Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Poesía de Avelino Díaz en 'Debezos' (Íntimas) (17)

Otero Canto, Xosé - viernes, 16 de mayo de 2025
Amor Fuxido (1)

O poema "Amor fuxido" confórmano 12 cuartetas asonantadas, tamén chamadas "tiranas" que son unha variante da cuarteta octosilábica, de pares rimados e impares soltos: /-b-b/ que derivan dun antigo pareado de versos hexadecasílabos compostos. Xa temos testemuñas desta sinxela e popular estrofa nas kharxas hispanohebreas dos séculos XI e XII e despois en xograres galegos como Xoán Zorro que introducía cuartetas combinadas coas cantigas galegas e moito máis tarde a nosa Rosalía de Castro no poema Nº LXXXIV de "En las orillas del Sar", no Postromanticismo.
"Aunque mi cuerpo se hiela,
me imagino que me quemo;
y es que el hielo algunas veces
hace la impresión del fuego."

A composición de Avelino Díaz fai galadura do dito "A primavera o sangue altera", porque a primavera e o verán favorecen a secreción da vitamina D, serotonina, dopamina e oxitocina, tamén melloran o estado de ánimo por dispoñermos de máis horas de luz e polo tanto de maior contacto social.

COMPOSICIÓN
Este extenso poema de 48 versos asonantes formando 12 cuartetas asonantadas, está dividido en dúas partes equilibradas, como sempre en Avelino, correspondendo seis estrofas á primeira parte e outras seis á segunda, estando a división no verso 24 e 25 manifestándosenos cunha palabra eminentemente galega e cun significado que os galegos soamente lle sabemos aplicar, estamos a referirnos a DAQUELA, como adverbio repetido para indicar "naquel tempo" ou "naquel momento", que os galegos traducimos por "de aquella", palabra que denota aos truáns da nosa lingua que soamente falan castelán, mais eles non son conscientes e non saben que por estas palabras e outras tales están delatados e non lles serve de nada querer ser o que un non é, nin falta que fai.
As dúas partes da composición semellan dúas sonatas, a da primavera e a do inverno e nosoutros podemos estar escoitando as "As catro estacións" de Vivaldi no momento da primavera e do inverno pois son as que temos como referencia no poema e moi apropiadas para o efecto porque os significados das cuartetas vanlle perfectamente e así poñemos xuntas dúas artes: a poética e a musical, artes que tamén Vivaldi xuntou cando fixo catro sonetos, un para cada unha das estacións e que, nós coidamos, teñen moito parecido cos versos de Avelino.

PRIMEIRA PARTE: A PRIMAVERA - A FUXIDA
Esta primeira parte está referida aos 24 primeiros versos e está representada pola FUXIDA do amor, ou mellor dito, polo "amor fuxido", que como veremos no poema, parece non estar moi referido a unha persoa en concreto, senón ao concepto xeneralizado do amor, ou ao amor con maiúscula, que vería representarse coma un deus, quizabes cadraría coa representación de Cupido, fillo de Venus, a deusa do amor e de Marte, o deus da guerra. Tamén podemos inclinarnos por Eros, deus primordial responsábel da atracción sexual, porque o amor foxe na primavera e regresa de inverno, concedéndolle a esa estación a responsabilidade da atracción, tamén podemos pensar que a primavera representa a xuventude desexosa de amor e o inverno represente a vellez.
Nas primeiras estrofas aparece o amor que foxe dunha persoa que non o vai botar de menos porque "a quen queres, non te quere", ou incluso temos tamén a frase tan coñecida como que isto era "un amor de verán", que vén sendo unha relación amorosa pasaxeira, xurdida na primavera ou no verán, por iso non hai que preocuparse como nos di Avelino na primeira e na segunda estrofa:

Amor que de min fuxiche:
¡Amor! Non t-hei de chorar;
porque sei que, se te choro,
mais lonxe de min t-irás.

Dame delor teu fuxir
pro non me ten d-extrañar
qu-é no tempo das choridas
cando os amores se van.

É o tempo das "choridas" que son as flores do toxo coas súas cores rechamantes das primaveras da nosa Galiza, moi parecida a palabra ás "chorimas", flores de toxo e de xesta que tinguen de amarelo e branco os nosos montes debido a que antes sementábase a gra de xesta e de toxo para ter abundancia de gavelas coas que se lles facía o leito aos animais ou para cocer, entre outros mesteres dos nosos labregos. É entón cando os amores foxen na procura doutros amores:
Mentres sea primavera
coido que n-has de voltar;
cando haxa neve na serra
entón, Amor, voltarás.

Porque é o momento do cambio e do espertar da vida onde todo invita a desfrutar da natureza e do aire libre, da nosa propia vitalidade e dos sentidos, que se traduce en desaxustes nalgúns neurotransmisores e hormonas que espertan a sensualidade habendo máis probabilidades de relacionarse os dous sexos, pero, cando haxa neve na serra, "entón, Amor, voltarás".
Na cuarta estrofa estamos diante da explosión da natureza:

Agora hai frores nos prados,
ten cantigas o ar
e cantan os paxariños
nas ponlas do salgueiral.

Parece a primavera de Vivaldi ou esa música que é como un poema descritivo da estación que comeza cun "allegro" que representa a chegada da primavera e cos instrumentos que emulan o canto dos paxaros. O mesmo Vivaldi tamén escribiu catro sonetos para as catro estacións e na primavera dinos:

Giunt'é la Primavera e festosetti
La Salutan gl'Angei con lieto canto.

(Chegou a Primavera e os riseiros paxaros saúdana co seu feliz canto)
Son moitos os poetas e artistas que tratan e trataron a primavera, citaremos a outros tres poetas valuros próximos a Avelino, a Antonio García Hermida:

Hai bochiños que reventan
nas ramas do meu rosal
e paxariños que cantan
da ventá xunta ó cristal.

E a Xosé Mª Chao Ledo con ese precioso poema "A volta da primavera" que merece estar en todas as antoloxías da natureza:
O brando Favonio xa sopra na veiga,
o merlo asubía fervendo de amor.
A doce ruliña xa brúa na chousa,
xa aturuxa nos soutos o cuco traidor.

Ou incluso Anxo Lamas Muinelo no seu poemario "Tebras" e nun soneto dedicado á Primavera:

Xa se escoita o auriolo pola fraga
e a pega rebordá na carballeira,
escóitase a papuxa na xesteira
e o paspallás cantaruxa entre a grama.

Continuando con Avelino a quinta e sexta estrofas veñen a ser os nubeiros e a tormenta que se aveciña en Vivaldi pois o autor é consciente de que cando pasen as calores todo volverá ao seu e, cando isto suceda, esperará ao Amor na relleira da porta porque daquela seguro que virá:

Agora na túa fuxida,
xa sei que lonxe te vas
i-agardareite na porta
cando escomece a nevar.

Non virás na primavera,
cecais tampouco no verán
mais, cando seia d-inverno
d-aquela si que virás.


Continuará...
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES