Reflexións do meu amigo Balbino acerca de...
Curros Neira, Jesús - jueves, 08 de mayo de 2025
O gran apagamento
Que dúbida cabe de que a noticia da que todo o mundo fala estes días é o apagamento xeral que deixou á Península Ibérica ás escuras o pasado luns 28 de abril. Parece que é a primeira vez que ocorre unha incidencia como esta, con tal alcance e duración, na Unión Europea, aínda que non no resto do mundo. De feito, sucesos así son moeda corrente en Cuba ou en Venezuela, países aos que xa nos igualamos. E o feito é aínda máis chocante porque as autoridades políticas e os responsables da rede de abastecemento non pararon de afirmar que o noso é o mellor sistema eléctrico de todo o mundo. Mesmo cualifican como propagadores de embustes aos que poñen en dúbida tal cousa. Claro que estas autoridades son as mesmas que non hai tanto tempo afirmaban que en España nunca na vida habería un apagamento e aqueles que aseguraban o contrario non eran máis que xentalla de ultradereita fea e con cornos.
Para moita xente a experiencia do famoso "luns do apagamento" foi, sorprendentemente, unha verdadeira festa. As cafeterías enchéronse, a xente saíu á rúa para divertirse e os centros de traballo, ás escuras e sen computadores, baleiráronse. Vaia, o que se di unha esmorga.
Esa tarde atopeime co meu bo amigo Balbino, a quen custáballe crer o que estaba a suceder. Tanto el como eu xa temos unha idade e Balbino lembrábame que cando eramos uns rapaces os apagamentos eran algo frecuente que non saïamos a celebrar. Cando se ía a luz quedabas sen tele, adeus aos teus programas favoritos, eses que esperabas toda a semana! E se a cousa sucedía un venres pola noite o asunto rozaba a traxedia: perdiámonos ao amigo Félix Rodríguez de la Fuente e o Un, Dos, Tres
podía ocorrer algo peor? Pero é que ademais, e para maior inri, non podías ler cómics e tiñas que irche para a cama antes da túa hora habitual porque non se vía nada. Aquilo tiña máis ben pouco de divertido.
Pero Balbino entende que esta experiencia, nova para moitos, ten que servir para sacar algunhas conclusións. Por exemplo, agora sabemos que o mellor sistema eléctrico do mundo non é o que nunca falla. Non, o mellor sistema é o que arranxa pronto o desastre, sorprendente conclusión do noso Goberno á que xamais chegariamos pola nosa conta. Claro que parte do mérito neste caso é de Francia, que grazas ás súas numerosas centrais nucleares puido meter na nosa rede a enerxía que necesitabamos para reiniciar o sistema.
Tamén soubemos que a culpa do ocorrido foi das empresas distribuidoras e da súa voracidade por gañar diñeiro. O problema é que Rede Eléctrica de España, a empresa responsable do mantemento da rede de abastecemento, está controlada polo Estado, principal accionista da mesma. É tal o control que o Goberno exerce sobre esta "empresa privada" que a súa presidenta é un alto cargo do PSOE, ex ministra do Presidente Zapatero, que cobra máis de cincocentos corenta mil euros brutos ao ano por dirixila tal e como publicouse en numerosos medios de comunicación sen que ata a data se teña obxectado nada contra esta información. E o curioso é que esta señora é rexistradora da propiedade, ou sexa que de instalacións eléctricas e os seus problemas non creo que saiba gran cousa. Mais abofé que non é a primeira responsable política que ocupa un cargo para o que non parece, á vista dos seus estudos e a súa profesión, que teña experiencia dabondo. Véxase á maioría das persoas que ten ao seu cargo os ministerios gobernamentais, por non falar de altos cargos autonómicos e locais. Aquí todo o mundo incorre no mesmo pecado.
Esa fatídica noite descubrimos tamén canto dependemos da tecnoloxía. Bastou que faltase a luz para que non puidésemos facer nada. Non puidemos preparar a comida porque a maioría de nós ten cociñas eléctricas. Non podiamos informarnos porque non había televisión, nin internet nin nada de nada, ademais de que tampouco os responsables políticos tiñan nin idea do que ocorrera. De súpeto viaxamos cincuenta anos atrás no tempo e a xente comezou a comprar como tola cociñas de gas e transistores de pilas. Algúns non sabían nin o que era iso.
Pero non todo esa noite foi festa e tempo libre. Tamén houbo quen o pasou mal: persoas que quedaron atrapadas en ascensores sen saber cando os ían rescatar posto que non podían chamar a ninguén; pasaxeiros que quedaron atrapados en trens parados durante horas e sen cuarto de baño; avións en ruta que, segundo comentaron algúns comandantes, tiveron serios problemas para comunicarse; enfermos conectados a respiradores e a outras máquinas necesarias para a súa supervivencia desesperados porque non sabían o que aguantarían; empresas que tiveron importantes perdas polo parón; e xente, como Balbino, preocupada porque non sabían se esa situación tan excepcional e que nunca ía ocorrer prolongaríase durante días ou semanas...
Balbino contoume que un médico dun hospital público galego confesoulle que ese día o persoal sanitario tivo moitos problemas. Non é verdade que os hospitais funcionasen con normalidade. Suspendéronse consultas e operacións que non eran urxentes. O persoal de enfermería o pasou realmente mal sen saber canto tempo ían aguantar os xeradores mantendo con vida aos enfermos das UCIs.
E mentres algúns celebraban na rúa que faltase a electricidade, houbo varias vítimas causadas por incendios e outras circunstancias tráxicas debidas a este apagamento.
Pero tamén é certo que algúns celebraron que se podía vivir sen estar todo o día conectados ás redes sociais. O que ocorre é que non é necesario que falte a luz para gozar da vida ao aire libre ou da comunicación directa con outras persoas. Abonda con que deixen en paz o móbil ou o computador durante unhas poucas horas.
E por último Balbino destaca outra conclusión, que non por sabida é menos importante: temos unha clase política absolutamente incompetente. Unha semana despois do apagamento seguen sen saber que ocorreu, falan dun ataque informático que os técnicos en principio descartaron; falan do mala que é a enerxía nuclear, obviando o feito de que foi a enerxía nuclear francesa a que salvounos do colapso; seguen a dicir que temos o mellor sistema eléctrico do mundo cando os expertos culpan do problema ao exceso de enerxía renovable xa que se trata de fontes de enerxía que presentan unha gran oscilación; seguen adiante cos seus plans de pechar as centrais nucleares ou térmicas, cando os técnicos aseguran que son estas fontes as que dan estabilidade á rede evitando que as oscilacións volvan levala a 0... E así suma e segue. Ah, e descubrimos á vicepresidenta Aagesen, quen asegurou moi campanuda que "España será verde ou non será", chiripitiflática consigna que non significa absolutamente nada, pero que proba que aquí sobra ideoloxía e faltan ideas. En fin, o de sempre.

Curros Neira, Jesús