Paus á esgalla
Mentres o pau vai e vén, descansa o lombo. Teño o carrelo, as costas todas malladas. Pero aguantei e aguanto como os heroes. Entre labazada e zafranada, aguanto. Entre malleira e marimba, aguanto. Porque entre unhas e outras, descanso.
É certo que me acostumei a resistir. Como calquera fillo de veciño... galego... e labrego. Os galegos levamos paus a esgalla e aguantamos.

Os labregos levamos paus a carradas, é dicir, vivimos na miseria e sufrimos, pero aguantamos. Estes, os labregos, entre leira e leira, resisten. Aqueles, os galegos, só descansan o día das votacións. Despois, goberne quen goberne, mallan en nós como nun saco de millo. Así estamos de debullados, de degrañados.
Mentres o pau vai e vén, descansa o lombo. Déronme paus por querer ser astronauta. Entre lanzamento e lanzamento das misións espaciais, aguantei. Máis tarde, entre planeta e planeta, rinme das malleiras. Déronme paus por contemplar a aurora boreal. Descansaba mentres observaba a posta de sol polo outeiro de Brandín. Déronme paus por querer cantar o himno do Liverpool (nunca camiñarás só), cando, certo, debería cantar o do Celta (oliveira dos cen anos). Descansei ó optar polo do Atlético de Madrid.
Mentres o pau vai e vén, descansa o lombo. Teño mazaduras por todas as costas. Pero aquí estou, esperando o seguinte golpe (unha crítica, unha negativa, unha xenreira, unha carraxe, unha maldade), engruñado e poñendo o lombo. Que mentres o pau vai é vén, eu... como os heroes.