'Si mi voz muriera...' en Afganistán
Pinto Antón, J.A. - viernes, 16 de mayo de 2025
"Si mi voz muriera en tierra..." canta o verso de Alberti e cantan con música Morente, Los Sabandeños, Los Lobos. En Afganistán non cantan. Destruíron 21.000 instrumentos musicais. E veñen de prohibir a música da voz femenina. Vinteún millóns de mulleres soportan unha carga insoportable de deberes e prohibicións que lles paraliza e invisibiliza.
No inferno feminino afgá non hai educación, nin cultura, nin sanidade, nin participación política, nin traballo, nin ocio: o sal que da sabor á vida. Só conta a vontade duns clérigos crueis e medievais que se apoderaron do poder. A teocracia afgá éche unha dictadura inaceptable no mundo das democracias e dos valores humanos. Mantense co apoio de veciños ávidos do gas natural e riqueza mineral inexplotada deste país pobre aterrorizado por matóns con kalashnikov. O ditador H. Ajunzadá, ao que ninguén elixiu, ignora que a metade da Humanidade é feminina. Que nos países onde eclosionan dereitos e libertades da muller hai benestar e desenvolvemento. Que a emancipación feminina é contrapeso da testosterona machista.
Nada destes logros da cultura, da política, da civilización e dos dereitos humanos colle no fosilizado credo duns clérigos corruptos que converten en lei a represión e o apartheid de género. Para eles, o corpo feminino é tentación e pecado. Por iso prohíben levar roupa axustada que revele as súas formas. E agora, a voz da muller en público: nin ler, falar diante dun micro, cantar. Pero nese silencio resoan con forza os seus gritos. Estes fanáticos teñen creado o seu paraíso sobre cascallos dun inferno de dor e silencio. ¿Cómo explicarlles que a Humanidade non pode voar sen as dúas ás necesarias, a feminina e a masculina? ¿Que un país que prescinde da metade do cerebro está condenado á pobreza, ao espanto, á desesperanza?
Se a familia humana da ONU non frea aos talibáns están a alentar outro éxodo. E xa son infinitos os regos de formigas humanas que escapan de infernos celestiais para vivir en paraísos humanos. O Islam non pode tolerar esta ditadura medieval e teocrática. Xa conseguiu que a pobreza sexa veciña cotiá de 42,2 millóns de seres humanos. O temible Ministerio para a Promoción da Virtude e da Prevención do Vicio éche un organismo de odio ao corpo feminino que condena ás mulleres a viviren nun cárcere de tea.
A opresión á muller non colle en ningunha relixión, e se nalgunha collera sería prescindible. Tampouco colle na carta dos dereitos humanos e dos valores democráticos. Tampouco cabe na familia humana do planeta. Dela cómpre expulsar a estes represores machistas, perseguilos e castigalos por tribunais internacionais. Son unha vergonza para a Humanidade onde a metade ten cores femininas. E fala coa voz alta, fermosa, necesaria das mulleres.

Pinto Antón, J.A.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora