Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O pensamento internacional de Castelao

Ríos, Xulio - jueves, 15 de mayo de 2025
No Sempre en Galiza, Castelao, pulverizando ese tópico de que os galeguistas non miran mais aló do Padornelo, ofrécenos un moi rico e estruturado pensamento internacional, mostrando unha notoria comprensión das tendencias da época e do papel que o galeguismo debía desempeñar naquel tempo.

Valores e ideais
O conxunto de valores e ideiais que a modo de ferramentas guía inspiraban o posicionamento internacional do galeguismo amosa varias manifestacións relevantes. En primeiro lugar, a defensa do dereito dos pobos á autodeterminación, é dicir, Castelao cre firmemente que Galicia, como nación con lingua, cultura e historia propias, debe ter dereito a autogobernarse. A súa visión non era isolacionista: cría que o dereito á autodeterminación debía aplicarse a todos os pobos oprimidos do mundo.
En segundo lugar, a defensa do internacionalismo solidario. Castelao sentíase ligado ás loitas doutros pobos sen Estado ou na procura da liberación. Alentou contactos con movementos similares noutras partes de Europa e do mundo. Admirou, por exemplo, os casos de Escocia, Irlanda e Cataluña, entre outros, así como a loita internacional antifascista.
En terceiro lugar, o antifascismo. Durante e despois da Guerra Civil española, Castelao adoptou unha clara posición contra o fascismo, tanto en España como no mundo. Consideraba o fascismo un inimigo dos dereitos dos pobos e das liberdades democráticas.
En cuarto lugar, o humanismo universal. Máis aló da súa loita por Galicia, Castelao tiña un profundo compromiso coa xustiza social, a paz e a dignidade humana a escala global. O seu pensamento estaba impregnado dun forte humanismo, herdado da súa formación intelectual e da súa sensibilidade artística.

Universalismo
O universalismo no pensamento de Castelao é un dos aspectos máis profundos e matizados da súa ideoloxía. Definíndose a si mesmo como nacionalista galego, nunca caeu nun nacionalismo excluínte. A súa visión foi a propia dun universalismo humanista e solidario, que comezou coa afirmación da súa propia identidade para proxectarse cara ao global. Os puntos clave da súa concepción do universalismo poderían resumirse así:

-Universalismo dende o particular. Castelao sostiña que para contribuír ao mundo hai que afirmar primeiro a propia identidade. A fórmula era ben simple: "Galicia, para ser universal, ten que ser galega!" É dicir, o universal non se opón ao nacional, senón que se constrúe a partir del. A orixinalidade e a autenticidade dos pobos enriquecen o mundo.

- Universalismo solidario. Castelao concibiu o universalismo como unha rede de solidariedade entre os pobos, especialmente os oprimidos. Isto relacionouno coas loitas internacionais contra o imperialismo, o fascismo e a opresión nacional. O seu universalismo foi, neste sentido, ético e comprometido.

- Humanismo cristián e republicano. Dende a súa educación e valores, Castelao incorporou un forte humanismo de raíz cristiá (non clerical), que se mesturaba co republicanismo ético. Cría na dignidade humana como base do dereito internacional, e nun mundo onde os pobos e os individuos deben vivir en liberdade e xustiza.

- Universalismo cultural e artístico. Como artista e escritor, Castelao viu a arte, a lingua e a cultura como vehículos de proxección universal. Defendía que Galicia podía falarlle ao mundo non só a través da política, senón tamén da literatura, a pintura, a lingua galega, etc.

- Contra o imperialismo cultural. Castelao foi moi crítico co centralismo cultural español, que consideraba unha forma de imperialismo interno. En cambio, defendeu un mundo culturalmente multipolar, onde todas as linguas e culturas terían voz.

Esta cita de Castelao no Sempre en Galiza reflicte a súa visión universalista: "Non: o internacionalismo efectivo non deserta das patrias, senón que as transforma en órganos dunha nova humanidade". Esta frase resume a súa idea de que o verdadeiro internacionalismo non implica renunciar ás identidades nacionais, senón que pula por integralas nunha humanidade máis ampla e unida. Castelao cría que cada nación, preservando a súa identidade e cultura, contribúe ao enriquecemento do conxunto global.

Federalismo
Castelao identifica dúas tendencias principais na evolución mundial: a internacionalista, vinculada ás cirunstancias políticas e económicas dun tempo que afirmaba xa a nota característica da interdependencia; e a particularista, debida ao rexurdir das nacionalidades que loitan pola liberdade dentro dos grandes estados. A alternativa lóxica e integradora destas dúas tendencias é o federalismo, un federalismo internacional que só pode realizarse sobre as ruinas dos estados imperialistas, di Castelao, e coa previa abolición do sistema capitalista actual, asegura tamén.

Castelao defendeu un esquema federal para España, inspirado noutros modelos internacionais (como os dos Estados Unidos ou a URSS), onde as distintas nacións do estado español puidesen convivir por igual. Ademais, na súa proposta política, Castelao avogou por un federalismo progresivo: "Autonomía integral de Galicia para federarse co resto de España; República Federal Española para confederarse con Portugal; Confederación Ibérica para incorporarse á Unión Europea; Estados Unidos de Europa para constituír unha Unión Mundial".

Esta visión reflicte ese desexo de que Galicia, mantendo a súa identidade, sexa quen de se integrar en estruturas políticas máis amplas baseadas na cooperación e o respecto mutuo. É neste marco mais amplo que mellor pode garanteir a aspiración orixinal.

Castelao entende que esta formulación federalista responde ao anceio xeral das pequenas nacións rexurdidas ao socaire da posguerra europea: "Os galeguistas pretendemos que Galiza encha o imperativo que representa a súa vinculación a unha superior unidade humán, que intente asegurar, guindando coas fronteiras, a paz dos povos e o benestar dos homes". Para Castelao, a fórmula federalista sempre conduz á paz interior dos estados plurinacionais e abre longas esperanzas ao ideal pacifista do mundo.

E avoga, por iso, por unha federación de pobos, onde cada nacionalidade poida determinar o seu estatuto político e proseguir o seu desenvolvemento cultural, conforme ás suas tradicións e tendencias.

Lusismo
A relación con Portugal é parte substancial da inserción de Galicia no mundo. En primeiro lugar, Castelao consideraba que Galicia e Portugal compartían unha raíz común -o galego-portugués- non só en termos lingüísticos, senón tamén en termos culturais e espirituais. Cría que había unha irmandade histórica e natural entre os dous pobos. Nalgúns textos e discursos, Castelao utiliza Portugal como exemplo do que podería ser Galicia se acadase a soberanía. E admira como un país de tamaño e poboación semellantes conseguira manter a súa independencia durante séculos.
En segundo lugar, dende unha perspectiva ibérica. Castelao non era partidario dunha "unión ibérica" centralista ao estilo español. Pero si coqueteou coa idea dun sistema ibérico federal ou confederal no que Galicia, Portugal, Cataluña, o País Vasco e outros territorios peninsulares puidesen colaborar libremente e en pé de igualdade.
As nacionalidades do Estado teñen como misión trascendental a transformación da estrutura xurídica de España, pensa Castelao, pero Galicia ten, ademais, outra misión clave: "a de atraguer Portugal á comunidade da gran familia hispánica". Primeiro estatutos e despois confederación ibérica con Galicia como eixe reconciliador entre Portugal e Castela. E apunta: "Galicia é a clave de toda rexeneración hispana".

Galicia é a garantía con que Portugal debe contar para a súa supervivencia, garantía superada, ademais, coa vontade de Cataluña e Euzkadi. E a Unión Ibérica é a oportunidade para Galicia irmandarse con Portugal. E irmandados con Portugal, Iberia podería erguer a sua nobre figura nos futuros Estados Unidos de Europa.
En terceiro lugar, a lusofonía. Castelao pensaba que una Galicia autónoma ou soberana podería volver a estreitar lazos co mundo lusófono, dende Brasil ata Angola, pasando por Portugal. Viu nesta reconexión unha oportunidade para rachar o illamento cultural imposto polo centralismo español. Durante o seu exilio en América, Castelao mostrou simpatía pola idea dunha comunidade internacional de pobos lusófonos, que incluiría a Galicia por razóns históricas e lingüísticas. Aínda que non promoveu unha unión política, si aspiraba á colaboración cultural e emocional.

Proxección americana
Durante o seu exilio en América (principalmente Arxentina), Castelao desenvolveu unha visión transatlántica do galeguismo. Buscou o apoio das comunidades da diáspora galega e avogou pola coordinación internacional das nacións sen estado, especialmente no marco do exilio republicano.

En suma, en Castelao atopamos un avanzado ideario con propostas de orientación internacional para Galicia cuxos vimbios básicos seguen sendo fonte de rexa e singular inspiración para quen o queira comprender.
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES