Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Roteiro sobre algúns Cruceiros e Cristos do Municipio de A Pastoriza (Lugo) (5)

Blanco Prado, José Manuel - martes, 20 de mayo de 2025
2. Análise dos Cruceiros e Cristos visitados

2.1. Cruceiro de Fomiñá

Lugar: Fonte de Fomiñá
Parroquia: Fomiñá.
Este cruceiro é de propiedade pública. Está emprazado nun xardín público ao carón da estrada LU-122. Foi realizado polo escultor Manuel Mallo e, colocouse na súa actual ubicación a finais da década dos oitenta do pasado século. Roteiro sobre algúns Cruceiros e Cristos do Municipio de A Pastoriza (Lugo) (5)
Posúe unha orientación Nw-Se.
Coordenadas U.T.M.: X: 636.540 / Y: 4.787.310
Dende unha óptica artística, está composto dunha serie de elementos claramente diferenciados e colocados nunha orde ascendente do seguinte xeito:
Unha plataforma formada por un chanzo de cemento, que serve de apoio a unha base monolítica, de forma cúbica, cunha moldura cóncava en caveto ou nacela invertida nas arestas superiores e rebaixe acanalado nas súas caras. Logo, un fuste monolítico de sección cuadrangular nos extremos e coas arestas oitavadas no resto. A continuación, un capitel de forma troncopiramidal, ornamentado con follas de acanto baixo o ábaco e unha pequena moldura convexa na parte inferior. Como remate, unha cruz latina, de sección cuadrangular mais coas arestas rebaixadas; ademaís, amosa un tipo de cruz floenzada nos extremos do brazo horizontal e na cabeceira. O seu anverso, baixo unha cartela na que pode lerse INRI, presenta unha efixie de Cristo cos seguintes trazos: a cabeza, sen coroa de espiñas, inclinada ao lado dereito; os seus brazos están estendidos, formando unha lixeira V ao longo da cruz e as mans aparecen abertas; o perizoma está anoado ao lado dereito e as pernas, lixeiramente flexionadas, amosan o pé dereito sobre o esquerdo e ambos os dous sobre un supedáneo. O seu reverso, mostra unha imaxe mariana co Neno sobre unha peaña.

2.2. Cruceiro de Vilagromar
Lugar: Vilagromar.
Parroquia: Pousada.
Esta manifestación popular, de dominio privado, está colocada nun cruzamento de camiños. Pertence a "Casa de Federico de Barreiro". A súa orientación é Sw-Ne.
Coordenadas U.T.M.: X: 635.850 / Y: 4.787.260
No seu conxunto cómpre facer alusión ás seguintes partes nunha orde ascendente: Roteiro sobre algúns Cruceiros e Cristos do Municipio de A Pastoriza (Lugo) (5)
Unha plataforma, formada por tres chanzos de cachotería; esta serve de soporte a unha base monolítica con dous tramos: o inferior, de forma paralelepípeda; e o superior, de forma troncopiramidal. A base prolongase nun fuste monolítico, de sección cuadrangular nos extremos e coas arestas rebaixadas no resto. Na cara Sw., están esculpidos en relevo os instrumentos da paixón; a súa disposición nunha orde descendente é a seguinte: tres cravos, unha espada, un martelo, unhas tenaces e unha escaleira de oito banxos. Na parte superior das súas catro caras hai un rebaixe cuadrangular, que amosa o relevo dun rombo cun roel no centro e dous franqueando os vértices superior e inferior. O fuste serve de soporte a un capitel de forma troncopiramidal invertida mais coas arestas un pouco curvadas; está decorado con volutas nos vértices superiores das arestas e querubíns nas súas caras; ademaís, mostra unha sucesión de merlóns na parte inferior. O cruceiro remata nunha cruz latina, de sección cuadrangular, mais coas arestas rebaixadas; así mesmo amosa un tipo de cruz florenzada nos extremos do brazo horizontal e no extremo da cabeceira. O seu anverso, baixo unha cartela, presenta unha imaxe cristolóxica coas seguintes peculiaridades: unha coroa de espiñas na cabeza, que está inclinada ao lado dereito; os seus brazos están estendidos ao longo da cruz mais separados dela ao igual que a cabeza, o lombro e as pernas; as súas mans aparecen abertas; e as pernas, lixeiramente flexionadas, amosan o pé dereito sobre o esquerdo e ambos os dous sobre unha caveira. O cruceiro mostra restos de policromía de cor ocre no capitel.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES