Seica a miña vida está dividida en catro partes, desde que a miña nai e miña primaria mestra trouxérame a iste mundo entre os brazos da herba nun prado de Cudeiro... ata o de agora, cando ainda podo adicarme a isto que vós leedes cada semán, nestas modernidades. Eso sí, son un galego afortunado que tivo unha boa formación, grazas a aqueles mestres que lle inculcaron que, denantes de todo, estaba o País, o conxunto da cultura que se nos transmite o traveso dunha lingoa propia.
Por iso cando o ar que respiramos nos trae o cheiro da primavera eu lembro primeiro a Xesús Ferro Couselo, meu mestre de latín no Instituto do Posío, aquel que xa era de clases mixtas onde nos impartiron as suas leccións os meirandes prebostes da cultura ourensán. Hoxe leva o nome de Otero Pedrayo.
E síntome orgulloso de ser un alumno de Ferro Couselo... porque él foi un dos tres intelectuais, académicos galegos, que tiveron a iniciativa de presentar ante a Institución, o 20 de marzo de 1963, unha proposta para celebrar un Día das Letras Galegas. Xunto a Ferro, fixérono Manuel Gómez Román e Francisco Fernández del Riego.
Eu exercía xa o xornalismo no Diario de Pontevedra e pódobos dicir que aquela proposta foi acollida como a gran idea que daría un grande pulo a nosa lingoa e sobor de todo as nosas letras, nacidas como arte literario hai xa 1.025 primaveras.
Como sabedes, a Real Academia Galega declara o 17 de Maio Día das Letras Galegas porque coincide ca publicación dos "Cantares Gallegos" de Rosalía de Castro. I foi Rosalía a primeira escritora distinguida co máximo galardón das artes literarias que hoxe se outorga en Galicia. Os académicos estimaron que o libro rosaliano...
"Foi a primeira obra maestra coa que contou a Literatura galega contemporánea. A súa aparición veu a lle dar prestixio universal á nosa fala como instrumento de creación literaria. Este é un fito decisivo na historia da renacencia cultural de Galicia".
O idioma galego, nobre e harmonioso, naceu para as letras, mais tamén para expresión falada e cantada. O idioma e o esencial motivo que nos diferenza como pobo. Por iso, seguimos a render esta grande homenaxe anual, cando en maio florece a primavera e as novas artes. Volve rexurdir -como nos tempos difíciles- a forza da terra... Dela saen as agora doces palabras con sabor a terrón... E recordamos as egrexias figuras que loitaron pola nosa identidade, tributándolles honor.
En realidade, o "Día das Letras Galegas" exténdese todo un ano adicado a dar a coñecer a obra e vida dos nosos máis significados intelectuais das artes literarias xa falecidos. Cada ano réndese homenaxe a un dos homes ou mulleres que fixeron posible o esplendor do noso idioma, escrito, falado ou cantado, por eleución da Real Academia Galega, desde hai xa 62 anos.

O Día das Letras Galegas de 2025 está adicado ás cantareiras. Personificouse en sete mulleres, catro delas figuran no Cancioneiro de Dorothé Schubarth cun número elevado de cantigas, melodías e letras, como é o caso de Adolfina e Rosa Casás, de Cerceda; ou o de Asunción Garrido e Manuela Lema, de Mens. As outras cantareiras de Mens, Teresa García Prieto e Prudencia Garrido, non foron informantes de Schubarth pero consérvanse dela documentos sonoros importantes. Igual ocorre con Eva Castiñeira, de Muxía.
O académico Antón Santamarina, salienta os porqués da eleución desta vez:
"Cando presentamos esta candidatura para dedicarlle un Día das Letras Galegas á lírica popular sabiamos que había por toda Galicia, e mesmo fóra, moitas máis candidatas posibles con méritos semellantes. Reducimos o número a esas poucas pero a nosa intención era que representasen a todas cantas mulleres cumpriron un papel parecido, moitas con nomes coñecidos e outras xa (ou aínda) anónimas. Todos os etnógrafos salientaron que as mulleres foron as principais transmisoras da lírica popular, pero non podemos esquecer que o fenómeno non é exclusivo delas e que nos cancioneiros tamén hai con frecuencia informantes homes. Todos eles, mulleres e homes, estean na nómina dos lembrados como dos omitidos (non esquecidos), serán protagonistas festexados nesta celebración".