. Salienta o xurado o seu compromiso coa promoción da lingua e identidade do país, así como coa recuperación de figuras clave da nosa historia e pensamento o que o converte, sen lugar a dúbidas, nun dos nomes imprescindibles do noso panorama intelectual.

E non habendo máis asuntos que tratar levántase a sesión sendo as 14:45 horas do dia indicado no encabezamento do que como secretaria dou fe e asinando ao pé os membros do xurado.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES