Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Europa ante o espello

Ríos, Xulio - lunes, 12 de mayo de 2025
Unha das mellores sínteses explicativas da guerra de Ucraína foi a expresada por Xiang Lanxin, director do Institute of Security Policy de Shanghai: "Rusia non ten razón pero ten as súas razóns". É unha perspectiva moi compartida no Sur Global e a falta dela está na orixe da cegueira europea e occidental. En 2019, Macron, textualmente, certificaba a "morte cerebral" da OTAN. Poucos anos despois, a guerra na Ucraína situábana camiño dunha sorprendente resurrección.

Europa quedou sen leste en 1989. En 2025, semella quedar sen norte. Para os dilemas que afronta na actual encrucillada son insuficientes tanto Denis de Rougemont como George Steiner. Europa ante o espello A idea dunha Europa construida nos últimos oitenta anos sobre a base da oposición a un rival precisa doutras coordenadas. E se o futuro da política continental pasa por ceder ás chantaxes do cobrador do frac que nos anuncia Mark Rutte, o flamante secretario xeral da OTAN, mais nos valera non ser europeos.

As relacións entre EEUU e Europa enfrontan unha profunda transformación. O desentendemento non só resulta dos diferentes enfoques para lograr a paz en Ucraína senón da relación con Rusia e ata nas políticas internas esenciais, dende os fundamentos sistémicos ata as políticas migratorias. Fronte a China e Asia, Europa non é unha prioridade para os EEUU. Non obstante, a premisa de maximizar os intereses estadounidenses constrúese sobre a base de que a UE asuma máis custos na relación sen destruir a dependencia e esixindo un aliñamento vasalo. Esa ampliada defensa europea que se reivindica, vai ser para ofrecerlla aos EEUU ou para contribuir a un esquema de seguridade decidido polos europeos? Será para servir a unha hexemonía unipolar en decadencia ou a unha multipolaridade cooperativa?

Se Biden quería unir a Europa, Xapón e Corea do Sur para conter a China e Rusia, a principal prioridade diplomática de Trump é separar a Rusia de China. Europa debe contribuir a esa estratexia e permitir que o groso do esforzo militar estadounidense se traslade a Asia. Pero atraer a Moscova ao redil estadounidense pode ser un esforzo baldío e lograr como saldo a separación da UE dos EEUU. É moi pouco probable que os Estados Unidos e Rusia se reconcilien tan repentinamente como fixeron os Estados Unidos e China para contrarrestar a Unión Soviética no pasado.

Se a relación transatlántica tradicional está pasando a mellor vida, Europa, ante a fenda con EEUU, debera promover un enfoque construtivo na relación con China cunha mirada propia, afastada da obsesión antagónica de Trump. Unha China que, por certo, a diferenza de Rusia, é partidaria da presenza europea nas negociacións sobre o futuro de Ucraína. Nos seus dez puntos para resolver o conflito, mantén, por exemplo, o compromiso coa soberanía e integridade territorial e nin tan sequera, a día de hoxe, recoñeceu a anexión rusa de Crimea (2014). Eses matices, ao igual que o feito de que os chineses non esquecen que se viron na obriga de ceder un territorio significativo en Siberia, no afastado oriente de Rusia, a través do tratado "desigual" de Pekín de 1860 (algúns mapas chineses aínda amosan esta rexión rusa, incluida Vladivostok, cos seus antigos nomes), non impiden nin lastran unha colaboración activa ruso-chinesa. Bruxelas ten diferenzas con China pero sen ela non poderá equilibrar a desafección cos EEUU.

Europa está ante unha encrucillada histórica. A decisión de Washington de privilexiar a relación con Rusia transcende o fin da guerra en Ucraína. Europa tamén debera apostar por unha saída política para o conflito e por un compromiso coa paz que vaia máis alá, é dicir, que alente unha axenda global de pacificación que atinxa a outros focos de tensión -comezando por poñer coto aos atropelos xenocidas de Israel en Oriente Medio e evitando unha guerra con Irán- e desbotando involucrarse noutros futuros, comezando por rexeitar calquera tipo de dinámica belicista en Asia. Trump non é un pacifista.

O que Europa debe rexeitar neste momento é aceptar unha dependencia máis profunda dos Estados Unidos. O auxe continental de forzas de extrema dereita afíns ás propostas estadounidenses representa un desafío. Se Europa aspira a ter voz propia no futuro panorama global debe poñer coto ás inxerencias intolerables de EEUU na política europea.

A autonomía estratéxica de Europa é indispensable para afianzar un papel independente e unha posición específica no concerto global. O discurso en boga semella facer depender esta autonomía dun fortalecemento das capacidades militares propias. Sen embargo, a clave de bóveda non é orzamento de defensa senón a unidade e vontade políticas e o reforzamento da cohesión. Este é o maior obstáculo para definir medidas unificadas. No eido da seguridade, o camiño non é fortalecer o gasto militar axeonllándose ante o Pentágono senón recuperar aquel propósito da casa común europea que inclúa a Rusia, paulatinamente desbotado polo alargamento da OTAN.

O rumbo que Europa elixa non só afectará ás relacións transatlánticas senón que determinará o incremento substancial ou non da presión estratéxica sobre China pretendido por Trump. Non se trata de tomar partido por un ou por outro senón de fixar unha posición propia. Só así haberá espazo para unha UE relevante como actor global, capaz de buscar afinidades para sentar as bases dunha orde post-estadounidense.
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES