Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Barahúnda, un grupo de música de raíz ibérica instalado en Rianxo

Sampedro, Pilar - jueves, 22 de mayo de 2025
Barahúnda é un dúo, que naceu en Madrid en 1998 e se instalou en Rianxo en 2010. No seu último traballo aparece a dedicatoria que nolo explica: "A Madrid, a nosa cidade; a Rianxo, o noso lar".

O nome, Barahúnda, ten o significado de confusión grande, con estrépito e notable desorde, balbordo. Non lle fai xustiza porque a súa música é das que produce calma, serenidade e lle fai ben ao espírito. Ben é certo que se pode crear unha certa conmoción pola sorpresa: madrileños que cantan e falan galego que se identifican coa nosa cultura, que chegan aquí partindo da música de raíz ibérica, coas cancións que teñen a súa orixe nas tres culturas (xudía nas cancións sefardís, musulmá nas jarchas mozárabes e cristiá nos romances e cantigas). Barahúnda, un grupo de música de raíz ibérica instalado en Rianxo Unindo isto coa música popular, o folk, a tradición e a poesía culta dos poetas de todos os tempos. Eles, e a xente coma eles, representan o mellor Madrid, ese que todos e todas amamos.

Non sei cal foi o ano en que os escoitei por primeira vez en Rianxo. Posteriormente fánseme presentes en calquera lugar do Barbanza e agora en diferentes cidades de Galicia. De calquera maneira, pensar en Barahúnda a min lévame a ese lugar de referencia que é a Taberna das Almas Perdidas, agora chamada, Taberna da Galicia Imaxinada con Javier Krae e Narf dándonos a benvida na porta. Quen ía pensar que Boiro nos traería tanta boa música!

No 2024, Barahúnda obtivo o premio Barbantia á Iniciativa Cultural no Barbanza. Convén non esquecer que Barbantia vén sendo unha asociación cultural modélica que acolle a todos os concellos da península, dende Outes a Rianxo, pasando por Noia, Lousame, Porto do Son, Ribeira, A Pobra e Boiro. Barbantia está atenta a toda a cultura do Barbanza, como non ía camiñar con Barahúnda?

Dende o primeiro día que vin a Helena de Alfonso e José Lara descubrín que eran xentes do abrazo, que se deixan apreixar polo contexto e que aloumiñan na aperta a quen se cruza no seu camiño. A nómina dos seus amigos é ampla e percorre os camiños de ida e volta. Como exemplo, pode servir que nun momento no que ambos tiñan dificultades visuais e de mobilidade, cando lle preguntei a Helena se precisaban axuda a resposta foi clara, os amigos facíanse cargo de todo, de compensar e superar as dificultades permanentes e as transitorias. Porque Helena padece unha enfermidade xenética que consiste na dexeneración precoz da retina o que lle impide ver máis alá de sombras e José andaba cunha tendinite nese momento. Estou segura que, de ser necesario, os amigos os levaban polo aire.

Van polo quinto traballo, Fremosas. Cantigas de amigo e de amor, neste caso unicamente en galego con doce cantigas da lírica galego portuguesa medieval. A maioría con cantigas de amigo e un par delas de amor. A todas lles puxeron música eles, léndoas cos ollos da alma, desentrañando a súa esencia, escoitando o seu ritmo.

Esta obra recolle a súa colección persoal de lírica galego portuguesa medieval, unha antoloxía na que a orde das cancións se corresponde coa cronoloxía da publicación dende o primeiro disco. Ás veces, as cantigas vólvense gravar con novos enfoques e novos arranxos, pero as catro últimas están compostas, gravadas e publicadas por primeira vez neste libro disco.

É este un artefacto para ler e escoitar, cos ollos pechados, tal como aparece nas "Instrucións de uso". Unha obra bilingüe e dedicada a todas as persoas que se teñen emocionado coa súa música.

Certamente, estaba predestinado o seu futuro en Galicia pois xa no primeiro disco aparecían dúas cantigas da nosa lírica.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES