Pingas de Orballo
Rivas Delgado, Antonio - jueves, 08 de mayo de 2025
Un feixe de pensamentos
Carguei sobre o lombo un feixe de pensamentos que non dicían nada. Eran superfluos, raquíticos, mesmo ignorantes. Tamén é verdade que o feixe non pesaba. O único que pesa é a culpa e a conciencia negra. Son un bendito e teño a conciencia branca, e azul, e vermella, e amarela. Inmaculada.
O feixe dos pensamentos ateino cunha reata de esparto, na que, entre fibra e fibra, ía unha idea innecesaria, esfameada, mesmo profana; moi pouquiña cousa. Sempre houbo ideas moi pobres. Tan pobres que nin fan vulto para desenvolvelas. Nin tan sequera merecen unha oración completa.
Malia que o feixe de pensamentos non pesa, de cando en vez, déixoo caer sobre un valado e esperando a que algunha idea máis se enlea entre os ruxerruxes da vida que vai e vén polas corredoiras do tempo. En cada deixada, en cada repouso, en cada descanso nada se mete por debaixo da reata de esparto. Os propósitos, as opinións, os conceptos seguen esperando a que alguén, alguén máis intelixente os meta, os integre nese feixe de pensamentos que, semella, cada vez pesa menos.
Segundo o feixe pesa menos, a alguén as culpas lle pesarán máis. A culpa sempre pesou moito, demasiado. Ninguén está libre de culpa, nin tan sequera os benditos. Ó mellor as paradas, os descansos son máis ben para alixeirar esas culpas e non para engadir, para acumular máis e mellores ideas.
Remato o camiño da soidade descargando con parsimonia e moita pachorra o feixe dos pensamentos. Caen tan amodiño que non se mancan, que non sofren. Como as ideas, que foron tan pobres que nin vulto fixeron. A vida, ás veces, é pouquiña cousa... un salouco, un suspiro, un latexo. Vida.

Rivas Delgado, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora