Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Poesía de Avelino Díaz en 'Debezos' (Íntimas) (18)

Otero Canto, Xosé - viernes, 23 de mayo de 2025
Amor Fuxido (2)

Segunda Parte: Inverno - Volta

Esta segunda parte compóñena outras seis cuartetas asonantadas relativas ao inverno que ademais de representar a etapa na que foxe a quentura das outras estacións e a temperanza da natureza e do amor, pode tamén referirse o autor á vellez, como inverno das nosas vidas, e á primavera, como a xuventude rebelde na procura do amor.
O autor sábeo moi ben, ten moi asimilado que a xuntanza dos dous producirase de inverno:
Daquela, Amor que me fuxes,
ós meus eidos voltarás
i-ós vieiros das nosas vidas
outra vez se xuntarán.

Mais ese amor tolo da xuventude non se producirá senón que será un amor máis repousado e cheo de tranquilidade:
Pro non tecerá cantigas
o maino vento ó pasar
i-ós paxaros, nos salgueiros
seu canto esquecerán.

Esta estrofa que corresponde ao número 8 vén sendo a negación da estrofa número 4 e que poñemos a continuación:
Agora hai frores nos prados,
tece cantigas o ar
e cantan os paxariños
nas ponlas do salgueiral.

A Poesía de Avelino Díaz en 'Debezos' (Íntimas) (18)
No poema de Avelino, estrofas 9 e 10, sinalando a rigorosidade do inverno, dinos:
Non serán mornos os dias
nin as noites de luar:
enriba de nós, friaxe,
xiar, e sempre xiar.

Cando aterecido veñas
Amor, que tes de voltar,
debullaremos relembros
xuntos, acaron do lar.

Contido que volve coincidir co "Concerto Nº 4 in Fa minore, opera 8, RV 297 (L'inverno) de Vivaldi e co soneto que o mesmo Vivaldi escribe para a composición musical:
Agghiacciato tremer tra nevi algenti
Al Severo Spirar d'orrido Vento
. . . . .
Passar al foco i di quieti e contenti
Mentre la pioggia fuor bagna ben cento.

(Alegre tremer entre a neve prateada/ ao severo sopro do arrepiante vento/ . . . / Estar xunto ao lume, tranquilos e contentos/ Mentres a choiva molla a un cento.)

Xa somentes ollaremos
neve na serra e no chan.
¡Raiolas do sol de Maio
mais non nos han de alumar!

Non haberá mais consolo
pr-o rigor do noso mal
que saber qu-estamos xuntos,
xuntos pra nos enterrar.

Remata o poema coas cuartetas once e doce, xa xuntos os dous amantes, ollando a neve da serra que, por outra parte, se nos vén á memoria a neve da serra de Meira, onde Avelino pasou a nenez e a xuventude, na Órrea e en Meira. Cremos que na derradeira estrofa o amor, como cando un é novo, vai pousando como as bolboretas de flor en flor primaveral, pero cando chega a vellez sentida como un inverno das nosas vidas, entón volvemos ao noso lar xuntarnos cos seres queridos na quentura da lareira e permanecer xuntos ata que chegue o amigo Caronte para pasarnos, non pola lagoa Estixia, senón para levarnos desde o Pedregal de Irimia até o Océano Atlántico e nas profundidades da auga chegar ata os dominios de Hades.

Notas:
DE CASTRO, Rosalía (1972).- Obras completas. Aguilar, 6ª edic. Madrid.
GARCÍA HERMIDA, Antonio (1973).- Charetas. Vigo. Edic. Castrelos
LAMAS MUINELO, Anxo (2012).- Tebras. Xermolos. Irmandade Manuel María. Lugo.
SEIS ESCRITORES DE VILLALBA (ESCOLMA POÉTICA). Colexio Público A. Insua Bermúdez (1986). Deputación Provincial. Lugo
XIZ RAMIL, Xulio.- Os poetas de Villalba. Edic, Celta. Lugo.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES