Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A xenerosidade na nosa contribución... Ten premio! (3)

Gómez Vilabella, Xosé M. - martes, 20 de mayo de 2025
Contribucións: Positivas e negativas.

Dar, a virtude de dar, sempre é positiva; a de recibir, en certas ocasións é negativa. O que dá da porque llo pide o corazón, a súa bondade, a súa xenerosidade; para o que recibe, tratándose dun folgazán, dun folgazán en boa idade e con boa saúde, aproveitarse das doazóns é un vicio, un fomento dos seus vicios.

Boa parte dos crimes xeráronse na pasividade dos seus feitores, na súa vagancia, na súa..., na súa inmoralidade! Xa sabemos que non abunda o traballo, o traballo xusto, rendible, pero, así sexa sachando nos hortos, ou coidando vellos e/ou impedidos, a comida gánase sempre; ¡iso, gánase, merécese! Darlles aos malandríns é tanto como axudarlles a cultivar os seus vicios, pois empézase folgando, e acábase roubando, ou incluso matando. ¡A ociosidade é a nai de tódolos vicios, de tódalas deformacións! Así, cando se nos presente unha dúbida razoable, acudamos ao cepillo de Cáritas, ou doutras institucións similares, pois nelas hai distribuidores que coñecen a parroquia, que saben, bastante ben, a quen dar e como dar.

O Mestre multiplicou os pans e mailos peixes, pero..., ¡para favorecer aos que o seguían, e tamén para evidenciarlles a súa divindade, a súa continuidade! Non llos multiplicou a San Xosé, pois colaborando no seu banco de carpinteiro gañaron, gañaban, o pan de cada día coa suor propia, da súa fronte, e non coa suor dos de enfronte. ¡Tomemos, diso, boa nota, que non é para menos!

É necesario, é prudente, e por veces o necesario está en esforzarse niso, en distinguir ao verdadeiramente necesitado da nosa axuda dos encordiantes finxidos. A mendicidade con falsidade separa, illa do mundo produtivo a seres capaces, pero pasotas; delincuentes por oficio e por natureza, que constitúen un obstáculo, tanto para a orde pública como para a prosperidade do país; con isto, e con todo, hai que aplicar criterios selectivos fundados, misericordiosos, para non caer en extremismos, como pasou, por poñer un exemplo, en España, coa Ley de vagos y maleantes, do 4 de agosto do ano 1934 (Tratamiento de vagabundos, nómadas, proxenetas y otros comportamentos antisociales), que, na súa aplicación práctica, esaxerada, exhaustiva, converteu España nun campo de concentración exasperante.
-.-

¡Que bela é a sinceridade! Se fósemos algo máis sinceros, canto sentido non tería esta familia de verbas: amor, paz, confianza... Pero a sinceridade ten que, debe, comezar por min mesmo, pois, se me empeño en enganarme tamén acabarei collendo o hábito de enganar aos demais.

¿Gústanos a xente directa, franca (con minúsculas), aberta; esa que mira de fronte? ¿Verdade que si? ¡Pois ao próximo tamén lle gustaremos nós se optamos pola verdade e pola sinceridade! A maiores tamén está, nun sentido práctico, que para ser mentireiro precísase unha memoria de elefante; xa se di que, "antes cae un mentiroso que un coxo!".

A sinceridade fórxase no crisol da intimidade familiar, pois unha educación sen o sal da sinceridade é unha comedia, un ensaio de comediantes, unha..., ¡o dito, unha farsa!

Pero a sinceridade tamén hai que administrala, porque se dan ocasións nas que pode resultar ferinte. ¡O de sempre: hai que saber ser, e saber estar; e xa que temos dous verbos para auxiliarnos, utilizalos!

¡Iso, aprender; aprender, prender, frear a lingua, a lingua e mailos feitos, pois os cabalos desbocados non dan resultado!

¿Entendido? ¡Para algo nos deu Deus a intelixencia, para entender, pero..., tamén hai que cultivala, desenrolala, aplicala!

Francisco de Quevedo á raíña Isabel de Borbón (primeira esposa de Felipe IV), para dicirllo nunha aposta, sen que se ofendese, colleu dúas flores, e ofreceullas: “Entre el clavel blanco y la rosa roja, su majestad es-coja...” Quevedo mentiu? Fíxoo con mentira piadosa, neste caso por unha broma? ¡A veces hai que ser un Quevedo para dicir unha verdade seria, sen ofender e sen mentir, cousa que require enxeño.

Tamén existe, tamén se dá, o “sincericidio”, que é unha especie de sinceridade sen prudencia; é a expresión dunha realidade obxectiva, pero sen bondade, sen beleza e sen unidade. Non se trata de mentir senón de escoller con prudencia a forma de presentar respostas para preguntas inoportunas; ¡séxase, un malabarismo dialéctico!

Os filósofos din que, por veces, requírese valor para falar o necesario no momento axeitado, pero tamén para calar cando así se deba facer; daquela, ser sincero é, por veces, ser valente.

De Descartes: É prudente non fiarse moito de quen nos teña enganado algunha vez.
A xenerosidade na nosa contribución... Ten premio! (3)
Mark Twain: Hai tres clases de mentiras: as mentiras propiamente ditas, as malditas mentiras, e, por veces, as estatísticas.

Jacinto Benavente: Non está mal unha mala mentira cando defendemos con ela unha boa verdade. ¡Que pícaro; autor teatral tiña que ser!

¿Queremos contribuír na feitura dun mundo limpo, xeneroso, pacífico, sen traizóns? Daquela aprendamos a ser sinceros, pois é unha virtude do máis benéfico.
-.-

O que levamos recibido ao longo da nosa vida, por curta que sexa, é inconmensurable, infinito; pola contra, ¿que levamos dado, que podemos incorporar á civilización, e tamén ao benestar, do noso mundo, do circundante? Esta é unha das preguntas que nos poden facer no tribunal do Ceo, cando nos chamen a declarar, cando depoñamos sobre o noso balance. Non é para asustarse, pero si para precaverse; ¡por se acaso, aprovisionemos as alforxas!

Un dos meus avós máis remotos supoño que foi aquel cavernícola da Cova da Valiña, no Vallis de Castrum Viridis, ¡que a saber como se chamaba daquela! El criouse cos rinocerontes, e eu cos porcos, que xa hai distancias. ¡Canto choveu desde aquela, e cantas herdanzas se foron transmitindo! O dito: A contribución recibida é inmensa, desde a caverna a este piso con ascensor no que vivo agora. Habitacións, moblaxe, alimentos, vestimenta, medios de transporte..., e sobre todo, ideas. Como tardou en haber un pobo, unha raza, capaces de entender a mensaxe divina, o neno Xesús demorou a súa visita, ¡non o ían entender, e aínda así, daquela, grazas aos seus milagres e a intervención do Espírito Santo! Veu, explicouse, fixo milagres, resucitou de entre os mortos..., e con iso e con todo levamos vinte séculos nebulosos, cunha boa parte da humanidade vivindo nas seitas e no paganismo. ¡Que horrible, e que fonda, foi a caída do pecado orixinal, aquela soberbia inspirada por Satanás! Pero vai sendo hora de que nos esforcemos por abri-los ollos, por contribuír a abrirllos ao noso próximo..., xa que nos temos por cristiáns!

Moito admiro, e moito me lembro do parente da miña dona, (que é neta de José Rielo Sanjurjo), aquel dominico, San José María Díaz Sanjurjo, (que foi canonizado no 1988), vítima do Tu-Duc, aló no Vietnam, quen, estando tan cómodo de bispo e de profesor, en Manila, lanzouse a predicarlles aos veciños infieis. A xenerosidade na nosa contribución... Ten premio! (3) Se abundase en nós, nos que nos chamamos seguidores de Cristo, esa valentía, ese apostolado, esa entrega, esa contribución, arestora xa sería coñecido e adorado o Calvario, desde onde sae o sol ata o seu ocaso.

Non é doado convivir coa parenta dun mártir..., que non perdoan nin os veniais! Díaz Sanjurjo, sendo bispo de Manila tivo dó dos infieis de Tonkin, e aló se foi, para evanxelizalos, pero tan valente e tan vehemente debeu ser que aquel Mandamáis, un tal Tu Duc, vietnamita, poñéndose de parte do diabro mandou que lle cortasen o garneato. Ten moito mérito ser mártir, ¡o máximo!, pero tamén é boa a prudencia, a sutileza, para coller indefenso ao diabro!
Con ese parentesco séntese obrigada a ser perfecta, ¡ela tamén!, así que, ¡imaxinarvos o que é convivir cunha santa, pois ademais de selo son esixentes! A maiores, foi adestrada na Normal de Lugo... ¡Bromas á parte: que Deus lle premie, e lle pague, o que leva educado, primeiro en min, e tamén nos nosos fillos! O malo do caso estará en que Deus, cando me pida conta dos talentos, incluirá a exemplaridade da cónxuxe, así que..., outra débeda, a maiores!
¡Sangue de mártires, semente de cristiáns!, que así o dixo, e así o escribiu, Tertuliano, no ano 197 d. de C.

Os mártires axúdannos a descubrir o gran valor do testemuño dado a Cristo ao doarlle por completo a vida. É un don que lles pode ser pedido a algúns nun momento dado, pero que se nos pide a todos día tras día, hora tras hora. San Ambrosio: “¡Cantos aínda hoxe son mártires en secreto, e dan testemuño ao Señor Xesús!”. Neste mundo ególatra, neste XXI, dubido que queden moitos desa xenerosidade; en todo caso, sempre serán poucos! (Eu, sendo civil, teño medallas militares, pero, ¿ir predicar ao Vietnam? ¡Non sei se me atrevería, aínda que mo pedise o espírito, pero a carne..., a carne é débil!).

Por pedir, pedimos que veña a nós o teu Reino...; ¡iso, recibir, pero non esquezamos que a recepción implica agradecemento, contrapartida!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES