Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A xenerosidade na nosa contribución... Ten premio! (1)

Gómez Vilabella, Xosé M. - martes, 13 de mayo de 2025
A xenerosidade na nosa contribucin... Ten premio! (1) Dedicado ao meu Párroco actual, D. Amador Martínez Santos, que me fai gozar oíndo e vendo o ben que ensina o Catecismo aos nenos.

Contribución.- A nivel xeral, unha contribución é un aporte, sexa voluntario ou forzoso, sexa a unha persoa, unha campaña, unha organización, etc.

Cando falamos de "contribución", este termo tráenos á memoria os pagos que, directa ou indirectamente, lle facemos ao Estado, ao Erario Público... ¿E logo, as outras, as outras contribucións; as persoais, as que lle debemos ao próximo, estea próximo ou lonxe? De estoutras fálase, e faise, pouco, pero tamén son obrigatorias, máxime para os bautizados.

Aquela parábola do samaritano bo? ¡Foi outra lección maxistral, das do Mestre, así que convén lembrala, tela presente!

Lucas 10: 29-37. "Pero o xurista, querendo xustificarse, preguntoulle a Xesús: -¿E quen é o meu próximo? Xesús replicou: -Unha vez un home baixaba de Xerusalén a Xericó, e asaltárono uns bandidos, que, despois de roubalo e de bourar nel, deixárono medio morto. Cadrou a baixar polo mesmo camiño un sacerdote, que, ó velo, deu un rodeo e pasou de largo. Igual fixo un clérigo, que tamén pasaba por alí. Pero un samaritano, que ía de camiño polo mesmo lugar, ó velo, sentiu mágoa; e achegándose a el, curoulle as feridas con aceite e viño, e vendoullas. Logo, montouno na súa cabalgadura, levouno a unha pousada e coidouno. Ó outro día colleu dous denarios, deullos ó pousadeiro, e díxolle: "Coida del, e cando eu volva xa che pagarei o que gastes de máis". -¿Quen dos tres che parece que foi próximo do que caeu nas mans dos bandidos? El respondeu: O que practicou a misericordia con el. Díxolle Xesús: -Pois ti vai e fai outro tanto!".

Rotundo e claro, non si? Daquela, a cumprir!

Paulo. Carta aos romanos. (15: 25-27). “Arestora vou ir a Xerusalén para facer un servicio ós irmáns, pois Macedonia e Acaia quixeron facer unha colecta a prol dos pobres que hai entre os santos de Xerusalén. Así o quixeron, e con razón, posto que están en débeda con eles. Porque, se os xentís tiveron parte nos seus bens espirituais, deben tamén á súa vez partillar con eles os materiais”. ¡Ademais de predicar, dar trigo! ¿E nós, que, que facemos, que xa temos recibido vinte séculos de apostolado; para cando o noso aprobado, a nosa Licenciatura?
-.-


Os cestos comézanse polo fondo: ¡É de ben nacidos ser agradecidos! ¿Ai, si? Daquela:

Señor, Creador Omnipotente, douche as máis expresivas gracias..., por tantas cousas! Unha das principais é, foi, que me permitises nacer nesta terra de privilexio, neste Edén galaico, precisamente no seo do catolicismo, cousa, privilexio, nunca bastante recoñecida; nin recoñecida, nin agradecida. Por se antes non o fixen, agora, si: ¡Douche as gracias; de corazón; e perdoa a demora, se é que a houbo!

Señor, vou facer unha mención sucinta, que tamén quero ser dos agradecidos. Voume lembrar de todos aqueles, ¡dalgún, xa que foron moitos!, dos que te valiches para quitarme do barro, para criarme, para educarme, para ensinarme a distinguir o ben do mal. Nisto último aínda estou verde, ¡e cos meus anos!, pois o teu, ¡o noso, xa que é común!, inimigo, Satanás, desde aquilo da Eva non se cansa de intrigar, así que temos un problema de discernimento que nos dá que tecer, ¡e non para! Xa sei que o teu Fillo, o Ben Amado, na súa oración ensinounos, ¡recomendounos!, pedir iso tan profundo, ¡tan necesario!, de que, “... líbranos do mal”, que ben traducido, do arameo, da lingua na que falaba o Mestre, significa “líbranos do maligno”, pero ese cabrón é tan cabrón que non acougará ata que ti, Señor do Ceo, o peches no inferno, definitivamente, ¡pero con sete chaves!

Cronoloxicamente, o meu, ¡o noso!, agradecemento, o inicial, o primordial, debe ser para esa parella que nos xerou. ¿Si? ¡Si, e non! Si, por criarnos, por nutrirnos, por educarnos, por instruírnos, por levarnos da man, afectuosamente, en tantas cousas! O que resulta máis escuro foi o de xerarnos, pois..., de postos a brincar, igual non pensaron nas consecuencias, na responsabilidade do seu brinquete!

Grandísimo, e seguramente que xa lles pagaches, Ti, por nós, o seu apostolado, foi o daqueles padriños bautismais, padriño e madriña, madriña e padriño, un par de apóstolos. Case nada: ¡lavarnos do pecado orixinal, precisamente coa receita que lle deu o noso Salvador, Xesús, ao seu primo, ao Xoán!

Isto último faime pensar: ¿Os de antes, que? Deus, na súa bondade infinita, cando nos redimiu fíxoo para todos, naqueles tres días que estivo cos defuntos, axudándolles a entrar no Ceo. Hoxe, coa nosa tecnoloxía, diríamos que estivo dándolle ao ascensor da gracia, subíndoos ao Ceo; de paso, deixou as portas abertas para os que viñésemos detrás, particularmente os bautizados. ¡Que día tan grande aquel do teu Nacemento; que regalo nos fixo teu Pai, que lección de humildade..., naquelas pallas!
A xenerosidade na nosa contribución... Ten premio! (1)

Nunhas pallas, ¡tiven o honor desa equiparación!, tamén miña nai, asistida pola señora Josefa do Rego. Seica era costume poñe-las nais nunha saba de liño, enriba dun brazado de palla e cerca da lareira, ¡para que non se arrefriase o crío ao saír dun lugar quente para entrar na friaxe da terra! ¡Señor, outro privilexio que agradecerche; a Ti, e por ti, á señora Manuela do Rego!

De bautizados pásase á confirmación. Este sacramento débollo, no meu caso, ao bispo de Lugo, alí en Luaces... Os rapazolos do meu lugar, pícaros eles, gastáronme o bromazo de que o bispo me ía dar..., ¡unha hostia! Deuma, si, pero, consagrada! De paso, alistoume nas filas do exército do Espírito Santo; pero non para unha guerra, senón para a paz, para esa paz impartida na terra polo propio Xesús Cristo. A única guerra que temos, que debemos cumprir, ¡obrigatoriamente ademais!, é esa que ten Deus cos anxos rebeldes. ¡Pobre daquel que deserte, do que se pase ás filas do inimigo, ás do diabro! Xa llo dixo o Mesías cando se atreveu a tentalo: “¡Vade retro, Satana!”.

Outra obriga téñoa coas persoas que me protexeron, coas que me aconsellaron: ¡Moitísimas! Tamén as houbo que, co seu mal exemplo, invitáronme a desertar, mais, para esas, como tamén nos ensinou o Mestre, "...así como nós perdoamos aos que nos ofenden...". Díxoo, mandouno, o Mestre, así que, por min, ¡fágase a túa vontade, Señor!

Xa o teño dito noutras ocasións: Débolles máis, moitísimo máis, aos inimigos que aos amigos, pois os malos puxéronme en garda, estimuláronme para reflexionar, para coñecerme mellor, para distinguir no seu espello o cariz e mailas consecuencias das súas malicias.

Confeso que levo recibido moito, pero, ¿pagueille ao próximo con igual moeda? Prégolles aos meus avogados que, nese xuízo da Porta de San Pedro, aleguen que vontade non me faltou, pero..., a carne, desde aquel tropezo do Paraíso, é débil, que xa o ten recoñecido o propio Mestre desde aquel día da oliveira! (Mateo 26,41).
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES