O Recadeiro
Flaminio Chaodarcas Suárez marchou correndo polo lugar abaixo na procura de Isidro Castiñeira Foncuberta, O Apartado, para darlle un recado de parte de Gervasio Meamán Ortigas, O Toxo. Flaminio Chaodarcas, O Recadeiro, non deixaba de repetir para si a encarga. Tiña pouca memoria e sabía que, nun amén, podíaselle esquecer o que lle dixera O Toxo e non lle apetecía nada volver sobre os seus pasos. O Recadeiro, a maiores de ter pouca memoria, era nugallán como un sapoconcho co bandullo cara a arriba.

Chegou á casa do Apartado e, en vez de chamalo (por se ó falar se lle esquecía o mandado), petou con forza na porta. Esperou cos pés patexando a causa dos nervios. Tan axiña como Isidro abriu a porta, soltou as palabras como un fol: "Xurdín das cinsas do tempo". E sorriu. Que dis, oh, preguntoulle O Apartado. Que me dixo Gervasio que che dixera iso. Xa non soubo dicirlle de novo o que lle dixera. Menos mal que Isidro acababa de entender.
Este, O Apartado, tamén sorriu e soubo que con esa frase a depresión de Gervasio Meamán rematara. O Toxo levaba tempo fundido por acontecementos que non veñen ó caso. Non veñen ó caso porque sucederan con tan só eles os dous de testemuñas e non tiñan porque facelos públicos. Adoita dicirse que o mellor segredo é o que non se conta nunca... aínda que xa o souberan tres.
O Recadeiro subiu correndo de novo polo lugar e quedou á espera dalgún recado máis. De algo lle tiña que valer o alias. Xa se pode dicir que era o recadeiro oficial da vila de Baños de Molgas.