Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As cantareiras nas Letras do 2025

Sampedro, Pilar - jueves, 08 de mayo de 2025
A Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular de tradición oral, por medio das cantareiras. Desta maneira recoñécese a canción, a música, a poesía e as mulleres anónimas que levan séculos cantando coa axuda dunha pandeireta, dun pandeiro ou de calquera outro obxecto convertido en percusión.

A Real Academia Galega personifica ese recoñecemento nunhas mulleres determinadas:
As cantareiras nas Letras do 2025 Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica). Ten por norma facelo así: persoas determinadas que leven máis de dez anos no alén. Din que é un recoñecemento colectivo, como cando foron os trobadores da ría de Vigo en 1998, cos que se rendeu homenaxe á poesía medieval.

Toda esa boa intención (poesía oral e popular, recoñecemento colectivo, mulleres...) ten un dato ao seu favor, de repente aparecen sete mulleres na nómina de recoñecidos coas Letras, e outro en contra, moitas das cantigas que se recolleron dese tempo estaban deturpadas pola longa noite de pedra, ese tempo no que o galego estaba moi mal visto (moito máis que hoxe, aínda) e quen se prezara tiña que tentar utilizar (incluso para cantar) o castelán. Os e as que fixeron as recolleitas fixérono ben, reproducindo exactamente tal como elas cantaban e así quedaron nos arquivos que agradecemos, con toda a exactitude. Agora ben, pasado o tempo, e sabendo cal era a razón pola que cantaban nesa mestura de lingua que pretendía ser castelán pero non acababa de selo, agora toca actuar en consecuencia.

Non se trata de eliminar os inventarios e arquivos. Ben gardadiños deben estar. Pero tampouco se trata de reproducir o idioma tal e como aparece na recolleita, o normal é pasalo ao galego ou simplemente escollemos só as cantigas que están neste idioma para cantalos neste momento. Non é faltar á tradición, senón mantela viva, adaptándoa aos tempos, porque tamén é tradición que eu cante cantigas populares e o faga á miña maneira. Non o facemos cos chistes? Quen segue a contar chistes machistas, racistas ou bélicos? Será posible? Adaptamos as cantigas para que non nos doia a boca, para non avergonzarnos cando se mostran idadistas, machistas e cargados de prexuízos.

Só Antón Cortizas, o autor de literatura infantil, se atreveu a pedir en voz alta que as Letras Galegas deste ano sexan en galego. Menuda tristeza, xustamente as clases populares que mantiveron a lingua a través dos séculos van ser as que o ano en que as recoñezan o fagan en castelán ou castrapo. Cando llo comentas a determinadas persoas con responsabilidade a resposta é que os grandes o fan en galego... pero "os grandes" (como eles din) non chegan a todas partes e os que si actúan en todas as aldeas e actos son os pequenos grupos dirixidos por persoas que de forma inocente ou perversa lles escollen o repertorio.

Estamos entregados á miseria, con calquera desculpa, o que pensabamos que nos ía salvar acaba conducíndonos ó lodo. Se realmente hai que cantar o que cantaron estas mulleres ás que escoitou Dorotea Shubert, igual tamén hai que vestirse cos mandilóns que levaban elas e estar en cociñas coma as delas. Por que facemos deixadez de funcións ante o uso do galego? Por que non nos importa que se mostren cousas que deberían darnos vergonza? Por que seguimos empeñándonos no suicidio dunha cultura? Por que estamos dispostos a acabar co noso mundo?

Cultura culta e cultura popular. Di a RAG "Esta poesía, fluíu como unha corrente subterránea alternativa á denominada literatura "culta", propia das clases subalternas que a compuxeron e a fixeron medrar. É a oralidade o seu medio de expresión e transmisión, amais do seu carácter colectivo. Desenvólvese no contexto das foliadas (ou polavilas, ou seráns), celebracións da fin dos traballos agrícolas, con música e baile, ao xuntarse a xente arredor de cantadoras e pandeireteiras." Así o escolleron, con eses argumentos, pero o que vai chegando faino na parte menos defendible ata facernos preguntar a razón pola que non escolleron cancioneiros e recompiladores anteriores que non nos fixeran caer nesta vergonza. Tamén nos preguntamos a razón pola que determinadas persoas son quen de escoller as cantigas tendo en conta os valores de igualdade entre os sexos pero non son capaces de ver a necesidade de escaparlle a estas en castrapo. Por que ter que mostrar as nosas mulleres facendo ese mal papel, mostralas coa roupa rompida e manchada, pouco lavadas e sen dentes? Que queremos vender? Que queremos dicir?

Cando Rosalía escribe Cantares gallegos eu non vexo iso, de verdade que non.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES