Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O innovador Corpo de Cristo da Igrexa de Chantada

García, Xosé Lois - jueves, 08 de mayo de 2025
Soamente o corpo en bronce é o indicativo que solemniza a divindade en conceptos innovadores dunha teoloxía do corpo, no que respecta a doutrina pauliña, que a tradición guarneceu até hoxe. O innovador Corpo de Cristo da Igrexa de Chantada A innovación da arte é outro dos aspectos determinantes a considerar no que se acolle esta escultura, nada residual, que realizou o escultor ourensán, Acisclo Manzano, un reputado artífice en idear ese suxestivo e concéntrico corpo, pendurado á dereita do frontal exterior da igrexa nova da vila do Asma. Todo un sitial de relevancia para quen sube a escalinata do templo, tendo como referencia preferente a visibilidade en súa vital ascensión, ou peregrinaxe iniciática cara un emotivo encontro con ese corpo espiritual que concentra tantos dons e misterios en ofrenda, que nos revela o Evanxeo de Marcos 14, 22: "Tomade, isto é o meu corpo". Para aqueles que escudriñan os matices dese insólito bronce que define a grandiosidade do espírito oculto nesa materia que debemos descubrir con intuición espiritual, capaz de revelarnos recónditos símbolos que conflúen en extraordinarios matices epistolares que nos deixou o apóstolo San Paulo, en todas as súas cartas que dirixiu a diversas congregacións no inicio cristián.

Paulo fai estritas referencias sobre o corpo de Xesús Cristo: na I Epístola aos Corintios, no capítulo 6 fai tres referencias: no versículo 13, subliña: “O corpo non é para impureza, senón para o Señor”; versículo 19: “Non sabedes que o voso corpo é templo do Espírito Santo que está en vós?”; versículo 20: “Glorificade, por tanto, a Deus co voso corpo”. No capítulo 12, versículo 27, da mesma carta aos Corintios, o apóstolo Paulo, insiste: “Ben, vós sodes corpo de Cristo e tamén membros, cada un pola súa parte”. Por último citemos o que el menciona no capítulo 15, versículos 35: “Pero algún preguntará: ¿como resucitan os mortos? Con que clase de corpo volverán a vida?” Neste sentido, podemos concorrer a outras interpretación doutrinarias que conforman a corporativa teologal de San Paulo, nas seguintes epístolas: en Efesios, capítulos 1, 4 e 5; Filipenses 3; Colosenses 1 e 2.

Cuantificando a relación simbiótica de todas esas citas pauliñas, en todo o que concorren os corpos dos crentes subindo as escalinatas no ir cara o corpo de Cristo, non se disimula tal encontro espiritual. Como San Paulo di na Epístola aos Romanos 12, 5: "...así nós, con sermos moitos, somos un corpo en Cristo; e individualmente somos membros uns dos outros". Ese corpo exposto no frontal da igrexa de Chantada, representa esa simbiose entre o corpo de Cristo e o corpo da comunidade cristiá.

A mimética que representa esta obra escultural, na exteriorización dese corpo escultural, lévanos á interpretación da mimese aristotélica, sobre a captación externa O innovador Corpo de Cristo da Igrexa de Chantada dun elemento material que nos convida a interiorizarnos nos símbolos que emite, por medio de elementos artísticos. Incluso suplilos incorporando os nosos membros corporais. Coido que esta escultura de Cristo, rompe o hábito de moitas persoas de observalo, no sentido clásico, aquí sen cabeza e extremidades. A ausencia destes membros, pode que desorienten a moitos observadores, mais tamén poden motivalo a posicionar a súa cabeza, mentalmente, na cimeira da escultura, e meditar sobre as dores que sentiu Xesús coa coroa de espiños. Todo un cúmulo de síntomas expresivos que moitas desas persoas poden restauras esa anatomía. Ese corpo sen cabeza, lévanos a unha reflexión de repoñela humanamente, e así editar unha santificación persoal. O mesmo acontece coa reposición de brazos, maos e pés, en formato imaxinario e confidencial que de outra maneira era difícil pensar nun transplante. Por tanto, este corpo cumpre unha función moi activa nese transplante imaxinario que nos podemos suplir.
Estas emisións psicolóxicas que recicla e integra a arte, con respecto a ese permisismo, que fomenta un status de innovación, que tantas veces foi inadmisíbel na canónica eclesiástica, capaz de apostar por imaxes clásicas e exclusivistas, que tivo problemas coa realidade creativa e artística que os artistas buscaban modelos vangardistas adaptados á realidade de innovados tempos, como dicía Luiz de Camões: “Mudan-se os tempos, mudan-se as vontades, / Muda-se o ser, muda-se a confianza; / Todo o mundo é composto de mudanza, / Tomando sempre novas qualidades”. Esa oposición contra as mudanzas e os efectos de novos valores artísticos sucedeu no século XV co pintor Hans Memling, co seu innovador cadro: “A Pasión de Cristo”, na fase de transición da Idade Media á Idade Moderna, intentaron limitar unha obra que apuntaba á un novo futuro, por aquel inmobilismo que non admitía tránsitos innovadores. O mesmo sucedeu co cadro de Alberto Durero: “Xesús entre os doutores”, do século XVI. Mais o maior sobresalto de rechazo deuse no século XIX, co cadro do belga James Ensor, titulado: “La entrada de Cristo en Bruselas” (1888), en tempos do papa tridentino, León XIII. A figura de Cristo tivo para pintores escultores e escritores, novas e excelentes modulacións un tanto inadmisíbeis polos poderes fácticos e por crentes adaptados á antiga ortodoxia. O cadro de James Ensor, non deixaba de ser provocador, mudar a entrada de Xesús de Xerusalén a Bruselas. No ámbito literario sucedeu esa translación de Xesús, por parte de Balzac: “Xesús en Flandes”. Na novela de Fiódor Dostoievski, titulada: “Os irmaos Karamazov”, narra a historia do grande inquisidor, e coloca a Xesús Cristo en Sevilla, onde é queimado vivo porque a súa presenza altera o ordenamento eclesiástico.

Igual que Unamuno, desencántanme eses cristos de corte medievalista, escuálidos, lacerados, con punzantes hemorraxias que provocan tanta perturbación idolátrica e tantos desatinos en procurar a verdadeira liberdade evanxélica de Xesús Nazareno. Esta peza de Acisclo Manzano, activada no apousento exterior do pórtico da igrexa de Chantada, non deixa de ser un activo importante de decisión do párroco, Manuel Areán, que é consciente que a ornamentación interior de dita igrexa goza dun extraordinario portento, como é o retablo central, o cenáculo, o baptisterio e as vidreiras, espléndidas creacións do escultor ceramista Neira Broschs. Con todas esas suculentas imaxes, Como a de San Francisco de Asís que fornecen esa dimensión de aceptar a este templo como un dos museos sacros mais importantes da diócese de Lugo. Non sei se disto é consciente o pobo chantadés. Por iso o párroco Areán, trata de que todo ese inventario sacro teña visibilidade no exterior da igrexa, con ese novo soporte do corpo síntese do corpo de Cristo.
García, Xosé Lois
García, Xosé Lois


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES