Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A estancia de Lola Arribe en Saint-Cricq du Gave (1953-1956)

Rivero, Manuel - lunes, 19 de mayo de 2025
Enrique Arribe Lorenzo e a súa muller Flora Dopico González, emigraron cas súas fillas María das Dores de 15 anos, Amalia de 12 e o seu fillo Jorge de 4, no ano 1953, ao municipio de Saint-Cricq du Gave, cunha poboación en torno aos 300 habitantes, pertencente á prefectura de Mont-de-Marsan, no departamento das Landas da rexión da Aquitania-Gascuña.
O pasaporte familiar emitido na Coruña o día 5 de xullo de 1953, tiña a validez por un ano, o motivo do visado concedido era a visita familiar á irmá de Flora, Maruja e ao seu marido Marcel, propietarios do "Massey", granxa agrícola, de 6 Hectáreas de extensión, na que tiñan empregados varios traballadores.
Durante ese período de tres anos, Enrique tivo que pasar varias veces a fronteira, para renovar o visado, nos consulados de Francia, unhas veces en Bilbao e outras en San Sebastián.
A familia instalouse no Massey, Enrique e Flora, como traballadores e as meniñas e o meniño, acudiron a escola. María das Dores e Amalia, ían ao liceo de Lahontan, distante de Saint-Cricq uns 3,8 km. O máis seguro, era que Jorge de 4 anos fora a escola primaria en Saint-Cricq.
Contáballe Amalia aos seus fillos, que utilizaban unha bicicleta, para desprazarse a Lahontan, como de inverno ía tanto frío, levaban no peto castañas asadas, para quentar as maos. A realidade foi que os tres viñeron coa lingua francesa ben aprendida, falaban e escribían como nativos, o neno cando chegou de volta, só se expresaba en francés, para Lola e Amalia, o dominio do francés foi un recurso moi importante na súa vida laboral, Lola como profesora de francés nos colexios do Tirso e da Compañía de María e Amalia no das Mercedarias, todos eles na cidade de Ferrol.
Varias foron as variables que influíron, tanto na ida a Saint Cricq du Gave como na volta de novo a Ferrol:
- Enrique, experto da empresa Bazán, persoa traballadora, íntegra, honrada, ética e cumpridora, non estaba cómodo co ambiente político, home de esquerdas, comprometido no pasado coa CNT, estaba recibindo presións directas, con denuncias polo seu pasado e indirectas de forma sutil, tódolos días cruzábase cun dos denunciantes, que de forma arrogante, prepotente e agresiva o intimidaba, dábase conta que a situación anunciaba, que era inmediato e certo que ía empeorar. Denuncias que co tempo se demostrou que eran falsas.
Precisaba de novos escenarios, con máis medios para a súa familia, nos que se respirara liberdade, de aí, que decidira aceitar a acollida, que lles ofreceron Marcel e Maruja. Tomou a decisión de solicitar a excedencia na empresa Bazán, por tres anos, e ir en busca de melloras familiares, tranquilidade persoal, marcar distancias e mudar de escenario.
- Se dilemas deberon de ter coa ida, a mesma situación debeuse presentar coa volta, ás dificultades coa renovación do visado, engadíase a perda do posto de traballo en Bazán ao caducar o tempo da excedencia.
Todas as alternativas ten o seu custe de oportunidade, queda a dúbida, se foi o non acertado volver ao cabo dos tres anos, o que me comenta Rafael, fillo de Amalia, que Marcel e Maruja, non tiñan fillos, que o caserón no que residían dentro da granxa, cedérono para unha escola , e que a súa nai en recordo da granxa, cando voltou a Ferrol, e tivo a oportunidade de ter un can, púxolle o nome de Massey.
Na actualidade o Massey é un centre équestre et d'équitation, propiedade da Association Massey Équitation.
Rivero, Manuel
Rivero, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES