Acabo de ver unhas imaxes pola televisión nas que a xente se manifestaba en Basilea en contra da participación de Israel no Festival de Eurovisión. (Aínda que a miña intelixencia é pouca, entendo que Euro se refire a Europa, polo que me pregunto que pinta Israel, un país asiático, nun festival europeo? Pero si, paso deste asunto, que intúo que será porque existen aí intereses creados) Paréceme algo normal o da manifestación,

que sei que non se debe a que non pertenza a Europa, senón ó xenocidio que este país está a cometer na Franxa de Gaza.
Que, falando claro, e aínda que a moitos lles custe entendelo, o que pasa aí é un xenocidio, ou sexa, unha exterminación metódica dun grupo social por motivos étnicos, relixiosos ou políticos. A mellor proba: a noite do mércores, por exemplo, 22 nenos mortos, asasinados. Así, a carga cerrada, dunha vez por todas, é dicir, dun bombardeo israelí sobre a Franxa.
Asasinados. E que non se escuden, que non se amparen en Hamás, na guerra nin en nada semellante. Os nenos non saben de guerras, nin de grupos terroristas, nin de trapalladas políticas. Eles non poden ser nunca danos colaterais. Eles, tan só son cativos que ansían xogar nas rúas das súas aldeas, das súas vilas ata que os conquistadores sen conciencia lles cortan, lles truncan, lles mutilan tal ansiedade cun par de bombas de destrución masiva. Asasinados.
Como asasinato é o que se está a producir coa lingua galega e, máis en concreto, no propio Día das Letras Galegas. Si, porque si, porque por ser precisamente ese día, a

defensa da lingua galega lánzase a bado aberto, ós catro ventos durante... uns minutos, ou unhas páxinas nos xornais (poucas, por certo, xa que axiña a información volve a ser en castelán; non vai ser o demo que non entendamos o que lemos). Neste día, todos os colectivos, todos os políticos, todos os que presumen de, felicitan e saúdan con slogans realizados para esta ocasión. Só iso; a partir de aí... ata o ano que vén.
Os políticos son os peores, claro. Son os que deberían velar pola nosa lingua e si que o fan este día: prometendo, planeando, anunciando, presaxiando, falando de que todo vai cambiar. A mesma ladaíña que se soltou e se solta con respecto ó rural: que hai que botar mal del, que pouco a pouco vai a cambiar, etc, cando se ve que o rural xa está máis que rematado. O que lle pasará á nosa lingua. Asasinatos xenocidas e lingüísticos. Así de simple. Así de claro.