A guerra papal foi breve, curta. Dúas batallas tan só, dúas fumeiras negras e, na terceira, xa se ganou a guerra. No segundo día do conclave, despois de 24 horas e 23 minutos. Robert Francis Prevost, de Chicago e con 69 anos, é o novo papa, o número 267 da historia da Igrexa Católica. Responderá ó nome de León XIV.

Este papa anúnciase como o primeiro pontífice procedente de América do Norte, pero poida que o corazón o teña máis na do Sur, xa que botou en Perú 40 anos, máis da metade da súa vida. É o primeiro papa con dúas nacionalidades e o primeiro en falar quechua, a lingua que se estende pola zona occidental de América do Sur, máis en concreto pola cordilleira dos Andes. Ten algo de ascendencia española. Ten dous irmáns. É un tenista afeccionado e seica goza coa lectura e coa música. Políglota; fala con fluidez inglés, español, francés, italiano, portugués e o citado quechua; e le en latín e alemán.
Aproveito a ocasión para salientar algunhas anécdotas pilladas do medio de comunicación Religión Confidencial referentes a estes nomeamentos papais. Así, cóntase que unha das primeiras medidas que tomou Juan XXIII cando o elixiron papa foi aumentarlle o soldo ós portadores da cadeira xestatoria, xa que a súa grosa figura, segundo el, era case 100 quilos máis pesada que a do raquítico Pío XII, o seu predecesor.
A elección precisamente deste, de Pío XII, tivo que anunciarse por megafonía porque nunca houbo fumeira branca, a pesar de que o intentaron ata catro veces.
Unha das anécdotas máis simpáticas é a de Pío IX, porque era el mesmo quen contaba os votos. Ó ver que o seu nome se repetía unha e outra vez, pediulle a outro cardeal que contara as papeletas, pero non lle admitiron tal cambio, polo que, ó final, non lle quedou outra que exclamar: "O papa son eu!". Este papa tamén foi o que tivo o pontificado máis longo (exceptuando a san Pedro), no que botou 32 anos. O máis curto foi para Urbano VII, de tan só 12 días.
O papa máis viaxeiro foi Juan Pablo II, que lle deu a volta ó mundo 30 veces. Porén, Pablo VI só realizou 10 viaxes fóra do Vaticano, aínda que, iso si, cada vez que saía, con el ía unha pequena biblioteca para poder elixir que libro ler. É que cando se trasladou ó apartamento papal levou tan só unha maleta con roupa e noventa caixas de libros.