Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Domingo III de Pascua

Cabada Castro, Manuel - domingo, 04 de mayo de 2025
O relato de Xoán (centrado na tarefa da pesca no lago de Tiberíades) non debería ser considerado coma un relato estritamente histórico ou case fotográfico do ocorrido. Porque os outros evanxelistas, ó nos falaren da pesca milagrosa, colocan a escena antes da morte de Xesús, mentres que Xoán a sitúa despois da súa resurrección. Unha vez máis, o que a Xoán lle interesa é profundar na continuidade real, máis alá da crucifixión, entre o Xesús co que conviviran durante a súa vida e o resucitado que os seus discípulos senten e experimentan como vivo de moi diversas maneiras.

É un relato moi fermoso e emotivo polo que se refire ás preguntas que lle fai Xesús a Simón Pedro antes de lle confiar o coidado dos seus primeiros discípulos. Fermosa, detallada e reflexo vivo do traballo da pesca é a escena que se nos refire antes sobre a fracaso da pesca nocturna. Estaban cansados, frustrados e faltos de humor cando empeza a romper o día e na barca non había un rabo de peixe. Cómpre ter en conta que a pesca non era para eles, como o pode ser hoxe para os simplemente afeccionados a ela, un deporte ou unha evasión. Para eles era o seu traballo, a súa profesión, temporal polo menos. E dese traballo dependía que puidesen comer ou quizais comerciar con outros para o que precisasen. O seco "Non", co que responden ao descoñecido que deambula tan cedo á beira do lago, reflicte ben o seu estado de ánimo. Non teñen humor para latricar con el.

Aínda que ese descoñecido se vaia converter de súpeto en coñecido para quen o ama. Son as intuicións que sobre si mesmas teñen as persoas que se queren. Calquera pequeno detalle é sempre revelador. Isto foi o que lle pasou a Xoán por moito que estivese cansado de toda unha noite traballando e sen poder pegar ollo. O pequeno detalle foi en calquera caso moita cousa. Ver cos propios ollos, non só imaxinados senón reais, moitos grandes e fermosos peixes pescados grazas á simple indicación dun descoñecido e poder contalos amodiño un tras outro, iso si que é un acontecemento que non é doado esquecer. Xoán, un dos afortunados pescadores, dinos que contaron exactamente 153 peixes grandes. Endexamais esquecerían Xoán e mailos seus compañeiros o preciso e concreto número de peixes pescados: 153.

Foi ese exceso de éxito, absolutamente inesperado, o que fixo que Xoán vise ou intuíse que quen andaba pola praia non podía ser outro máis có Mestre. Primeira lección: o amor ten poder para aguzar a vista. Mais o amor de Xoán a Xesús é sempre posterior, consecuencia, do amor que Xesús lle tiña a el. Para podermos amar temos que recibir antes o impacto de alguén que nos quere, temos que ser amados antes por outro, en último (e primeiro) termo polo Deus creador e amador de canto hai. Cando Xoán coloca a escena da pesca no contexto do Xesús resucitado está a dicirnos que é a fe na Resurrección de Xesús a que nos fai ver, verdadeiramente e a fondo, os acontecementos da nosa vida, dos nosos traballos, fracasos ou éxitos.

A outra escena de Xesús con Pedro apréndenos tamén unha que podemos chamar segunda lección do Resucitado. É a seguinte: se Deus non fose esencialmente Amor non habería resurrección: nin a de Xesús nin a nosa. Só podemos vivir sen deixar endexamais de continuar a vivir se hai Alguén que -á parte de ter poder para tal cousa- tanto nos quere que non permite que a morte sexa a nosa fin. Pois ben, o Xesús resucitado non nos garante só a vida, a resurrección, trala nosa morte individual, senón tamén unha vida plena terreal. Pois é acaso vida unha vida vivida sen amor? Unha vida así, sen amor, vén sendo algo así como estar morto. Por iso o Xesús Resucitado vaille insuflar verdadeira vida e resurrección a Pedro, dándolle amor e comprobando ó tempo se Pedro o ama verdadeiramente. Saberá así se Pedro, a pesar dos seus fallos e fracasos, corresponde con amor ó amor que el lle ten.

As reiteradas preguntas que Xesús lle fai a Pedro sobre o seu amor a el fannos lembrar quizais o fermoso dito do santo de Ávila, San Xoán da Cruz: "Á tarde examinarante no amor". Si. O Xesús resucitado compórtase con Pedro de maneira semellante a unha nai que preguntara ó seu fillo pequeno se a quere. O neno quedaría case desconcertado e non sabería case que lle responder. Como non a vai querer, se el non é nada sen ela? Mais Pedro é unha persoa adulta e ó final non sabe case como responder, limitándose a lle dicir: "Señor, ti sábelo todo, ti ben sabes que te quero". Unha resposta que ten máis de admiración sobre a grandeza e o amor de Deus que de estrita contestación.

Para rematar. Como por unha parte Deus non é só Pai senón tamén Nai -tal como se expresou unha vez o papa Xoán Paulo I- e, por outra parte, no primeiro domingo de maio adoita celebrarse tamén o Día da Nai, lancemos entón un quente biquiño de amor e agradecemento a tódalas nais do mundo, que fixeron e fan presente ós seus fillos o amor de Deus, Pai-Nai de todos.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES