Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Poesía de Avelino Díaz en 'Debezos' (Íntimas) (16)

Otero Canto, Xosé - viernes, 09 de mayo de 2025
O Neniño

En primeiro lugar, temos que dicir que na historia da métrica aparece a redondilla cruzada, (abab) en versos enneasílabos xa nas kharxas de Judá Leví (1075), mais andando os séculos XII e XIII e como modificación do tipo "abab" aparece a redondilla abrazada ::abba:: que é a que a nós nos interesa porque a emprega Avelino e que se deu a coñecer no século XIV para ir medrando esta variante, tanto, que se converte nunha das estrofas máis correntes na poesía dos Séculos de Ouro da poesía española, aparecendo na obra de teatro "Peribáñez" de Lope de Vega ou no mesmo Cervantes no "Viaje al Parnaso". O mesmo Lope no "Arte nuevo de hacer comedias" considera a esta estrofa moi adecuada para os diálogos. A estrofa desapareceu no Neoclasicismo e volve rexurdir no Romanticismo e no Modernismo e aínda despois, no Postromanticismo é empregada por Alberti en "Joselito en su gloria" e agora neste poema utilízaa Avelino Díaz nesta composición formada por cinco redondillas e cinco pareados.
Os pareados octosílabos son frecuentes en refráns, cancións, máximas, proverbios e dicires, e aquí funciona á maneira dun refrán que vai ampliando o contido segundo van aparecendo como continuidade das cinco redondillas e doutros cinco pareados con rima consonante en todos eles, excepto no terceiro, que é asonante.
A composición aseméllase a unha nana sen sela. Está dedicada a un dos fillos en especial, aínda que Avelino se refira tamén aos outros. Ao longo da composición vanse intercalando redondillas e pareados en número de cinco coa rima seguinte:
A Poesía de Avelino Díaz en 'Debezos' (Íntimas) (16)

Todas as estrofas son octosilábicas con rima consonante, excepto a do terceiro pareado, que é asonante e vén indicarnos que estamos na metade xusta da poesía porque hai dous pareados antes e outros dous despois. Tamén, é de considerar, en canto á rima, que a primeira e a quinta redondilla teñen a mesma rima (abba), coa particularidade así mesmo da repetición do primeiro verso (Crara estreliña a brilar) da primeira redondilla que vén aparecendo tamén na última que serve como peche da composición.

1ª REDONDILLA + 1º PAREADO
Na estrofa compárase o neno a unha estreliña que brilla no ceo de Avelino que é o ceo da súa existencia e o seu brillo é tan intenso que cega o corazón e a alma do seu pai que, segundo supoñemos, é Avelino, para despois pasar a un pareado que nos pon en relación coa sementeira e concretamente cun alimento moi común entre os galegos da diáspora como é o centeo que está en flor nos campos de Galicia e máis na vida de Avelino coa chegada dun novo "acheite", que supoñemos que virá cun pan debaixo dos brazos e este será de centeo que é o símbolo dos labregos traballadores e co que non se pasa fame, cumpríndose o evanxeo e o rezo do "noso pai" cando chegamos a "dánolo pan de cada día".

Redondilla:
Crara estreliña a brilar
no ceio do meu vivir
deseios que teño, d-ir
no seu brilo a me cegar

Pareado:
Ledo canta o meu amor
i-estan os centeus en fror.

2ª REDONDILLA + 2º PAREADO
Nesta estrofa a vida maniféstase como unha sementeira e os fillos como "luceiros" que brillan nesa vida do poeta, vida sentida coa metáfora do "meu vieiro" ou lugar por onde a vida transcorre: nácese, vívese, se cadra un reprodúcese, como é o caso, e mórrese, mais antes de chegar a Parca, Avelino atópase entusiasmado en como é o neno, na luz que desprende e nesa luz o seu corazón apaixónase tanto, que non é un pracer pasaxeiro, senón continuado por un baño reconfortante da súa alma chea de luz e coa que o seu corazón se somerxe nese baño onde as pompas de xabón estalan en luces de ledicia.
Entrementres, no pareado que a acompaña, as arelas do autor cúmprense ao ver como o tempo flúe representado polo madurar dos centeos:
Redondilla:
Sementeira d-ilusión
ó longo do meu vieiro:
no brilo d-este luceiro
báñase o meu corazón.
Pareado:
Cómprense os anceios meus
ô madurar os centeus.

3ª REDONDILLA+ 3º PAREADO
Por algunha razón, nesta estrofa Avelino quere resaltar algo; primeiro por ser a estrofa central, pois hai dúas redondillas antes dela e dúas redondillas despois, e segundo porque toda a rima do poema é consonante e aquí soamente o pareado leva rima asonante; como se Avelino quixese festexar algo chamándonos a atención e . . . efectivamente: Están na igrexa onde o botafumeiro está esparexendo incenso con todos os simbolismos do fume e do produto, porque se flota con rapidez indica prosperidade, mais se o fume é espeso ou denso, suxírenos a existencia de sentimentos que están gardados e é o momento de liberalos e aquí, Avelino, está liberando os seus "amores"; ao mesmo tempo o incenso emprégase para adular, loar, afagar, aloumiñar e relaxar o sistema nervioso para chegar á paz, á meditación e á curación enerxética mediante ese rito, que con toda seguridade, presumimos que é o bautizo dun dos fillos porque fóra da igrexa continúa a festa co fogueteiro e o seu estrondo para a celebración do acontecemento, que ten o significado de alegría, xúbilo, vitoria e optimismo polo nacemento dun fillo. Poderiamos pensar que sería o primeiro fillo de Avelino do mesmo nome ca o pai que naceu no 1927, ou do máis novo, Alberto, no 1940, pero non o podemos testemuñar porque tamén pode ser Armando no 1932 ou Alfredo no 1936. Todos eles se veñen xogando uns catro ou cinco anos e como veremos despois hai datos na poesía que nos desaconsellan o que pensamos de primeiras.
No pareado que representa esta estrofa están os merlos na chaira e os centeos a punto de mallalos e na aira. Como vemos, os pareados funcionan como apartes da poesía e veñen indicarnos o que Lope dicía desta estrofa, que era moi adecuada para o teatro. Esta especie de apartes, dirixidos ao público, os centeos van pasando por distintos momentos, primeiro están en flor, logo maduraron e agora xa están na aira prestos para ser mallados.
Redondilla:
Na irexa, o botafumeiro
meus amores a incensar,
fora, pra me festexar,
fai estrondo o fogueteiro.
Pareado:
Cantan os merlos na chaila
i-están os centeus na aira.

4ª REDONDILLA+ 4º PAREADO
Redondilla:
O luceiro benquerido
xunt-a min veu a morar;
xa é roseira a medrar
no meu xardín frolecido.
Pareado:
Frolece a miña roseira
cando o centeu se peneira.
Continúa a poesía no reino da luz, se denantes o neno era unha estreliña, agora é un luceiro, que coidamos que tamén está referido ao planeta Venus que aparece á alba e á tardiña e vai morar xunto de Avelino, sendo agora unha "roseira a medrar" no "xardín frolecido". Se lle facemos caso ao neno que como metáfora é unha roseira que forma parte do xardín florecido, entón temos que pensar que non sería o fillo primoxénito debido a que ese xardín "frolecido" sería a representación dos outros fillos de Avelino que estarían nese xardín seu nunha secuencia de flores.
Remata a redondilla con outro pareado referido ao centeo xa mallado, na aira, e agora limpándose o gran na peneira para ir sacando as impurezas, que sería a vida do novo abrocho ao mundo para ir descubrindo a bondade e a maldade das cousas ao ir aprendendo na escola da vida.

5ª REDONDILLA + 5º PAREADO
Redondilla
Crara estreliña, a brilar,
verde roseira, a frorir:
rosiña que quixo vir
meu vivir a enfeitizar.
Pareado:
Dôrme no berce o neniño
i-está, n-artesa, o panciño.
Remata a composición coa repetición do primeiro verso da composición "Crara estreliña, a brilar" como imaxe do nacemento dun dos fillos que tamén leva o apelativo de "rosa" dentro da "roseira" que sería familia de Avelino, incluídos, naturalmente os catro fillos e a súa esposa, Felisa Iduriaga.
No derradeiro pareado culmínase o proceso da sementeira: No primeiro "están os centeus en frol", no segundo aparece "o madurar os centeus" para posteriormente ver como no terceiro xa "están os centeus na aira", no cuarto procédese a limpalo "cando o centeu se peneira" e despois de levalo ao muíño (que non aparece nos pareados), culmínase o proceso porque xa "está, na artesa, o panciño.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES