Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sobre o parque eólico

Río, Raúl - martes, 06 de mayo de 2025
Neste artigo seguiremos enumerando algunhas das nefastas consecuencias para as poboacións das parroquias de Monfero e as guitiricenses afectadas polo Parque Eólico "Satrebares", que por cuestión de espazo non puidemos revelar na anterior publicación.
No anterior dicíamos que exportamos case a metade da enerxía que producimos e que a Galiza so traen os proxectos que non queren noutros lugares, de aí que veñan multinacionais, que potenciadas pola Xunta, como Altri, as minas de Touro e os parques eólicos das grandes multinacionais que logo cotizan no paraíso fiscal madrileño para maior gloria de Ayuso, aquí empórcannos o aire, a auga e destruíndo os nosos montes e as nosas fontes. Sobre o parque eólico Rueda queixase do valeiras que están as aldeas, pero segundo os seus actos dá a impresión de que quere rematar con elas e co sector primario. El sabe que non é democrático, nin ético, que as institucións defendan o interese privado das multinacionais e dos grandes monopolios, que incluso queren subvencionar co noso diñeiro público, violando o interese xeral das cidadáns. É mais: Aproveita que queda pouca xente, e xa moi maior, para facer estas barbaridades.
Este tipo de "industrias" producen moitos efectos negativos para toda a poboación do seu arredor e, que saiba eu, un positivo, pero que so afecta aos veciños que lle poñan un eólico nunha finca súa, que cobrarían ao ano entre 2.500 a 3.000 euros segundo os megavatios. Quizás por este motivo un directivo da comunidade de montes dos Vilares que debeu deixar a súa conciencia no cordón umbilical, xa fai ano e medio, cando so eles sabían do proxecto e onde ía cada muíño, seica mercou algunha finca para coller ese diñeiro, mentres as fincas que se atopen nun círculo de 200 metros arredor do xerador terán que limpalas os donos sen cobrar nada e non poderán construír nin plantar árbores nelas.
Un efecto negativos xa é ollar eses monstros nos nosos montes, que lle quitan mais da metade do valor ao noso patrimonio porque ninguén ven ver muíños de vento e moito menos vivir cerca deles, pois tamén supoñen un grave perigo, xa que esas moles de mais de 200 metros fan de pararraios, atraendo as tormentas e os lóstregos para cerca das casas e eses raios tamén poden producir incendios no monte, anque é verdade que as pistas poden servir de cortafogos, eles dificultan a extinción, xa que non se poden utilizar helicópteros e ao ter exclusión aérea propia tampouco se poden utilizar avións.
Moitos deles non respectan a normativa da distancia ás casas e teremos que aguantar o enxordecedor ruído que emiten, pois si xa é malo de aguantar o producido por eólicos de 60 metros, pensemos en aturar o que producirán os de 200, superando moitas veces o permitido.
O movemento das aspas incluso poden afectar o sinal da televisión e polo "efecto discoteca" poden provocar enfermidades psíquicas, como ansiedade e non poder conciliar o sono, tendo que acudir, nalgúns casos graves, a intervención dun psicólogo. Este efecto prodúcese ao observar a sombra das aspas en movemento, que coma nunha discoteca, ven, vaise, e volve a sombra das seguintes aspas. Nestas moles tan altas, e cando está o sol baixo, ese efecto pode proxectarse a varios quilómetros de distancia.
Ademais destes graves problemas, os veciños e veciñas de Labrada, Buriz, Os Vilares e Guitiriz, terían outro moi gordo, xa que, si ou si, quedarían sen auga para as casas, para as explotacións agrarias e para a vila de Guitiriz, pois ao facer as profundas e anchas zapatas dos eólicos, ao dinamitar as penas, desaparecerían os mananciais das súas traídas.
Este tema foi o que enrabiou aos veciños e ver que a directiva do monte comunal dos Vilares nin sequera se dignou informar, como querendo deixar que o tempo fixera e despois o feito, feito estaba, colleron firmas para que fixeran unha asemblea e se posicionaran ante tal agresión, pois o seu deber era informar, preguntar aos comuneiros e defender á maioría, ou dimitir. Isto fíxoos andar e convocaron unha asemblea para o sábado 22 de febreiro, mediante unha carta na que tamén informaban que lle ían entregar a cada comuneiro 2.500 euros, limpos de po e palla, que moitos entenderon como un intento de mercar vontades, pero esa asemblea rematou como o rosario da aurora, pois no segundo punto da orde do día (aprobación da acta anterior), todos os socios e socias, e un directivo, abandonaron o lugar, porque seica non se trataba da anterior, senón que seica era unha mestura de actas anteriores; un directivo dimitiu e os outros quedaron alí co diñeiro que ían repartir no oitavo punto da orde do día.
Esta vez trunfou a dignidade, pero ogallá a avaricia non divida á sociedade e sigamos loitando todas para que non degraden as nosas fincas nin as nosas casas, e os veciños da vila guitiricense e das aldeas dos Vilares, Buriz e Labrada poidan seguir bebendo a auga limpa e pura que mana no cordal de Montouto.
Río, Raúl
Río, Raúl


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES