Reflexións do meu amigo Balbino acerca de...
Curros Neira, Jesús - jueves, 22 de mayo de 2025
A deterioración dos servizos públicos
Dun tempo para acó sucédense as noticias acerca dos problemas causados polo mal funcionamento dos transportes e doutros servizos públicos. Case cada semana atopámonos con fallos ou incidentes que provocan o caos ferroviario e atrasos, ás veces de varias horas, con xente atrapada nas estacións ou -o que é aínda peor- en trens que se deteñen no medio da nada. E a cuestión é: a que se debe que, de súpeto, teñamos todos estes problemas nun servizo que ata non hai moito tempo era dos mellores do mundo? Obviamente, a resposta a esta pregunta é enormemente complexa posto que non hai unha única causa.
O meu bo amigo Balbino é dos que víronse prexudicados nalgunhas ocasións polo mal funcionamento deses medios de transporte que, ou ben terminan por non chegar, ou o fan con considerables atrasos. E Balbino ten máis ou menos claro por que ocorre isto. Segundo el, todo débese a unha deterioración dos servizos públicos, unha deterioración lenta pero imparable que vimos sufrindo dende hai uns anos e que agora é xa imposible de agochar. E aí van algúns exemplos:
Un día os trens páranse, a xente queda encerrada nos vagóns durante toda unha noite sen luz nin aseos, tendo que saír ao exterior para facer as súas necesidades, ou se ve obrigada a esperar na estación durante horas a chegada dun tren que non se sabe cando vai aparecer
E todo este cúmulo de desgrazas sufrímolo porque uns lerchos roubaron o cable das catenarias en varios puntos da rede ferroviaria!! Agora ben, por que iso non ocorre noutros países? E por que pasa aquí precisamente agora? Balbino pensa que todo se debe a fallos na seguridade, se ben non hai que esquecer que a seguridade non deixa de ser unha cuestión de orde pública. Aínda que iso non é todo. Por mor destes feitos, os sindicatos ferroviarios denunciaron o mal estado das instalacións pola falla de mantemento e de investimentos, motivos polos cales outro tren detívose o mesmo día do caos ferroviario cando caeu a catenaria bloqueando a liña durante horas. E isto non se debeu a ningún roubo senón á desidia da administración pública. De igual maneira que o histórico apagamento do 28 de abril non só debeuse a un fallo da rede por culpa dun abuso das enerxías renovables, moi pouco flexibles ante as grandes oscilacións que ás veces se producen por cambios no consumo ou na produción, senón que tamén neste caso os técnicos denunciaron falla de investimentos no mantemento e na modernización da rede eléctrica.
Mais, volvendo aos transportes públicos, este capítulo de fallos e caos nos trens repetiuse dende o 4 de maio noutros puntos e case sempre polo mesmo motivo: os fallos na seguridade polos roubos de material. Os problemas sucédense cada pouco na rede de transporte de proximidade de grandes cidades como Madrid ou Barcelona, e mesmo nun servizo, antes modélico, como o dos trens de alta velocidade.
Outro problema nos servizos públicos témolo no caso lamentable do aeroporto de Madrid-Barajas. A que ata hai pouco tempo era o gran orgullo das infraestruturas españolas, a terminal T4 do aeroporto Adolfo Suárez, é agora unha vergoña. Cada noite máis de cincocentas persoas sen fogar dormen alí, provocando numerosos problemas entre os traballadores e viaxeiros que usan este aeroporto. Denunciáronse agresións sexuais, roubos, venda e consumo de drogas, comportamentos incívicos e ata a práctica de prostitución nos aseos da terminal. E por se todo isto non fose xa suficiente desastroso, unha praga de chinches inza as instalacións pola falta de condicións hixiénicas... E quen ten a culpa desta calamitosa situación, que estraga a imaxe internacional do país? Pois mentres as autoridades bótanse os trastes á cabeza, Balbino cre que a responsabilidade é de todos, pois todos eles teñen en maior ou menor medida culpa desta grave deterioración dos servizos. Uns por non controlar o acceso ao aeroporto e vixiar que se cumpran as normas, que entre outras cousas impiden acampar dentro del, e os outros por non dispoñer de lugares axeitados nos que albergar á xente sen teito que non ten máis remedio que refuxiarse alí. E a iso hai que sumar unha lexislación que non fai máis que poñer trabas ao traballo da Policía e que parece protexer máis aos delincuentes que aos axentes da orde.
Cuestión aparte é a dos prexuízos que cáusanse aos viaxeiros, prexuízos acerca dos cales os responsables adoitan lavarse as mans como Pilatos. Pero a indefensión do viaxeiro non se dá tan só no transporte ferroviario, senón que é un problema case maior no caso das compañías aéreas. Balbino aínda está a esperar que lle respondan por unha reclamación que fixo hai anos pola cancelación dun voo cando tiña que regresar dunha viaxe a Francia. Tras verse obrigado a comprar outro billete a un prezo excesivo e renunciar a noites de hotel que xa tiña pagadas, a compañía que cancelou o seu voo non quixo facerse cargo de tódolos gastos extra que esta medida ocasionou ao meu amigo.
Noutra ocasión, cando Balbino tiña que viaxar a unha cidade escandinava, un atraso no seu voo fíxolle chegar un día máis tarde, perdendo a primeira noite de estancia no seu hotel de destino. Por suposto o meu amigo reclamou á compañía aérea que lle compensase economicamente por esa noite de hotel perdida, pero a resposta neste caso foi, como en tantos outros, o silencio. E a pregunta que Balbino faise é: para que serven as disposicións da Unión Europea? Seica non existe unha Declaración dos Dereitos do Viaxeiro Europeo? Pois si, existe e as administracións públicas non deixan de lembrala, pero parece que ninguén preocúpase de que se aplique correctamente. Quen sabe, se cadra nin sequera a leron!

Curros Neira, Jesús