Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Poesía de Avelino Díaz en 'Debezos' (Íntimas) (19)

Otero Canto, Xosé - viernes, 30 de mayo de 2025
Natureza Viva

Esta poesía, aínda que non pertenza ao xénero pastoril, ten moitos elementos en común. A súa orixe aparece nos clásicos grecolatinos e tivo unha prolongada incursión na Idade Media a través das pastorelas e vaqueiras dos trobadores provenzais, mais cando posibelmente tivo máis forza foi no Renacemento coa mitoloxía de Ovidio (8 d.C.) nas súas Metamorfoses onde poboa a Natureza de referencias cultas.
Moito antes ca Ovidio tivemos a Quinto Horacio Flaco (65-8 a. C.), coñecido como o poeta lírico e satírico. Nas obras de Horacio xa atopamos temas que se converteron nos tópicos literarios de todos os tempos. As súas ideas máis destacadas son as seguintes que tamén se lle poden aplicar ao noso poeta en "Natureza viva":
1. Gusto polo sinxelo e cotián.
2. Aprecio polo tempo presente no que se debe vivir e gozar sen pensar no futuro.
3. A inexorábel chegada da morte que a todos iguala.
4. A preferencia polo desfrute de vida do campo, fronte ao ritmo veloz da cidade.
Nesta poesía tamén está presente o epicureísmo ou doutrina preconizada por Epicuro (341 a.C. - 270 a.C), filósofo grego, xa moito antes de Horacio e Ovidio; o epicureísmo é unha forma de hedonismo, mais non é hedonismo na medida en que declara que o pracer é o único obxectivo xa que tamén hai a ausencia da dor e do medo que entre os tres constitúen o maior pracer, tamén defende unha vida simple polo que resulta moi diferente do hedonismo á usanza porque buscaba procurar o sosego e a paz necesaria para unha vida feliz e pracenteira na que os temores do destino, dos deuses ou da morte quedasen totalmente eliminados.
A esta poesía de Avelino pódenselle aplicar os tópicos literarios recoñecidos, como son, o "carpe diem" (vive o momento). Hai que desfrutar o tempo en que se dispón de beleza, entusiasmo e saúde; é dicir, a xuventude do rapaz e da nena que son labregos e aproveitan as faenas agrícolas para o disfrute do momento.
Tamén se deixa ver dunha maneira un pouco escura, pero visíbel, outro tópico coñecido como "beatus ille" (feliz aquel) que ten o aprecio da vida tranquila no campo, como é o caso dos dous amantes, fronte á axitación da vida mundana e as súas preocupacións.
O "locus amoenus" (lugar ameno) quizais sexa o tópico que máis resalta nesta poesía e corresponde ás tres primeiras estrofas onde a paisaxe é idónea para o amor, debido ao equilibrio dos elementos da natureza que se identifican cos sentimentos humanos. Finalmente o tópico "aurea mediocritas" tamén está presente en canto supón o gusto e satisfacción polo sinxelo e sobre todo polo cotián representado por unha situación de traballo ordinario da nosa Galiza campesiña e labrega.

COMPOSICIÓN DA PEZA
A peza está formada por seis estrofas que son cuartetas asonantadas, moi propias e empregadas a miúdo por Avelino para todo tipo de temática popular, como é o caso, con rima asonante nos versos pares quedando libres os impares seguindo este esquema: / - b - b/.
En canto á estrutura, xa nola fai o mesmo Avelino dividindo en dúas partes o poema porque o autor coloca tres estreliñas (* * *) de separación, outorgándolle catro estrofas á primeira parte e dúas á segunda, que a pesar de ter correspondencia de contidos todas elas, a segunda parte acontece nun tempo posterior ao suceso dos feitos que se desenvolven na primeira parte.

PRIMEIRA PARTE
A nena vai entr-o millo.
a nena vai pola leira;
o rapaz anda no estibo,
o rapaz sabe da nena.

Nesta primeira cuarteta o autor dedícalle dous versos a cada un dos actores, dous á nena e dous ao rapaz, polo tanto preséntanos os personaxes nun "locus amoenus" que corresponden ao milleiral e á estivada. Máis . . . que é o estivo e a estivada? O estivo é un terreo de labranza dividido en leiras que corresponden a distintos donos e a estivada é unha operación que consiste en rozar e cavar un anaco de monte, logo queimar a briza cos terróns, despois espallar a borralla ou cinsa como fertilizante para finalmente, arar a terra e sementarlle trigo, centeo ou aveas. Pero o locus amoenus máis radiante é o milleiral, que co millo ou maínzo con talos altos invita ao amor e o mesmo poeta xa nos informa no último verso o que pode suceder porque "o rapaz sabe da nena".
O agro ten a meiguicie
-regalo da Natureza-
o vento cantigas novas
enfía na gareleira.

O autor séguenos dando siñais desas escenas bucólicas como se dun conto pastoril se tratase, poñendo o lugar e os elementos que compoñen o emprazamento como adecuados para o "carpe diem" ou a vivencia do momento, porque o milleiral ten a meiguería que lle dá o vento que trae cantigas novas abanándose e abalándose entre un mar de arrolos que depenican os garelos ao aparecer e desaparecer como se dunha ampla cama se tratase, e ao mesmo tempo incita ao amor dos personaxes nunha Natureza con maiúscula, que lles ofrece aos rapaces este regalo na gareleira formada polos talos altos do millo que se coñecen co nome de garelos, palabra de etimoloxía escura e posiblemente moi nosa que proceda ou teña que ver coa colleita do noso liño.
A terra ten morno bafo,
teñen meigallos as herbas;
a nena ten corazón,
o mozo fondas arelas.

Continúa o lugar ameno e semella coma se o autor continuara o meigallo do locus amoenus, das Bucólicas e Xeórxicas de Virxilio cos olores naturais da terra como nai procreadora de todo o que existe desprendendo un morno bafo e as herbas en conxunción de olores, visualización e abaneos das mesmas e do milleiral que supoñen cun hedonismo fortuíto onde a xuventude está chea de "corazón" e de "arelas" ou desexos de formalizar o amor neste lugar idílico e propicio.
Nestas tres estrofas primeiras preséntasenos a localización do que vai acontecer e na cuarta aparece como a conclusión esvaída, pero moi clara do que vai vir:
Nos candeales do millo
moitos demiños acenan
i-entre risas e chusgadas
abálanse nas candeas.
* * *

Esta estrofa considerámola como o peche argumental da pastorela, onde o amor se deixa entrever e insinúase ao lector e de aí que sexa máis delicado e deliquescente, pois as candeas ou inflorescencias e as espigas do millo tamén teñen ese outro sabor carnal e sensual das formas por entre as que andan os demiños ou demanchiños, que non teñen nada que ver coa reprobación cristiá senón cuns seres que na nosa Galiza se lles atribúen trasnadas, picardías ou travesuras entre as risas da nena e do rapaz e as "chusgadas" dos dous como símbolo de complicidade e como lugar en que se propicia o amor porque "abálanse as candeas" e esta vez non é polo vento.

SEGUNDA PARTE
Está formada polas dúas estrofas seguintes e separadas por tres estreliñas ás que podiamos concederlles moitos outros significados figurados, mais nós cremos que soamente as usou Avelino para separar, aínda que podía facelo de moitas outras maneiras. Ocórreseme, por exemplo, dicir que as estrelas son unha forza superior e insondábel que conduce os acontecementos, polo xeral, a un desenlace positivo, como sería o caso.
* * *
¡Se falaran os garelos
saberíase na aldeia
o que pasou entr-o millo,
o que socedeu na leira!

Estamos agora noutro tempo posterior aos feitos poñendo en boca dos garelos o misterio que sucedeu no milleiral posto que se falasen os garelos, saberiamos a verdade. Avelino quere deixarnos nese espazo de dubida cun bo sabor de boca e de pensamento o que pasou entre o maínzo, non sen antes indicarnos a murmuración e as críticas do sucedido na aldea onde viven os dous mozos.
Se a cuarteta anterior está representada pola dúbida, a seguinte faino como unha recensión do que realmente tería que pasar e seguro que pasou:
Dous corazóns aburados
por unha pasión acesa;
un amor grande, dous corpos
crucificados na terra.

A nena e o rapaz que teñen dous corazóns cheos de paixón e acesos polo amor que desprenden e non queda outra que queimar a mecha do amor no milleiral onde Avelino nesta estrofa se dedica a ir expoñendo unha enumeración de ideas, como son: Dous corazóns, unha paixón, un amor, dous corpos e logo unha metáfora de tipo relixioso e moi interesante que é a crucifixión dos corpos na terra e cadaquén, se quere entender, que entenda.

HORACIO (2004).- Odas y Epodos. Ed. Cátedra
OVIDIO NASÓN,P. (1964).- Metamorfosis. Vol I-V. Edic. Alma Mater. Barcelona,
VIRGILIO MARON, Opublio (1961).- Églogas. Geórgicas. Colec. Austral. Espasa Calpe. Buenos Aires.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES