2.3. Cruceiro de Carballo
Lugar: Tuche
Parroquia: Santiago de Reigosa
Esta manifestación relixiosa, de propiedade privada, está situada ao carón da "Casa de Jacinto de Castelo" e preto dun cruzamento de camiños. Actualmente, pertence a "Casa de Carballo". Ten unha orientación Se-Nw.
Coordenadas U.T.M.: X: 631.910 / Y: 4.783.700.
A nivel artístico, consta dunha serie de elementos claramente diferenciados e dispostos nunha orde ascendente da seguinte maneira:
Unha plataforma, formada por tres chanzos de cachotería recubertos de cemento. Esta

serve de sostén a unha base monolítica na que apreciamos dúas partes: a inferior, de forma paralelepípeda; e a superior, troncopiramidal coas arestas superiores redondeadas. Na cara Norte lese o seguinte epígrafe: "ES PROPIED / DE FRANCISCO NI / ETO LEDO / AÑO D 1907" /. Na cara Oeste (W) lese a seguinte inscrición: / "YLMO SR / OBISPO DE MON / DOÑEDO CONCE / DIO 40 DIAS DE YN / DULGENCIA"/. Por riba da base érguese un fuste monolítico, de sección cuadrangular nos extremos e coas arestas oitavadas no resto. A cara Oeste (W) está enfeitada co relevo dos símbolos da paixón na seguinte orde descendente: tres cravos, un martelo, unhas tenaces, unha espada, e unha escaleira de nove banzos. Na parte superior das caras hai un rebaixe cuadrangular cos dous rombos concéntricos e dous roeis franqueando os vértices superior e inferior das caras Oeste e Leste, e aspas nas caras Norte e Sur. O fuste serve de apoio a un capitel de forma troncopiramidal invertida, ornamentado con volutas nos vértices superiores das arestas e querubíns nas súas caras. Como remate, unha cruz latina, de sección cuadrangular nos extremos e coas arestas biseladas no resto; ademaís, amosa un tipo de cruz florenzada nos extremos do brazo horizontal e na cabeceira. O anverso da cruz mostra, baixo unha cartela anepigráfica, unha efixie cristolóxica cos seguintes trazos: unha coroa de espiñas na cabeza, que está inclinada ao lado dereito; os seus brazos están estendidos, formando unha lixeira V, ao longo da cruz mais separados dela ao igual que a cabeza, o lombro e as pernas; as mans aparecen abertas; o perizoma está anoado ao lado dereito e as pernas, lixeiramente flexionadas, amosan o pé dereito sobre o esquerdo. A efixie de Cristo está franqueda por dúas pequenas imaxes que amosan as súas mans cruzadas sobre o ventre. O reverso, presenta unha imaxe mariana da Piedade, na que a Virxe sedente nun disco ovalado e vestida cunha túnica e manto, mantén no seu colo o corpo inerte do seu fillo, que flexiona as súas pernas formando un ángulo recto.
Este cruceiro conserva restos de policromía de cor azul, negro e vermello no fuste; ocre no capitel; e vermello no Cristo e no santiño. A comezos dos anos noventa do século pasado, a plataforma foi restaurada por Jacinto Legaspi Ramos.
2.4. Cristo de Andrés
Lugar: Tuch.
Parroquia: Santiago de Reigosa.
Esta manifestación popular, de índole relixiosa, é propiedade da "Casa de Anuncia" (antano a "Casa de Anuncia" recibía o nome de "Casa de Andrés"). Está colocada por riba do valado, que pecha a devandita casa e a beira do viario, que vai ao "Campo do Oso". A súa orientación e W-Leste.
Coordenadas U.T.M.: X: 631.850 Y: 4.793.450.
Dende unha perspectiva artística, está formada por unha serie de partes distintas, que están dispostas nunha orde ascendente do seguinte xeito:
Unha base monolítica, tendente á troncopiramidalidade, que está rachada na parte inferior dunha das arestas. Serve de soporte a unha cruz latina, de sección cuadrangular nos extremos mais coas arestas rebaixadas no resto; ademaís, amosa un tipo de cruz florenzada nos extremos do brazo horizontal e na cabeceira. O anverso mostra en relevo unha imaxe cristolóxica coas seguintes peculiaridades: a cabeza, sen coroa ded espiñas, está inclinada ao lado dereito; os seus brazos están estendidos en forma de V ao longo da cruz e as súas mans aparecen abertas; o perizoma está anoado ao lado dereito e as pernas, lixeiramente flexionadas, amosan os pés sobre un supedáneo. Por baixo da efixie cristolóxica hai unha fornela, que amosa o relevo dun santiño no seu interior.