Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un roteiro de Asorey por Compostela

Sampedro, Pilar - jueves, 15 de mayo de 2025
Mercedes Espiño ten en pé varios roteiros por Compostela, algún deles con libro incluído coma o de Rosalía de Castro e este outro de Asorey, do que nos reparte un folleto ben interesante.

É un luxo poder contar con compostelás que queren tanto a cidade que están dispostas a acompañar ao resto do cidadáns na busca das pegadas de determinados ilustres. Pois ben, antes de rematar o ano Asorey guiounos unha visita para o Ateneo de Santiago.

O documento que nos agasallou é completo. Recolle 18 paradas a ter en conta e polas que vai discorrer a "camiñata" e tamén algún outro vestixio fóra do roteiro, coma a peza que está colocada no Seminario Menor de Belvís, Un roteiro de Asorey por Compostela unha lápida no cemiterio de Boisaca, o cruceiro situado na Finca de Vista Alegre (tamén chamada Simeón ou da Casa de Europa), unha maternidade na finca de Lois (sita en Xoán XXIII), un vítor a Frei Rosendo Salvado no claustro procesional de San Martiño Pinario, un par de pezas no cemiterio do Rosario e a escultura do Sagrado Corazón no Colexio da Ensinanza. Pensemos: se isto é o que nos queda fóra do roteiro pola dificultade de acceder a elas, imaxinemos todas as obras que visitamos.

Comezamos pola escultura de San Francisco diante da igrexa do mesmo nome, ese cruceiro que se ergue sobre unha base de bloques de granito (no que aparece a inscrición que lembra o VII centenario da morte do santo de Asís que peregrinou a Compostela), para erguerse sobre os chantos que serven de parede aos dolmens; a continuación grupos de figuras que nos falan do mundo medieval: polo lado da catedral na dereita representan ao pobo (un home apoiado nunha legoña ao que segue unha muller cunha criatura -inconfundible na inconografía deste artista- e unha rapaza) e na esquerda a representación do poder coa monarquía e a Igrexa; unen esta parte coa cara que mira ao mosteiro os animais os animais: lobo, coello, ovellas... para dar paso no lado esquerdo aos monxes da orde e na dereita ás mulleres. Máis arriba atoparemos pedras labradas que erguen o cruceiro e este con Cristo arriba e o santo cos brazos abertos acompañado polas tres virtudes (obediencia, pobreza e castidade), debaixo, anxos, pombas e flores barroquizando o conxunto con esa cruz que lembra unha estrela. Non falta o cordón franciscano nin a mestura de texturas na pedra, a lembranza ás guirnaldas barrocas nin a referencia á Prehistoria galega.

Seguimos pola facultade de Medicina e alí, onde obtivo a praza de escultor anatómico, xustamente cun cráneo xigante que neste momento está colocado nun dos corredores; alí tamén está a gran placa do esquelete pensante, as de Gil Casares e Narciso Carrero; os bustos de Alejandro Rodríguez Cadarso e Novoa Santos. No pazo de Raxoi atopamos (xusto na entrada) o retrato de dona Jesusa Ferreira, esposa do artista, nunha postura que lembra as figuras etruscas. Na mesma praza do Obradoiro, entramos no Rectorado para atopar (na Sala de Xuntas) o busto do alcalde Lino Torre e o de Aller Ulloa cun sorriso que fala da súa bonomía. Ao lado, no Colexio de Fonseca, no medio das escaleiras atopamos a lápida do doutor Carracido. Os xogos de bronce e diferentes mármores, as cabezas algo volteadas, as diferentes texturas no remate das figuras, o estudo dos personaxes... son verdadeiros sinais de identidade do escultor.

Subindo pola rúa Xelmírez atopamos a placa a Bernardo Barreiro, en bronce e mármore, coa figura do dolmen que lembra os libros que saían da editorial de Ánxel Casal. Eran os tempos das Irmandades, de Nós e do Seminario de Estudos Galegos, unha época que soubo representarnos coma ningunha outra... Ben preto, no Preguntoiro está a placa do acibecheiro Enrique Mayer e na Facultade de Historia a de Jacobo Gil Villanueva. Na Igrexa das Orfas temos a lápida da tumba do cardeal Martín de Herrera, unha peza monumental que representa o altar maior da catedral ao fondo e, en primeiro plano, o cardeal dando a bendición e dous colaboradores abríndolle a capa pluvial.

Deixamos para facer pola nosa conta o paseo que nos leve ao hotel Compostela para observar o capitel que representa un banquete entre froitos e formas vexetais, coas figuras humanas contorsionándose, tal como cita a autora. Arriba, o escudo cun arcebispo e un cabaleiro da Orde de Santiago unindo os símbolos da cidade (cáliz, sepulcro, estrela e cruz) e Galicia (as sete cruces polas sete provincias). E tamén os dous petadores: o do pazo de Vaamonde (actual sede do Consorcio) na rúa do Vilar cun sapo e unha serpe acompañados de dúas cunchas de vieira e o da súa propia casa, no Campiño do Carmo, coa figura dun peregrino.

Que tempos aqueles, que artistas e que bo facer! Hoxe só nos toca lembralos e manter a memoria das súas obras na cidade na que tiveron obradoiro e á que tan ligados estiveron.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES