O escritor Claudio Rodríguez Fer, autor galego de obras editadas nos máis variados lugares e idiomas do mundo, acaba de publicar en Chile, neste 2025, o libro "Dostoievski y Tolstói: Paz contra poder", editado na colección Nieve y Fuego por Independently Essay, ao coidado do poeta e editor chileno Luis Cruz-Villalobos. Está previsto que a obra, accesible xa por Internet, sexa presentada este mesmo ano e no propio Chile por parte do seu autor.

Os novelistas e ensaístas decimonónicos rusos Fiódor Dostoievski e Lev Tolstói son dous dos clásicos contemporáneos máis influentes na cultura mundial e tamén dos que suscitaron máis interese en Claudio Rodríguez Fer desde a adolescencia, pois ninguén coma eles lle axudou tanto a comprender o ser humano. Ademais, de Dostoievski tomou tamén algún dos seus lemas vitais e autopoéticos ("En todas partes e en todas as cousas vou ata o final. Toda a miña vida sobrepasa os límites convencionais") e ten afirmado que o seu político preferido podería ser Tolstói, antepoñendo así o compromiso ético á pragmática política. Non é de estrañar, pois, que publicara ensaios sobre eles, por exemplo en galego en Galicia e en castelán en México, que agora reuniu e ampliou considerablemente na obra "Dostoievski y Tolstói: Paz contra poder".
O primeiro apartado deste libro trata das analoxías e das diferenzas entre Dostoievski e Tolstói, autores que Claudio Rodríguez Fer considera complementarios, xa que "unidos por la libertad irreductible que se manifestó en sus vidas, en sus pensamientos y en sus obras, Dostoievski y Tolstói mostraron como ningún otro pensador en cualquier género de escritura la necesidad de la paz en todos los niveles de la vida humana y el repudio del poder en todas sus manifestaciones sociales, justo los dos principios esencialmente humanistas y libertarios que guían mi pensamiento, mi vida, mi obra y, en consecuencia, este doble ensayo".
Seguidamente, Claudio Rodríguez Fer aborda a lenda do Grande Inquisidor, incluída na novela "Os irmáns Karamazov", de Dostoievski, utilizando unha fórmula tan rusa como a das matryoshkas, as populares bonecas de abidueira que se introducen ou se extraen unhas dentro das outras. Así, trata da literatura como coñecemento para presentar logo a Dostoievski como home atormentado e como escritor profundo e, sucesivamente, a novela de "Os irmáns Karamazov" e o capítulo de "O Grande Inquisidor", sendo este á súa vez examinado en función da obra á que pertence, do autor que a escribiu, da Rusia decimonónica na que naceu, dos problemas universais que presenta (o amor, o mal, Deus, a humanidade) e das reflexións que suscita sobre a Igrexa, o Estado, a conciencia e a liberdade.
A este respecto, sostén que Igrexa e Estado acollen ata os seus disidentes mediante a difuminación das xerarquías e a ilusión das democracias, pero nunca sería máis inquisitorial e totalitario o seu proxecto que cando, negado o Grande Inquisidor como un erro do pasado, todos o encarnásemos en mutua autorrepresión e autovixilancia, como no sistema panóptico ideado por Benthan que Foucault viu interiorizado en nós. Consecuentemente, Claudio Rodríguez Fer propón non entrar no xogo das inquisicións nin como vítimas nin como verdugos, tratando de eliminar todo vestixio inquisitorial tanto no mundo circundante coma nun mesmo, cara a unha ética da liberación sobre a que ninguén escribiu con máis profundidade que Dostoievski.
No ensaio que dedica a Tolstói trata da literatura como comuñón para logo presentar a este como escritor social e como ideólogo pacifista, e, sucesivamente, a superstición do Estado e as utopías do anarquismo crístico, do Movemento Tolstoiano, da súa escola libertaria de Yásnaia Poliana, da harmonía e do esperanto, do animalismo e do vexetarianismo, e, sobre todo, a da non violencia e da desobediencia pacífica que poden conducir á paz, á xustiza e á liberdade integrais: "Tolstói consideraba la necesidad de una revolución mental que precediese a la social, rechazando no solo la violencia establecida por el Estado autoritario, sino también la violencia revolucionaria, por lo que fue criticado en su momento desde el marxismo ruso, aunque, dada la evolución represiva de este, el tiempo acabaría por darle la razón en muchos aspectos". O propio Claudio Rodríguez Fer conecta o seu humanismo pacifista no tolstoiano Movimento por unha Alternativa Non-Violenta que descubriu en Bretaña coa ensaísta María Lopo e que desenvolveu tamén coas escritoras Carmen Blanco e Olga Novo no

proxecto "Unión Libre. Cadernos de vida e culturas", cuxo monográfico dedicado á "Paz" incluíu dúas significativas sentencias de Tolstói: "Intentar acabar coa violencia pola violencia, é como pretender apagar o lume con lume" e "Queredes suprimir o mal co mal. Pero isto é imposible. Para que non exista o mal, non o fagades!".
O mesmo Claudio Rodríguez Fer confesa neste libro a influencia da liberadora experiencia educativa de Tolstói no seu exercicio da docencia, compartido con Carmen Blanco, pois "aprendimos y aplicamos mucho de aquel vitalismo integral en nuestras aulas sin muros mentales y también fuera de ellas". En sintonía con esta actitude menciona alumnos como o logo escritor Miguel-Anxo Murado e experiencias colaborativas como as realizadas co estudantado do Instituto Ánxel Fole de Lugo, dando fe do tolstoísmo educativo que "tratamos libre y personalmente de adaptar a Galicia, primero en la enseñanza media pública y después en la Universidade de Santiago de Compostela, en la que tuvimos estudiantes que desarrollaron tanto estas ideas como la poeta Olga Novo".
O apartado final volve tratar conxuntamente da complementariedade dos dous escritores rusos, neste caso en relación co amor, coa paz e coa felicidade que estes convocan: "si Dostoievski explica perfectamente lo que no puede ser la felicidad, Tolstói explica perfectamente lo que lo es". E antes de consignar as significativas musealizacións e rutas literarias que Rusia consagrou a ambos autores, conclúe: "para Dostoievski y para Tolstói, la felicidad, tanto la exterior, en relación con los demás, como la interior, en relación con la persona misma, es ética como la paz y vital como el amor, por lo que, en inevitable consecuencia, está siempre contra el abuso y contra el poder".
Agora ben, son moitas referencias éticas, estéticas e intelectuais convocadas nestas páxinas, moitas delas rusas, pero tamén abundan as doutros países, pois van dende a estudante xudía Hélène Berr, exterminada coa súa familia polos nazis, á actriz galega María Casares, exiliada coa súa familia polos franquistas, pasando polo escritor Albert Camus, quen, como o propio Claudio Rodríguez Fer, se recoñeceu "fillo espiritual" de Dostoievski e Tolstói. Concluíndo co comezo, esta filiación está presente tamén na dedicatoria inicial do libro, consagrada ao pedagogo e pediatra integral Janusz Korczak, activista social xudeu polaco que foi asasinado no campo de exterminio nazi de Treblinka xunto ao seu alumnado, co que sempre practicou o diálogo educativo postulado por Tolstói e ao que acompañou voluntariamente ata a morte.