Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A xenerosidade na nosa contribución... Ten premio! (4)

Gómez Vilabella, Xosé M. - viernes, 23 de mayo de 2025
As obras de misericordia


O Papa Francisco: "As obras de misericordia espertan en nós a esixencia e maila capacidade de facer viva e operante a fe coa caridade. Estou convencido de que a través destes simples xestos cotiáns podemos cumprir unha verdadeira revolución cultural, tal e como foi no pasado".

José María Castillo: "Encontramos a Deus na medida en que nos facemos profundamente humanos; só así poderemos ser autenticamente "divinos".

Pero volvamos á fonte primixenia, aos Evanxeos:

Anuncio da verdadeira dita (Mc 9, 50, Lc 6, 20-23; 14, 34-35). Comezando por Mateo 5: "Vendo Xesús a multitude, subiu ó monte e sentouse. Achegáronselle os seus discípulos, e el, tomando a palabra, ensinábaos, ¡ensinábaos!, dicindo:
-Ditosos os que teñen espírito de pobres, porque deles é o Reino do Ceo.
-Ditosos os que choran, porque eles serán consolados.
-Ditosos os non violentos, porque eles herdarán a terra.
-Ditosos os famentos e sedentos de xustiza, porque eles ficarán fartos.
-Ditosos os misericordiosos, porque eles serán tratados con misericordia.
-Ditosos os de corazón limpo, porque eles verán a Deus.
-Ditosos os que traballan pola paz, porque eles serán chamados fillos de Deus.
-Ditosos os perseguidos por causa da xustiza, porque deles é o Reino do Ceo.
-Ditosos vos cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa: Alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa no Ceo; do mesmo xeito perseguiron ós profetas anteriores a vós".

¡Todo un programa! Abrangue:
-O espírito que debe animar aos fillos do Reino.
-Como debía entenderse o cumprimento das leis xudías.
-O desprendemento das riquezas.
-As relacións co próximo.
-Que pertencer ao Reino supoñía, ¡supón!, unha praxe divina, salvadora.

Por máis que estea claro, superlativamente claro, dados os malos entenderes que temos ao noso redor, algo compre dicir, algo compre lembrar, para explicárllelo aos incrédulos:

Xesús non maldixo as riquezas, xa que de Deus veñen. ¿Veñen? ¡Todas, non, pois algunhas, moitas, son elaboración, ofrecementos de Satán para tentarnos! O fondo da cuestión está no bo uso que fagamos delas, como as administre o noso espírito, e que as enfoquemos para o ben, en boa conciencia.

Os perigos e mailas insatisfaccións da riqueza. A riqueza ten moito de incubadora: Incuba soberbia, e ben sabemos que a caída daqueles avós estivo na soberbia que lles infundiu Satán invitándoos a ser coma Deus.

Un sudafricano, rico e famoso, Elon Musk, seica dixo, seica opinou, que a felicidade dos ricos pode chegar a ser relativa porque o materialismo provoca que, ao comprar algo, gocen diso inicialmente, pero que deseguida queiran mellorar. Tamén opina que, se es de clase media, xa tes un gran número de oportunidades para facer o que desexes coa túa vida, así que, se non es feliz, non será por causa do diñeiro. “Non está permitido que te queixes de nada, nunca. E como a maioría da xente se imaxina que ser rico é o nirvana, non che está permitido mostrar en público ningunha necesidade ou frustración. Es un ser humano, pero a maioría da xente non te trata como tal”. ¡Que pobriños son os ricos, e nós, os pobres, sen sabelo!

Outros din que as riquezas son unha fonte, un manancial de goces e de tranquilidades, PERO, ISO SI, se somos prudentes, se nos capacitamos para satisfacer as nosas necesidades, para compracer os nosos gustos; se aforramos para as emerxencias, e tamén para a xubilación... ¡Ah, que me quedaba: E tamén para dar con xenerosidade na Igrexa, para facer obras de caridade...; cousas así, obras de misericordia! Estes positivismos linllos a George Paul Wood. Dareille a razón, pois parecen atinados.

Pero volvamos ao Evanxeo, por se acaso nos desviamos. Lucas 12: 15. “E logo díxolle á xente: -Atención: gardádevos da cobiza, que por moito que un teña non por iso a súa vida depende dos seus bens”.

¿A cobiza? ¡Máis ou menos témola todos, desde Adán; que non se nos esqueza! Por cobiza matou Caín ao seu irmán Abel. ¡Terrible!
-.-

A egolatría. ¡Todos, pero todos, cristiáns incluídos, levamos, conservamos, na ara do noso cerebro, unha deusa omnipresente, a que chaman, vulgarmente, Egolatría, pero eu prefiro chamarlle Soberbia..., porque a entronizamos co pecado orixinal, daquela que..., daquela que nos sublevamos, capitaneados por..., por ese diabro, que non quero nin nomealo!

Bertrand Regader dixo que iso do “ego” (eu), e “latría” (culto, admiración), é propio de certas persoas, dalgúns... Xa sei que é moi ousado corrixir aos sabios, mais para min teño que a egolatría, máis ou menos visible, máis ou menos educada, ou disimulada, témola todos: ¡Quedounos, conservámola, herdámola! Tamén sei, ¡e non teño dúbidas!, que o bautismo indúltanos, bórranos o pecado orixinal; iso na alma, pero o noso corpo vén daqueles avós, así que teño claro que conservamos a egolatría no propio ADN.

¿Auto admiración, culto idolátrico? ¡Lamentablemente, si; a humildade serve para disfrazalo, pero..., aló por dentro? Se repasamos os Evanxeos observaremos a insistencia do Mestre en recomendarnos humildade; tanta insistencia era, foi, porque, supremo coñecedor da humanidade, ben sabía El, ben coñecía os nosos defectos, as nosas carencias, así que se esforzou en cambiarnos de espello. ¿Agradecémosllo? ¡Nisto, como en tantas cousas, uns desagradecidos!

Moito levamos inventado, ideado, en materia de disfraces, pero a egolatría é tan poderosa, tan deusa, que nos custa disimular: Eu son bo, listo, misericordioso, xeneroso, traballador... ¡Non tanto, amigo, pois, quen máis quen menos, levamos tido as nosas omisións, os nosos pecados! Había un refrán que..., pero xa non o escoito: Dime de que presumes, que eu che direi do que careces! Neste XXI somos, ou témonos, por tan sabios que xa aborrecemos a experiencia dos vellos; estamos endeusados cos adiantos da tecnoloxía, tanto, que xa nos parangonamos co Creador.

O señor Bertrand Regader, ao que antes me referín, fixo unha lista das actitudes e das conductas dos ególatras, que me permito reproducir aquí polo que podan ter de boas orientacións e de bos consellos:
-Os ególatras teñen unha percepción esaxerada sobre os seus atributos e calidades.
-Confiren gran importancia ao diñeiro, e tamén ao poder, ás influencias persoais.
-Teñen sentimentos de grandeza pois están seguros de que na súa vida lograrán grandes metas, obxectivos brillantes.
-Aínda que podan gozar de habilidades sociais máis que suficientes, adoitan ser individuos solitarios; e iso pode deberse, polo menos en parte, a que xeran certo refugue social cando os outros se decatan da súa (especial) egolatría.
-Mostran un gran apego por tódolos aspectos que reforcen a súa imaxe de persoas con éxito..
-Gústalles, gozan de xerar envexa e celos nos demais.
-Poden tender á superficialidade labrando amizades instrumentais, ¡iso, instrumentais!, que lles permitan ou axuden a acadar certos propósitos; séxase, a ganar status.
-Distorsionan a realidade, e nalgún caso poden ter dificultades para levar a cabo un análise racional sobre a súa valía persoal.
-Nalgún caso poden ser persoas con pouca empatía, pouco dispostos a ofrecer axuda e soporte ás outras persoas.
-Non soportan recibir críticas, tomándoas como algo persoal.
-Poden tender a compararse constantemente cos demais, enfadándose se consideran que alguén ao que supoñen de valía inferior cá eles está nun posto de traballo mellor, ou ten unha vida máis acomodada.
-En certos casos percíbeselles unha tendencia ao exhibicionismo, tal que facendo alarde de logros materiais e económicos, como forma de reforzar a súa auto-percepción de persoas de gran valía e status social.
...
Non sigo, pois con isto xa temos en que pensar. ¿Encaixamos nalgún dos tipos, nalgún dos casos? ¡Daquela poñámonos a puír a nosa conciencia, con lixa que sexa! ¡Deus, que satánica, que velenosa, é a egolatría, e nós, torpes de nós, cultivándoa, adorando nela!
-.-

Ditosos os que choran... ¡Isto, como todo, hai que entendelo no seu contexto! Claro que os choros piden, necesitan, consolo, pero iso son os sinceros, pois tamén hai bágoas de crocodilo! ¡Si; como é iso? Os bichos fano para manter hidratados os seus ollos; pero os “malos bichos”, ou “bichos malos”, adoitan/adoitamos facelo para presentar, con disimulo, os arrepentimentos finxidos, hipócritas; choran/choramos, fan que choran, coa finalidade de acadar algo vantaxoso, séxase, ilícito. Entendeuno ben Bartholomaeus de Glanville, aquel que dixo: “O crocodilo chora sobre a súa presa, de morta, e despois diso, con iso, cómea!”.

¿A que se refería Xesús cando afirmou “felices os que choran, porque serán consolados? Non, non se refería aos crocodilos, nin a aqueles que os imitasen; en absoluto; referíase aos que tiñan dor, pena, fose polos seus pecados, fose por sufrimentos físicos e/ou morais, sempre que os levasen con fe e con resignación, séxase, redentores. Precisamente os seus sufrimentos do Calvario déronnos a felicidade eterna, a Redención.

No Calvario tamén chorou a Virxe, súa Nai, nosa nai; seguro que moitísimo, e non precisamente por falta de fe, senón por abundancia dela. Como Nai do Fillo de Deus ben sabía a transcendencia daquel padecemento: Choraba polo que facían sufrir ao seu fillo, naturalmente, pero tamén, todo xunto, pola pena que sentía de que aqueles matóns, fosen xudeus ou romanos, estivesen participando, caendo, nun deicidio. Igualmente choraba por nós, polos incrédulos futuros, dorida de que sangue de tanto valor fose derramada “inutilmente por moitos e para moitos”. Xesús díxolle, daquela, ao discípulo amado: “-Velaí a túa nai”. Tamén falou con súa Nai, nos mesmos termos, “Muller, velaí o teu fillo”, pero fíxoo por Xoán, directamente para Xoán, pois a Santísima Virxe, concibida sen pecado orixinal, ¡Deus non ía xerar o seu Unixénito nunha pecadora!, ben sabía, tíñao no seu corazón, que, ao ser Nai de quen se daba por irmán noso, nai nosa era, asemade!

Os humanos choramos de dúas maneiras: por dentro, e para dentro; por fóra, e para fóra. Non fai falta explicalo, que ben o sabemos, todos, sen excepción. Sáennos as bágoas nas desgrazas, na perda dos seres amados, na perda dos bens materiais, etc., e daquela choramos con ganas, coa dor verdadeira. O material sempre afecta ás glándulas, pero tamén abunda, lamentablemente, o ficticio, iso das “lágrimas” de crocodilo. No inmaterial, tal que nos nosos arrepentimentos, sexan do mal que fixemos, ou do ben que, podendo, non fixemos; choramos por dentro, a soas, sendo nesas ocasións, -penso eu-, cando Deus máis disposto está a consolarnos. ¿Como? ¡Obviamente subíndonos a nota no balance que leva de cada ánima, de cada un de nós!

¿Cando empeza o consolo, a consolación de Deus? ¡As “recomendacións” de Deus, en Deus, sempre son instantáneas, inmediatas! Producen efecto desde o intre en que maduramos o noso arrepentimento; pode ocorrer que non o sintamos no noso intelecto, pero está aí, asegúranolo a fe, a fe evanxélica, tan asentada e demostrada que está nos Evanxeos.

Pouco prezo é unha bágoa, aínda que sexa das boas, das de agradecemento, se a cambio recibimos ¡unha eternidade! Amén.

No profano: Na nosa Galicia, nesta “Terra rica de xente pobre”, que dixo Castelao, afeitos como viñamos a chorar, a pedir abaixando a testa, moito uso fixemos daquel dito que era, “O que non chora non mama”.
-.-


Ditosos os non violentos (os mansos) porque eles herdarán a terra. ¿Que é máis difícil de amansar, un home ou unha muller, un cabalo ou unha egua?

Amansar, tranquilizar, aplacar...; no presente de indicativo dáse a cousa por feita: Eu amanso, ti amansas, el amansa... ¡Xa; en teoría, pero na práctica non é tan doado; mira que hai séculos que saímos das cavernas e aínda gozamos coas corridas dos touros..., polo que nos gusta amansar..., ao próximo!

De Garcilaso de la Vega: “Aunque harto sabía don Diego que era irrevocable toda resolución que tomaba su prima, y que su carácter era más firme que la roca en que descansaba el castillo al que ella había dado su nombre, todavía don Diego hubiera querido contestar a aquel discurso y procurar amansar a la dama; pero ella lo estorbó retirándose de súbito a su habitación más reservada, cerrando la puerta de golpe”. ¡Onte coma hoxe; e se cadra, mañá peor!

¿Como son os mansos do Evanxeo, os mansos amansados pola relixión? ¡Uiiih, cústanos traballo entrar polo aro, e iso que nolo recomendou o Mestre! O Mestre, que nolo recordou Mateo no seu 11, 29), ben que nos dixo: “Cargade co meu xugo e aprendede min, que son bo e humilde de corazón, e atoparades acougo para as vosas almas; porque o meu xugo é levadeiro, e a miña carga leve”. As benaventuranzas, para entendelas, para acatar con plenitude o seu espírito, hai que repasalas, asimilalas no seu conxunto, sen illar ningunha, que así teremos unha idea da riqueza orixinaria dos termos evanxélicos. ¿Aceptado? ¡Pois, como din os mariños: “Avante toda!”.

Posuír a terra non é dominala senón estar por riba do terráqueo, encamiñándonos ao Ceo. Itero e reitero: As benaventuranzas son o auto retrato de Xesús; El é o verdadeiro pobre, o manso, o puro de corazón, o perseguido pola ¿xustiza?... ¡Mestre en todo, e por todo!

Gandhi estaba tan namorado, tan asombrado do sermón da montaña, que chegou a dicir: “Non me importaría se alguén demostrara, (¡unha hipótese, claro!), que o home Xesús en realidade nunca viviu, nunca existiu, e que canto se le nos Evanxeos é soamente froito da imaxinación dun autor..., porque o Sermón da Montaña permanecería, ¡sempre!, verdadeiro ante os meus ollos”. Témo-los Evanxeos, doutrina perfecta; temos os seus milagres; paixón, morte e Resurrección, e aínda así, ¡bravos! Se non fose unha fanfurriñada, eu diría que, ¡nin Deus nos amansa! Este bravío tamén serve para evidenciar o grave que foi aquela soberbia do Paraíso Terreal.

A proba máxima, excelsa, da mansedume de Cristo, no seu dobre aspecto de humildade e de paciencia, témola na súa paixón: ningún xesto de ira, ningunha ameaza, sendo, como era, Deus, Segunda Persoa Trinitaria. “Insultado, non respondía con insultos; ao padecer, non ameazaba” (1 P 2,23).

A promesa, ligada á benaventuranza dos mansos , “posuirán a terra”, realízase en diversos planos, ata a terra definitiva que é a vida eterna, -reflexións do P. Raniero Cantalamessa-, pero certamente un dos planos é o humano: a terra son os corazóns dos homes. Os mansos conquistan a confianza, atraen as almas. O santo por excelencia da mansedume e da dozura, San Francisco de Sales, tiña o costume de dicir: “Sede o máis doces que podades, e recordade que se atrapan máis moscas cunha gota de mel que cun barril de vinagre”.
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES