Castelao, entre Tobío e Plácido Castro
Ríos, Xulio - miércoles, 07 de mayo de 2025
Lois Tobío e Plácido Castro ben podían ser definidos como dúas sobresaíntes expresións do universalismo galeguista. Militantes os dous do Partido Galeguista (PG), ambos compartían unha gran veneración por Castelao.
En común tiñan tamén unha moi importante paixón polo internacional. Os dous foron tan universais como galegos. Tobío estudou en Berlín e Castro no Reino Unido, este dende moi novo. Ambos os dous sen pasar Madrid, conectándose directamente desde Galicia con Europa. Os dous mantiñan posicións progresistas no seo do PG: máis marcadas no caso de Tobío pero tampouco o liberalismo de Plácido lle impediu posicionarse nos temas clave moi afastado da dereita galeguista. Compartían igualmente unha forte vocación xornalística, exercendo como articulistas en moi diferentes medios e latitudes ao longo da súa vida. Mesmo no persoal tiñan proximidade, dende a súa elevada cultura ata un carácter que fuxía dos barullos e de andar á busca de medallas.
Os dous tiñan gosto pola tradución e ata compartiron o premio outorgado pola Federación de Sociedades Galegas de Buenos Aires (1946), xunto con Delgado Gurriarán. Cousas da vida: Tobío recibiría en 2002 o Premio Plácido Castro de Tradución polo Fausto de Goethe.
Resulta curioso tamén o nexo que os une co Conde de Gondomar, tan gabado por Castelao e recoñecido nas terras do Miñor. Tobío, tralo regreso do exilio (1963), levou a cabo unha importante investigación sobre esta figura. Plácido, na súa segunda época no Reino Unido, nun Galician Programme da BBC en 1950, destacaba a súa condición de "diplomático poucas veces igualado na mestría da arte da súa profesión".
Os dous protagonizaron grandes feitos na nosa historia contemporánea. Plácido no IX Congreso de Nacionalidades Europeas (1933) en Berna onde Galicia foi recoñecida como nación. Pola súa banda, Tobío foi o ideólogo do Consello de Galiza, concibido como organismo de dereito público depositario da legalidade autonómica dimanada do plebiscito de 1936. Foi quen lle propuxo esta fórmula a Castelao, que pasaría a presidilo.
Ambos os dous ficaron impresionados pola inmensidade de Castelao e a "intensidade da súa presenza", que diría Plácido. Castelao, no Sempre en Galiza, ademais de destacar aquel recoñecemento de Berna, un fito que, tamén dicía, "hainos que non o queren creer", destaca as achegas de Plácido arredor da saudade, "esa sede insaciable de algo que, ás veces, non se sabe o que é". O "instinto da vida", como Plácido a define, en conexión co lirismo celta, é, para Castelao, un elo que nos xungue espiritualmente con Portugal, unha acepción compartida polo universalismo militante de Plácido.
Lois Tobío tivo unha relación máis próxima e intensa con Castelao. Cando preparaba o doutoramento en Madrid comentaba a diario cos deputados galeguistas a situación política construindo así unha relación de mutua admiración e respecto. Durante a guerra, leal á República, Tobío pasou a ser a man dereita do ministro de exteriores Álvarez del Vayo. Cando este quixo enviar a Castelao como embaixador a Buenos Aires, Castelao puxo como condición que fora Tobío quen puidera acompañalo como secretario e persoa de confianza. Pero Álvarez del Vayo non podía pasar sen el no ministerio e a proposta decaeu.
Tobío, que prologaría o meu "Galicia e a Sociedade das Nacións" (1992), reaccionou cualificando de "xustísimo tributo" a primeira biografía de Plácido Castro (1997, trinta anos despois da súa morte). Logo caberíame facer unha súa en 2004, ao ano de falecer.
Este triángulo virtuoso pensaba a Galicia no mundo, sempre no mundo, ademais de "Sempre en Galiza", como atinadamente titulou Castelao o seu legado. Militaban todos no ideal dun progreso con identidade, se ben tiñan unha visión diferente da diplomacia. Pese a todo, para Tobío era a súa vida. Plácido, sen embargo, era máis crítico: "é unha cousa tan delicada que non resiste a presenza da verdade".

Ríos, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora