Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'A guerra é doce para quen non a padece'

Pinto Antón, J.A. - viernes, 09 de mayo de 2025
Coa creación da ONU en 1945 a Humanidade pechaba o pesadelo dun pasado cruel e bárbaro. A familia humana creaba unha institución para resolver civilizadamente os conflitos. "Nós, os pobos das nacións unidas... resoltos a preservar ás xeracións futuras do flaxelo da guerra... a reafirmar a fe nos dereitos fundamentais...", no Preámbulo da Carta das Nacións Unidas.
Rememoramos a aquel modelo do humanismo europeo, Erasmo de Rotterdam que definía a guerra como "un monstro, unha besta salvaxe e unha peste". Pero a guerra, a pesar da ONU e do humanismo creador da mellor Europa, volve para avergoñarnos e contradicir a nosa humanidade. O personaxe de "Eloxio da loucura", Natureza, asómase ao mundo dos humanos e contempla horrorizada un campo de batalla. O mesmo que agora vemos en prime time. "¿De onde sae esa armadura de placas?, ¿eses dardos mortíferos?, ¿esa voz salvaxe e ese rostro bestial?. Esas características son máis de feras que de humanos. Eu fixen creaturas case divinas, ¿que é o que as converte en bestas?". Véxase o corpo: a pel chea de quentura, brazos feitos para o abrazo, a mente lúcida e racional. Seres humanos capaces de crear sociedades para convivir, cooperar, axudarse. A paz contrúe a prosperidade, a amizade. Pero os peores optan pola violencia e arrastran a moitos á guerra, asasinato masivo, fracaso humano.
Hai hoxe ata 56 conflitos quentes no planeta. Violencia, morte, sufrimento, destrución. En Ucraína, Gaza, Líbano, un incendio incontrolable. A Asemblea da ONU mostra a súa impotencia para deter a guerra, para sentar xuntos a falar, acordar. Volvemos a vista ao legado do humanista Erasmo. Somos seres que rin e choran. Temos o don da palabra e a razón para comunicarnos. Temos conciencia para preguntar por qué tantos optan pola loucura. Por qué nos sentimos atraídos pola violencia das armas, pola irracionalidade das bestas, polo fanatismo alentado por credos de relixións que semellan inventadas para ocultar o rostro de Deus.
Cómo nos avergoñamos dos líderes anciáns, cheos de amargura, odio e crueldade. Están detrás da agresión a Ucraína, da barbarie contra israelís secuestrados, dos crimes contra a humanidade en Gaza, en Líbano. Os anciáns crueis envían a soldados novos como ovellas ao matadoiro. Regresarán ás familias en caixas de cinc.
No mercado de futuros o odio cotiza á alza. No presente avergoña asomarse en 2024 outra vez ás guerras de bestas antepasadas. Contra o ideal humanista óptase polo regreso á barbarie. Contra a razón, a loucura de matóns, cobizosos e fanáticos. Contra o progreso, a volta atrás. Contra o paraíso na terra, estes infernos. Contra a ilustración, a escuridade. Tiña razón o romano Vegecio: 'A guerra é doce para quen non a padece'.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES